Carta de Santiago
3 Meus irmáns, entre vós non debería haber moitos que se fagan mestres, porque sabedes que seremos xulgados dunha maneira máis dura. 2 Porque todos tropezamos* moitas veces. Se alguén non tropeza nunca cando fala é unha persoa perfecta, capaz de controlar* tamén todo o seu corpo. 3 Cando lles poñemos freos na boca ós cabalos para que nos obedezan, tamén controlamos todo o seu corpo. 4 Ademais, fixádevos nos barcos. Aínda que sexan moi grandes e os impulsen ventos fortes, diríxense cun pequeno timón e van cara a onde queira ir quen manexa o timón.
5 O mesmo pasa coa lingua. Aínda que é unha parte pequena do corpo, presume de grandes cousas. Fixádevos con que lume tan pequeno se pode incendiar un gran bosque! 6 A lingua tamén é un lume. É unha parte do noso corpo que está chea de inxustiza*, porque contamina todo o corpo. Pode destruír a vida dunha persoa e provoca destrución igual que a Guehena*. 7 Os humanos poden domar, e de feito xa domaron, toda clase de animais salvaxes, aves, réptiles e animais mariños. 8 Pero ningún humano pode domar a lingua. É incontrolable, fai dano e está chea de veleno mortal. 9 Coa lingua louvamos a Xehová*, o Pai, pero tamén maldicimos os homes que foron creados “parecidos a* Deus”. 10 Da mesma boca saen bendicións e maldicións.
Meus irmáns, non está ben que pase isto. 11 Da mesma fonte non pode saír auga doce e auga amarga, verdade? 12 Meus irmáns, a figueira non pode dar olivas nin a vide pode dar figos, non? Tampouco pode ser que dunha fonte de auga salgada saia auga doce.
13 Quen é sabio e entendido entre vós? Que co seu bo comportamento demostre que actúa coa apracibilidade que dá a sabedoría. 14 Pero se no voso corazón tedes celos amargos e un espírito conflitivo*, non andedes presumindo nin dicindo cousas que van en contra da verdade. 15 Esta non é a sabedoría que vén de arriba, senón que é terreal, animal e demoníaca. 16 Porque onde hai celos e un espírito conflitivo* tamén haberá desorde e todo tipo de cousas malas.
17 Pero a sabedoría de arriba é en primeiro lugar pura, despois pacífica e razoable, está lista para obedecer e chea de misericordia e de bos froitos, non fai diferenzas entre as persoas* e non é hipócrita. 18 Ademais, o froito da xustiza seméntase en condicións pacíficas para o beneficio dos* que promoven a paz.