Segunda Carta ós Tesalonicenses
2 Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos, irmáns, 2 que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer. 3 Que ninguén vos trabuque de ningún xeito. Porque primeiro ten que vi-la apostasía e manifestarse o impío por excelencia, a perdición en persoa; 4 aquel que se opón e se levanta contra todo o que se chame Deus ou que sexa digno de culto, ata chegar a sentarse el no templo de Deus, proclamando que el mesmo é Deus.
5 ¿Non vos acorda que, cando aínda estaba convosco, xa volo dicía? 6 E agora xa sabedes qué é o que o detén, para que se mostre únicamente no seu preciso tempo. 7 Pois a misteriosa iniquidade xa está actuando; só cómpre que lle quiten do medio a quen a detén. 8 E daquela mostrarase o Impío, a quen o Señor matará co sopro da súa boca e aniquilará co resplandor da súa Vinda. 9 A vinda dese Impío será obra de Satanás, será con poder, con portentos e con prodixios trapalleiros, 10 e con toda a seducción que exerce a inxustiza en cantos se han de perder, por non acolleren o amor da verdade que os ía salvar. 11 E por iso mándalles Deus unha forza enganadora, para que crean na falsidade, 12 e así se condenen tódolos que non creron na verdade senón que se deleitaron na seducción.
13 Pero por vós, irmáns benqueridos do Señor, debémoslle dar gracias sempre ó Señor porque desde o comezo escolleuvos Deus para salvarvos santificándovos co Espírito e dándovos fe na verdade. 14 Para iso chamouvos polo noso Evanxeo, de xeito que logréde-la gloria do noso Señor Xesús Cristo. 15 Polo tanto, irmáns, mantédevos rexos e retede ben as ensinanzas que vos aprendemos tanto de palabra coma por carta. 16 E que o mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, 17 vos dea ánimos e vos afinque en toda obra e palabra boa.