As boas noticias segundo Marcos
7 Entón, os fariseos e algúns escribas que viñeran de Xerusalén xuntáronse arredor de Xesús 2 e viron que algúns dos discípulos de Xesús estaban comendo coas mans contaminadas, é dicir, sen lavalas antes*. 3 (Os fariseos e tódolos demais xudeus non comen sen antes lavar as mans ata o cóbado porque se apegan á tradición dos seus antepasados. 4 E cando volven do mercado non comen sen lavarse antes. Tamén se apegan a moitas outras tradicións do pasado, como meter na auga* as copas, as xarras e os recipientes de cobre.) 5 Por iso, estes fariseos e escribas preguntáronlle: “Por que os teus discípulos comen coas mans contaminadas en vez de seguir a tradición dos nosos antepasados?”. 6 El díxolles: “Hipócritas, con razón Isaías profetizou sobre vós o que está escrito: ‘Este pobo hónrame cos labios pero o seu corazón está moi lonxe de min. 7 Non vale de nada que me estean adorando, porque o que ensinan baséase en mandamentos de homes’. 8 Vós deixades de lado os mandamentos de Deus e apegádesvos ás tradicións dos homes”.
9 Ademais díxolles: “Que ben se vos dá deixar de lado os mandamentos de Deus para manter as vosas tradicións! 10 Por exemplo, Moisés dixo ‘Honra a teu pai e a túa nai’, e tamén ‘Quen fale con desprezo do seu pai ou da súa nai* terá que morrer’. 11 Pero vós dicides: ‘Alguén pode dicirlle a seu pai ou a súa nai: “Todo o que teño e que podería usar para axudarche é korbán”’ (é dicir, un regalo dedicado a Deus). 12 E así xa non lle permitides facer nadiña polo seu pai ou pola súa nai. 13 Desta maneira, coas tradicións que lles transmitides a outros, estades anulando a palabra de Deus. E facedes moitas outras cousas coma esta”. 14 Entón pediulle outra vez á multitude que se acercase e díxolles: “Escoitádeme todos. Entendede o significado do que vos digo. 15 Non hai nada que estea fóra dunha persoa que poida contaminala ó entrar nela. As cousas que contaminan unha persoa son as que saen dela”. 16 —*
17 Cando Xesús deixou a xente, entrou nunha casa e os discípulos empezaron a preguntarlle sobre a comparación. 18 E el respondeulles: “E logo vós tampouco sodes capaces de entendelo? Non vos dades conta de que non hai nada que estea fóra dunha persoa que poida contaminala ó entrar nela? 19 Porque non entra no corazón, senón no estómago, e acaba saíndo do corpo”. Así, Xesús declarou puros tódolos alimentos. 20 E tamén dixo: “O que sae dunha persoa é o que a contamina. 21 Porque de dentro do corazón saen razoamentos malos que poderían levar a inmoralidade sexual*, roubos, asasinatos, 22 adulterios, cobiza*, actos de maldade, engano, conduta descarada*, envexa*, blasfemia, arrogancia e insensatez. 23 Todas estas cousas malas saen de dentro e contaminan a persoa”.
24 Despois marchou e foi á rexión de Tiro e Sidón. Alí entrou nunha casa porque non quería que ninguén soubese que estaba alí, pero non o puido evitar. 25 Tan pronto como chegou, unha muller que tiña unha nena pequena que estaba posuída por un demo escoitou falar de Xesús. Entón ela veu e botouse ó chan diante del. 26 A muller (que era grega, de nacionalidade sirofenicia*), pediulle unha e outra vez que botase o demo fóra da súa filla. 27 Pero Xesús respondeulle: “Primeiro deixa que coman os fillos ata que non teñan máis fame, porque non está ben quitarlles o pan ós fillos para botárllelo ós canciños”. 28 E ela díxolle: “É certo, señor, pero ata os canciños que están debaixo da mesa comen das miguiñas que lles caen ós nenos”. 29 Entón el contestoulle: “Vaite tranquila. Por dicir iso, o demo saíu da túa filla”. 30 Así que ela volveu á súa casa e, cando chegou, viu que a nena estaba deitada na cama e que o demo xa marchara.
31 Cando Xesús volveu da rexión de Tiro, foi ó mar de Galilea pasando por Sidón e pola rexión da Decápolis*. 32 Entón trouxéronlle un xordo que ademais non era capaz de falar ben, e suplicáronlle que puxese as mans sobre el. 33 Xesús levouno a un lado, lonxe da xente. Puxo os seus dedos nos oídos do home e, despois de cuspir, tocoulle a lingua. 34 Entón, suspirou profundamente mirando para o ceo, xirouse cara ó home e díxolle “Éfaza”, que quere dicir “Ábrete”. 35 Inmediatamente, abríronselle os oídos, o seu problema na fala desapareceu e empezou a falar ben. 36 Despois, Xesús mandoulle á xente que non llo contasen a ninguén. Pero canto máis llelo dicía, máis o contaban. 37 De feito, estaban totalmente impresionados e dicían: “Faino todo ben. Ata fai que os xordos oian e os mudos falen!”.