As boas noticias segundo Mateo
5 Cando Xesús viu as multitudes, subiu á ladeira dunha montaña e sentouse alí. Entón, acercáronselle os seus discípulos 2 e el empezou a ensinarlles. Díxolles:
3 “Felices os que recoñecen que necesitan a guía de Deus*, porque deles é o Reino dos ceos.
4 ”Felices os que se lamentan, porque serán consolados.
5 ”Felices os que son apracibles*, porque herdarán a terra.
6 ”Felices os que teñen fame e sede de xustiza, porque quedarán totalmente satisfeitos.
7 ”Felices os que mostran misericordia*, porque a eles mostraráselles misericordia.
8 ”Felices os que teñen un corazón puro, porque verán* a Deus.
9 ”Felices os que promoven a paz*, porque se lles chamará fillos de Deus.
10 ”Felices os que foron perseguidos por causa da xustiza*, porque deles é o Reino dos ceos.
11 ”Felices vós cando, por causa miña, a xente vos insulte, vos persiga e diga todo tipo de mentiras e de cousas malas sobre vós. 12 Ós profetas que viviron antes ca vós tamén os perseguiron da mesma maneira. Así que estade felices e cheos de alegría porque a vosa recompensa nos ceos é grande.
13 ”Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal perde a súa forza, pode recuperala? Xa non serve para nada, só para tiralo fóra e que a xente o pise.
14 ”Vós sodes a luz do mundo. Unha cidade non se pode esconder se está no alto dunha montaña. 15 Se alguén prende un candil*, non o tapa cun cesto, senón que o pon nun sitio alto para que ilumine a tódolos que están na casa. 16 Da mesma forma, facede que a vosa luz brille diante da xente. Así, verán as vosas boas obras e daranlle gloria ó voso Pai que está nos ceos.
17 ”Non pensedes que vin para anular a Lei ou os Profetas*. Non vin para anular, senón para cumprir. 18 Asegúrovos que non desaparecerá nin a letra máis pequena nin un só trazo dunha letra da Lei ata que todo se cumpra. Antes desaparecerían o ceo e a terra! 19 Así que calquera que desobedeza un dos mandamentos máis pequenos e lles ensine a outros a facer o mesmo non será aceptado no* Reino dos ceos. Pero calquera que siga a Lei e lles ensine a outros a obedecela será aceptado no* Reino dos ceos. 20 Dígovos que se a vosa maneira de practicar a xustiza non é superior á dos escribas e á dos fariseos*, nunca ides entrar no Reino dos ceos.
21 ”Xa escoitastes que se lles dixo ós vosos antepasados: ‘Non asasines. E calquera que cometa un asasinato terá que responder ante o tribunal de xustiza’. 22 Pero eu dígovos que todo o que siga estando furioso co seu irmán terá que responder ante o tribunal de xustiza*. Calquera que insulte con desprezo ó seu irmán terá que responder ante o Tribunal Supremo. E calquera que lle diga ‘Estúpido, non vales para nada!’ pode acabar na Guehena* de lume.
23 ”Se estás levando a túa ofrenda ó altar* e alí te acordas de que teu irmán ten algo contra ti, 24 deixa a túa ofrenda diante do altar e vaite. Primeiro, fai as paces co teu irmán, e despois volve e fai a túa ofrenda.
25 ”Se alguén que está en contra de ti te leva a xuízo, intenta resolver o problema con el canto antes, mentres aínda ides de camiño ó tribunal. Se non o fas, pode que esa persoa te deixe nas mans do xuíz, que o xuíz te condene e te entregue ó garda do tribunal, e que acabes na prisión. 26 Asegúroche que non sairás de alí ata que pagues a última moediña*.
27 ”Escoitastes que se dixo: ‘Non cometas adulterio’. 28 Pero eu dígovos que calquera que segue mirando unha muller que non é a súa ata o punto de querer ter relacións sexuais con ela, xa cometeu adulterio con ela no seu corazón. 29 Así que se o teu ollo dereito te está facendo tropezar*, arráncao e tírao lonxe de ti. É mellor que perdas unha parte do teu corpo, e non que todo o teu corpo acabe na Guehena*. 30 E se a túa man dereita te está facendo tropezar, córtaa e tíraa lonxe de ti. É mellor que perdas unha parte do teu corpo, e non que todo o teu corpo acabe na Guehena.
31 ”Tamén se dixo: ‘Calquera que se divorcie da súa muller ten que darlle un certificado de divorcio’. 32 Pero eu dígovos que se un home se divorcia da súa muller, a non ser que sexa por inmoralidade sexual*, pona en perigo de cometer adulterio. E calquera que case con esa muller divorciada tamén comete adulterio.
33 ”Tamén escoitastes que se lles dixo ós vosos antepasados: ‘Non debes facer un xuramento* e despois non cumprilo. Debes cumprir todo o que lle prometas* a Xehová*’. 34 Pero eu dígovos: non fagades ningún xuramento. Non xuredes polo ceo, porque é o trono de Deus. 35 Non xuredes pola terra, porque é o banco para os seus pés. Nin por Xerusalén, porque é a cidade do gran Rei*. 36 Tampouco xures pola túa cabeza*, porque non podes facer que un pelo se volva branco ou negro. 37 Simplemente, cando digades ‘si’ que sexa si, e cando digades ‘non’ que sexa non. Porque se dicides calquera cousa que vaia máis alá disto, estades imitando o Maligno.
38 ”Escoitastes que se dixo: ‘Ollo por ollo e dente por dente’. 39 Pero eu dígovos: non vos enfrontedes a unha mala persoa. Se alguén che pega na meixela dereita, ponlle tamén a outra meixela. 40 Se alguén quere levarte ó tribunal para quitarche a túa túnica*, deixa que quede tamén co teu manto*. 41 E se alguén con autoridade te obriga a ir con el unha milla, vai con el dúas*. 42 Se alguén che pide algo, dállo. E se alguén quere que lle prestes* algo, non te negues a facelo.
43 ”Escoitastes que se dixo: ‘Ama os demais*, pero odia os teus inimigos’. 44 Pero eu dígovos: seguide amando os vosos inimigos e orando polos que vos perseguen. 45 Así demostraredes que sodes fillos do voso Pai que está nos ceos. El fai saír o sol sobre bos e malos, e fai chover sobre xustos e inxustos. 46 Porque se só amades a quen vos ama, que premio merecedes? Non fan o mesmo os cobradores de impostos? 47 Se só saudades os vosos irmáns, que ten iso de especial? Non fai o mesmo a xente das nacións*? 48 Polo tanto, tedes que ser perfectos* igual que o voso Pai celestial.