As boas noticias segundo Lucas
6 Un sábado, mentres Xesús cruzaba uns campos de cereais, os seus discípulos arrancaron algunhas espigas, sacáronlles os grans coas mans e coméronos. 2 Entón, algúns fariseos dixéronlles: “Por que estades facendo o que non está permitido facer en sábado?”. 3 Pero el contestoulles: “Seica nunca lestes o que fixo David cando el e os seus homes tiveron fame? 4 Entrou na casa de Deus, déronlle os pans da ofrenda*, comeu deles e compartiunos cos homes que estaban con el. Iso é algo que non lle está permitido a ninguén, só poden comelos os sacerdotes”. 5 Entón díxolles: “O Fillo do Home é Señor do sábado”.
6 Outro sábado entrou na sinagoga e púxose a ensinar. Alí había un home que tiña a man dereita paralizada*. 7 Os escribas e os fariseos estaban moi atentos ó que facía Xesús para ver se curaba alguén en sábado, e así encontrar un motivo para poder acusalo. 8 Pero como el sabía o que estaban pensando, díxolle ó home que tiña a man paralizada: “Levántate e ponte aquí no medio”. E o home levantouse e quedou alí de pé. 9 Entón Xesús díxolles ós que estaban mirando: “Vouvos facer unha pregunta. Que está permitido facer en sábado? O que está ben ou o que está mal? Salvar unha vida* ou quitala?”. 10 Despois de mirar a tódolos que estaban ó seu arredor, díxolle ó home: “Estira o brazo”. El fíxoo e a man quedou curada. 11 Pero os escribas e os fariseos enchéronse de moitísima rabia e puxéronse a falar do que poderían facerlle a Xesús.
12 Un deses días, Xesús foi á montaña a orar e estivo toda a noite orándolle a Deus. 13 Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu 12 deles, e chamoulles apóstolos. 14 Eran: Simón (ó que tamén chamou Pedro), o seu irmán Andrés, Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomé, 15 Mateo, Tomás, Santiago, que era fillo de Alfeo, Simón (ó que lle chaman o Entusiasta), 16 Xudas*, que era fillo de Santiago, e Xudas Iscariote (o que se converteu nun traidor).
17 Despois baixou con eles da montaña e parou nun sitio plano. Alí había moitísimos discípulos seus e unha gran multitude de xente de toda Xudea, de Xerusalén e da rexión da costa de Tiro e Sidón. Viñeran para escoitalo e para que os curase das súas enfermidades. 18 Incluso os que estaban sufrindo por culpa dos demos quedaban curados. 19 E toda a xente intentaba tocalo, porque del saía poder e curábaos a todos.
20 Entón, mirou para os seus discípulos e dixo:
“Felices vós, os pobres, porque o Reino de Deus é voso.
21 ”Felices vós, os que agora pasades fame, porque quedaredes satisfeitos.
”Felices vós, os que agora chorades, porque riredes.
22 ”Felices vós cando, por causa do Fillo do Home, a xente vos odie, vos marxine, vos insulte e deshonre* o voso nome. 23 Isto é o mesmo que os seus antepasados lles facían ós profetas. Así que estade felices cando isto pase e saltade de alegría. Porque, mirade! Espéravos unha gran recompensa no ceo.
24 ”Pero pobres de vós, os ricos, porque xa recibistes todo o consolo que ides ter.
25 ”Pobres de vós, os que agora estades satisfeitos, porque pasaredes fame.
”Pobres de vós, os que agora rides, porque vos lamentaredes e choraredes.
26 ”Pobres de vós cando tódalas persoas falen ben de vós, porque iso é o que os seus antepasados lles fixeron ós profetas falsos.
27 ”Pero a vós, os que me escoitades, dígovos que sigades amando os vosos inimigos, que tratedes ben os que vos odian, 28 que bendigades os que vos maldicen e que oredes polos que vos insultan. 29 Se alguén che pega nunha meixela, ponlle tamén a outra. E se alguén che quita o manto, dálle tamén a túa túnica. 30 A todo aquel que che pida algo, dállo. E a quen che quite o que é teu, non lle pidas que cho devolva.
31 ”Ademais, tratade os demais como vos gustaría que vos tratasen a vós.
32 ”Se só amades a quen vos ama, que mérito tedes? Porque ata os pecadores aman a quen os ama a eles. 33 Se tratades ben a quen vos trata ben, que mérito tedes? Ata os pecadores fan iso. 34 E se lle prestades* algo a quen pensades que volo vai devolver, que mérito tedes? Ata os pecadores lles fan préstamos a outros pecadores contando con que lles van devolver todo. 35 Pero vós, seguide amando os vosos inimigos, facendo o ben e prestando sen esperar que vos devolvan nada. Entón, a vosa recompensa será grande e seredes fillos do Altísimo, porque el é bondadoso ata cos desagradecidos e cos malvados. 36 Seguide sendo misericordiosos, tal como o voso Pai é misericordioso.
37 ”Ademais, deixade de xulgar, e así nunca se vos xulgará a vós. Deixade de condenar, e así nunca se vos condenará a vós. Seguide perdoando*, e seredes perdoados*. 38 Tede o costume de dar, e darásevos. Botaranvos na dobra* da vosa roupa unha boa medida, apertada, sacudida e chea ata botar por fóra. Porque coa medida coa que midades, váisevos medir a vós”.
39 Entón, púxolles esta comparación: “Pode un cego guiar outro cego? Non caerían os dous nun burato? 40 Un alumno* non é superior ó seu mestre, pero quen estea perfectamente instruído será coma o seu mestre. 41 Por que te fixas na palla que ten o teu irmán no ollo pero non ves a viga que tes ti no teu? 42 Como lle podes dicir ó teu irmán ‘Irmán, déixame quitarche a palla que tes no ollo’, se ti non ves a viga que tes no teu? Hipócrita! Primeiro quita a viga do teu ollo, e entón verás claramente como quitar a palla que está no ollo do teu irmán.
43 ”Ningunha árbore boa dá froito podre e ningunha árbore mala dá froito bo. 44 Porque polo froito sábese que árbore é. Por exemplo, a xente non recolle figos ou uvas dos espiños. 45 Unha persoa boa fala cousas boas porque ten cousas boas no seu corazón*, pero unha persoa mala fala cousas malas porque ten cousas malas no seu corazón*. Porque a súa boca fala do que abunda no seu corazón.
46 ”Entón, por que me dicides ‘Señor, Señor’ pero non facedes as cousas que digo? 47 Vouvos dicir a quen se parece a persoa que vén onda min, escoita as miñas palabras e as obedece. 48 É coma o home que cavou moi profundo para construír unha casa e puxo os cimentos sobre pedra. Por iso, cando veu unha inundación, o río bateu con forza contra a casa, pero non puido movela porque estaba ben construída. 49 Por outro lado, o que escoita as miñas palabras pero non fai nada é coma o home que construíu unha casa sobre a terra, sen cimentos. Cando o río bateu forte contra a casa, a casa veuse abaixo inmediatamente e quedou totalmente destruída”.