Carta ós Romanos
8 Polo tanto, os que están unidos a Cristo Xesús non son condenados. 2 Porque a lei do espírito que dá vida ós que están unidos a Cristo Xesús liberoute da lei do pecado e da morte. 3 Deus fixo o que a Lei era incapaz de facer, porque os humanos son débiles e pecadores*. El enviou o seu propio Fillo cunha forma parecida á de humanos pecadores* para eliminar o pecado. Así condenou o pecado na carne, 4 para que os xustos requisitos da Lei se cumprisen en nós, os que non andamos guiados pola carne senón polo espírito. 5 Porque os que viven guiados pola carne céntranse nas cousas da carne, pero os que viven guiados polo espírito céntranse nas cousas do espírito. 6 Centrarse na carne acaba en morte, pero centrarse no espírito leva á vida e á paz. 7 Porque centrarse na carne leva a ser inimigos de Deus, pois a carne non obedece a lei de Deus, e de feito tampouco pode obedecela. 8 Por iso os que viven guiados pola carne non poden agradar a Deus.
9 Agora ben, se o espírito de Deus de verdade está dentro de vós, non vivides guiados pola carne, senón polo espírito. Pero se alguén non ten o espírito de Cristo, non pertence a Cristo. 10 En cambio, se Cristo está unido a vós, o corpo está morto por culpa do pecado, pero o espírito dá vida grazas á xustiza. 11 Así que, se o espírito do que resucitou* a Xesús de entre os mortos está dentro de vós, o que resucitou* a Cristo Xesús de entre os mortos tamén lles dará vida ós vosos corpos mortais por medio do seu espírito, que está dentro de vós.
12 Entón, irmáns, temos unha obrigación, pero non é coa carne para vivir guiados pola carne. 13 Porque se vivides guiados pola carne, seguro que morreredes, pero se co espírito dades morte ás malas accións do corpo, viviredes. 14 De feito, tódolos que viven guiados polo espírito de Deus realmente son fillos de Deus. 15 Porque non recibistes un espírito de escravitude que vos faga volver a ter medo, senón que recibistes un espírito que vos adopta como fillos, o espírito que nos fai berrar: “Abba*, Pai!”. 16 O propio espírito convéncenos* de que somos fillos de Deus. 17 Así que se somos fillos, tamén somos herdeiros (herdeiros de Deus pero coherdeiros con Cristo), sempre que suframos con Cristo para que tamén sexamos glorificados con el.
18 Por iso penso que os sufrimentos actuais non son nada comparados coa gloria que se vai revelar por medio de nós. 19 Porque a creación espera con moita expectación a revelación dos fillos de Deus. 20 Porque a creación foi sentenciada a unha vida sen esperanza para o futuro*, non pola súa propia vontade, senón pola daquel que a sentenciou. Pero, ó mesmo tempo, deuse a esperanza 21 de que a creación tamén será liberada de vivir escravizada a un corpo que morre* e terá a gloriosa liberdade dos fillos de Deus. 22 Sabemos que ata agora toda a creación segue lamentándose e sufrindo. 23 E iso non é todo, senón que nós mesmos, que temos as primicias (é dicir, o espírito), tamén nos lamentamos no noso interior mentres esperamos con moita ilusión ser adoptados como fillos, ser liberados dos nosos corpos por medio do rescate. 24 Porque cando fomos salvados conseguimos esta esperanza. Pero a esperanza que se ve en realidade non é esperanza. Porque, como pode alguén esperar algo se xa o ve? 25 Pero se esperamos o que non vemos, seguímolo esperando con moita ilusión e aguante.
26 Da mesma maneira, o espírito santo tamén vén a axudarnos cando estamos débiles, porque o problema é que ás veces non sabemos o que necesitamos pedir en oración. Neses momentos, aínda que non teñamos palabras para expresar os nosos lamentos, o espírito santo suplica por nós. 27 Pero o que analiza os corazóns sabe o que quere dicir o espírito, porque o espírito suplica polos santos* de acordo coa vontade de Deus.
28 Sabemos que Deus fai que tódalas súas obras cooperen para beneficiar os que aman a Deus, aqueles que son escollidos de acordo co seu propósito. 29 Porque primeiro prestoulles atención a eles*, e escolleunos con antelación* para que fosen moldeados á imaxe do seu Fillo e que así el fose o primoxénito de entre moitos irmáns. 30 Ademais, os que escolleu con antelación* tamén os chamou, os que chamou tamén os declarou xustos e, por último, os que declarou xustos tamén os glorificou.
31 Entón, que imos dicir sobre estas cousas? Se Deus está da nosa parte, quen poderá estar na nosa contra? 32 Se el non lle perdoou a vida nin ó seu propio Fillo senón que o entregou por todos nós, non nos dará bondadosamente tódalas demais cousas ademais do seu Fillo? 33 Quen poderá acusar os escollidos de Deus? Deus é quen os declara xustos. 34 Quen os poderá condenar? Cristo Xesús é o que morreu. E non só iso, é o que foi resucitado*, o que está á dereita de Deus e o que tamén suplica por nós.
35 Quen poderá separarnos do amor do Cristo? As dificultades? A angustia? A persecución? A fame? Non ter roupa? Os perigos? A espada? 36 As Escrituras din: “Como te servimos, estámonos enfrontando á morte constantemente*. Para a xente somos coma ovellas que se levan ó matadoiro”. 37 Pero saímos completamente vencedores de todas estas cousas grazas ó que nos amou. 38 Porque estou convencido de que nin a morte, nin a vida, nin os anxos, nin os gobernos, nin as cousas de agora, nin as cousas que virán, nin os poderes, 39 nin a altura, nin a profundidade, nin ningunha outra creación poderá separarnos do amor de Deus que está en Cristo Xesús, o noso Señor.