As boas noticias segundo Xoán
21 Despois disto, Xesús volvéuselles a aparecer ós discípulos, esta vez xunto ó mar de Tiberíades. Isto foi o que pasou. 2 Estaban xuntos Simón Pedro, Tomás (ó que lle chamaban o Xemelgo), Natanael de Caná de Galilea, os fillos de Zebedeo e dous discípulos máis. 3 Entón Simón Pedro díxolles: “Vou pescar”. E eles dixéronlle: “Imos contigo”. Así que marcharon e subiron á barca. Pero aquela noite non pescaron nada.
4 Cando xa empezaba a facerse de día, Xesús estaba na praia, pero os discípulos non se deron conta de que era el. 5 Entón Xesús díxolles: “Filliños, non tedes nada* para comer, verdade?”. E eles responderon: “Non”. 6 Así que el díxolles: “Botade a rede polo lado dereito da barca e encontraredes peixes”. Eles botárona e a rede encheuse de tantos peixes que non podían subila. 7 Entón o discípulo ó que Xesús quería moito díxolle a Pedro: “É o Señor!”. Cando Simón Pedro escoitou que era o Señor, puxo a roupa, porque estaba espido*, e tirouse ó mar. 8 Pero os outros discípulos foron na barquiña arrastrando a rede chea de peixes, porque non estaban lonxe da beira. Estaban só a uns 90 metros*.
9 Cando chegaron a terra, viron que había unhas brasas e peixe enriba delas, e tamén había pan. 10 E Xesús díxolles: “Traede algúns dos peixes que acabades de pescar”. 11 Así que Simón Pedro subiu á barca e arrastrou a rede ata terra. A rede estaba chea de peixes grandes: había 153. Pero aínda que eran moitos, a rede non rompeu. 12 Xesús díxolles: “Vinde almorzar”. Ningún dos discípulos se atrevía a preguntarlle quen era, porque sabían que era o Señor. 13 Entón Xesús colleu o pan e déullelo ós discípulos, e fixo o mesmo co peixe. 14 Esta foi a terceira vez que Xesús se lles apareceu ós seus discípulos despois de resucitar* de entre os mortos.
15 Cando acabaron de almorzar, Xesús preguntoulle a Simón Pedro: “Simón, fillo de Xoán, ámasme máis que a estes?”. El respondeulle: “Si, Señor, ti sabes que te quero*”. E Xesús díxolle: “Alimenta os meus años”. 16 Despois preguntoulle por segunda vez: “Simón, fillo de Xoán, ámasme?”. El respondeulle: “Si, Señor, ti sabes que te quero”. E Xesús díxolle: “Pastorea as miñas ovelliñas”. 17 E Xesús preguntoulle por terceira vez: “Simón, fillo de Xoán, quéresme*?”. Pedro púxose triste porque lle preguntara tres veces se o quería, así que lle dixo: “Señor, ti sábelo todo. Ti sabes que te quero”. E Xesús díxolle: “Alimenta as miñas ovelliñas. 18 De verdade che aseguro que, cando eras máis novo, vestíaste ti mesmo e andabas por onde querías. Pero cando sexas vello, estirarás as mans e vestirate outro, e levarate a onde non queiras”. 19 Dixo isto para indicar a clase de morte coa que Pedro lle daría gloria a Deus. Despois Xesús díxolle: “Continúa seguíndome”.
20 Pedro xirouse e viu que detrás deles viña o discípulo ó que Xesús quería moito, o mesmo discípulo que na cea se recostara no peito de Xesús e lle preguntara: “Señor, quen te vai traizoar?”. 21 Cando o viu, Pedro preguntoulle a Xesús: “Señor, e que vai pasar con el?”. 22 Xesús díxolle: “Se quero que quede aquí ata que eu veña, que ten que ver iso contigo? Ti continúa seguíndome”. 23 Por iso entre os irmáns empezou a correr o rumor de que este discípulo non ía morrer. Pero Xesús non lle dixo que non morrería, senón que dixo: “Se quero que quede aquí ata que eu veña, que ten que ver iso contigo?”.
24 Este é o discípulo que dá testemuño sobre estas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro.
25 De feito, Xesús fixo moitas outras cousas que, se algunha vez se escribisen en detalle, supoño que no mundo non habería suficiente sitio para os rolos que se escribirían.