Carta ós Romanos
12 Polo tanto, irmáns, xa que Deus vos mostrou a súa compaixón, suplícovos que ofrezades os vosos corpos como un sacrificio vivo, santo e que lle agrade a Deus. Así usaredes a vosa capacidade de razoar para darlle servizo sagrado. 2 Non deixedes que este mundo* vos siga moldeando. En vez diso, transformádevos renovando a vosa mente, para que comprobedes por vós mesmos cal é a boa, agradable e perfecta vontade de Deus.
3 Pola bondade inmerecida que se me mostrou, dígolle a cada un de vós que non pense de si mesmo máis do que debe pensar, senón que pense dunha maneira que demostre bo xuízo, de acordo coa fe que Deus lle deu*. 4 Porque igual que nun só corpo hai moitas partes* pero non todas teñen a mesma función, 5 nós tamén, aínda que somos moitos, formamos un só corpo porque estamos unidos a Cristo, pero individualmente somos membros que estamos unidos uns ós outros. 6 Así que temos distintos dons segundo a bondade inmerecida que se nos mostrou. Se é profetizar, profeticemos de acordo coa nosa fe. 7 Se é servir os demais, sirvamos*. Se alguén ten o don de ensinar, que ensine. 8 O que anima*, que anime*. O que dá*, que o faga con xenerosidade. O que dirixe*, que o faga con dilixencia*. E o que mostra misericordia, que o faga con alegría.
9 Que o voso amor non sexa hipócrita. Odiade intensamente o que é malo e apegádevos ó que é bo. 10 Mostrádevos amor fraternal e profundo cariño. Tomade a iniciativa de honrarvos uns ós outros. 11 Sede traballadores, non sexades vagos. Que o espírito santo vos encha de entusiasmo*. Sede escravos de Xehová*. 12 Alegrádevos pola esperanza. Aguantade cando pasedes por dificultades. Non deixedes de orar nunca. 13 Compartide o que tedes cos santos* segundo as necesidades que teñan. Sede hospitalarios sempre. 14 Seguide bendicindo os que vos perseguen. Bendicídeos e non os maldigades. 15 Alegrádevos cos que se alegran, chorade cos que choran. 16 Vede os demais igual que vos vedes* a vós mesmos. Non vos centredes en cousas grandes*. Máis ben, deixádevos guiar por cousas humildes. Non pensedes que sodes máis sabios que os demais.
17 Non devolvades mal por mal a ninguén. Tede en conta o que todos pensan que está ben. 18 Se é posible, ata onde dependa de vós, vivide en paz con todos. 19 Meus queridos irmáns, non vos vinguedes. En vez diso, deixádeo en mans da ira de Deus. Porque está escrito: “‘A vinganza é miña. Eu dareilles o que merecen’, di Xehová*”. 20 Pero “se o teu inimigo ten fame, dálle de comer, e se ten sede, dálle algo de beber. Porque así abrandarás o seu corazón coma se fose un metal que se funde co lume*”. 21 Non te deixes vencer polo mal. En vez diso, sigue vencendo o mal co ben.