Carta ós Hebreos
8 Este é o punto principal do que estamos dicindo: temos un sumo sacerdote que é así, e el sentouse á dereita do trono da Maxestade nos ceos. 2 El é un servo* do lugar santo e da tenda verdadeira* que estableceu Xehová*, e non o home. 3 Porque tódolos sumos sacerdotes son escollidos para facer tanto ofrendas como sacrificios, e por iso facía falta que este sumo sacerdote tamén tivese algunha cousa que ofrecer. 4 Se el estivese na terra, non sería sacerdote porque xa hai homes que fan ofrendas de acordo coa Lei. 5 O servizo sagrado que dan estes homes é un reflexo e unha sombra de cousas celestiais, tal como indica o mandato que Deus lle deu a Moisés cando estaba a punto de construír a tenda. Díxolle: “Asegúrate de facer tódalas cousas seguindo o modelo que se che mostrou na montaña”. 6 Pero agora Xesús recibiu unha responsabilidade* máis excelente. Porque tamén é o mediador dun pacto correspondente que é mellor e que se estableceu legalmente por medio de promesas que son mellores.
7 Se ese primeiro pacto non tivese ningún defecto, non faría falta un segundo pacto. 8 Porque está claro que el* ve defectos no pobo ó dicir: “Xehová* di: ‘Mira!* Acércanse os días nos que farei un novo pacto coa casa de Israel e coa casa de Xudá’. 9 Xehová* tamén di: ‘Non vai ser un pacto coma o que fixen cos seus antepasados o día que os collín da man para sacalos da terra de Exipto. Eles non seguiron sendo fieis ó meu pacto, así que deixei de preocuparme por eles’.
10 ”Xehová* di: ‘Este é o pacto que vou facer coa casa de Israel despois deses días. Vou poñer as miñas leis na súa mente e vounas escribir no seu corazón. Eu serei o seu Deus e eles serán o meu pobo.
11 ”’E ninguén lles dirá a outros cidadáns nin ós seus irmáns: “Coñece a Xehová*!”. Porque todos me coñecerán, desde o máis pequeno ata o máis grande. 12 Serei misericordioso cos seus actos inxustos e non me volverei a acordar dos seus pecados’”.
13 Ó falar dun “novo pacto”, Deus fixo que o anterior quedase anticuado. E o que está anticuado e se fai vello está a punto de desaparecer.