BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w23 outubro páx. 30-páx. 31 par. 2
  • Preguntas dos lectores

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Preguntas dos lectores
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
w23 outubro páx. 30-páx. 31 par. 2
Unha familia e outros israelitas recollendo maná no deserto.

Preguntas dos lectores

Tiñan algo máis que comer no deserto os israelitas á parte de maná e codornices?

A comida principal dos israelitas durante os 40 anos que estiveron no deserto foi o maná (Éx. 16:35). Ademais, Xehová deulles codornices, ou paspallás, en dúas ocasións (Éx. 16:12, 13; Núm. 11:31). Pero tamén tiñan outros alimentos.

Por exemplo, ás veces Xehová dirixíaos a un “sitio onde repousar” no que encontraban auga para beber e algo de comida para cubrir as súas necesidades (Núm. 10:33). Un destes sitios foi o oasis de Elim, “onde había doce fontes e setenta palmeiras”, seguramente datileiras (Éx. 15:27). O libro Plants of the Bible explica que este tipo de palmeira “dáse nunha zona xeográfica moi ampla, [...] e é o principal subministro de alimento no deserto. Prové comida e aceite, e serve de refuxio para millóns de persoas”.

É probable que os israelitas tamén parasen no oasis de Feiran, o máis grande coñecido a día de hoxe, que se sitúa no Uadi Feiran.a O libro Discovering the World of the Bible di que este uadi, ou val fluvial, “ten unha lonxitude de 130 km, sendo así un dos máis longos, máis bonitos e máis famosos uadis do Sinaí”. Ademais, segue dicindo: “Neste uadi, a uns 610 m sobre o nivel do mar e a uns 45 km da súa desembocadura, encóntrase o oasis de Feiran, cunha extensión de 4,8 km. Este lugar cargado de miles de palmeiras é tan fermoso que se comparou ó xardín de Edén. Dende tempos antigos, a xente vén a este lugar atraída pola súa gran cantidade de palmeiras datileiras”.

Palmeiras datileiras nun oasis. Un recadro mostra un acio de dátiles dunha palmeira.

Palmeiras datileiras no oasis de Feiran

Cando saíron de Exipto, os israelitas levaron con eles masa de fariña, artesas e posiblemente algo de cereais e aceite. Claro, estas cousas non lles ían durar moito tempo. Ademais, a xente tamén levou “rabaños de ovellas e de vacas e gando en grande cantidade” (Éx. 12:34-39). Pero, debido ás duras condicións do deserto, é moi probable que a cantidade de animais se fose reducindo co tempo. Quizais tamén comeron algúns deles e ofreceron outros como sacrificio, incluso a deuses falsos (Feit. 7:39-43).b De todas formas, a Biblia si explica que criaron animais. Proba disto é a resposta que lle deu Xehová ó pobo despois de que este o desobedecera. El díxolles: “Os vosos fillos chegarán a ser pastores no deserto 40 anos” (Núm. 14:33, TNM). Así que, é posible que os seus animais lles desen leite e, nalgunhas ocasións, carne para comer, aínda que quizais non o suficiente como para manter un grupo duns 3 millóns de persoas durante 40 anos.c

Entón, onde atopaban os animais auga e comida?d Pode que nese tempo chovese máis e por iso houbese máis vexetación no deserto. O volume 1 do libro Perspicacia para comprender las Escrituras (dispoñible en español) explica que, hai 3.500 anos, “a auga en Arabia escaseaba menos que na actualidade. A existencia de moitos uadis ou vales profundos e secos, que nun tempo foron leitos de ríos, é unha proba de que no pasado houbo suficiente precipitación pluvial como para producir correntes de auga que fluísen por eles”. Aínda así, o deserto era un lugar árido e que impoñía respecto (Dt. 8:14-16). De feito, se non fose pola auga que Xehová lles deu ós israelitas e ós seus animais de forma milagrosa, seguramente acabarían morrendo alí (Éx. 15:22-25; 17:1-6; Núm. 20:2, 11).

De todas formas, Moisés díxolles ós israelitas que Xehová lles dera o maná para comer “co fin de [lles] dar a coñecer que non soamente do pan vive feliz o home, senón que o home vive feliz con todo o que sae da boca do Señor” (Dt. 8:3).

a Ver La Atalaya do 1 de maio de 1992, páxinas 24 e 25 (dispoñible en español).

b A Biblia menciona dúas ocasións nas que se sacrificaron animais a Xehová no deserto. A primeira foi cando se instaurou o sacerdocio e a segunda, na Pascua. Os dous sucesos tiveron lugar no ano 1512 a. n. e., arredor dun ano despois de que os israelitas saísen de Exipto (Lev. 8:14–9:24; Núm. 9:1-5).

c Cando se achegaba o fin dos 40 anos que tiñan que pasar no deserto, os israelitas tomaron como botín de guerra centos de miles de animais (Núm. 31:32-34). Aínda así, seguiron alimentándose de maná ata que entraron na Terra Prometida (Xos. 5:10-12).

d Non hai nada que indique que os animais tamén comesen maná. De feito, a Biblia explica que se repartía segundo a cantidade que unha persoa podía comer (Éx. 16:15, 16).

    Publicacións en galego (1993-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir