Feitos dos Apóstolos
4 Mentres Pedro e Xoán lle falaban á xente, acercáronselles os sacerdotes, os saduceos e o capitán da garda do templo. 2 Estaban moi enfadados porque os apóstolos estaban ensinándolle ó pobo e porque anunciaban publicamente que Xesús resucitara de entre os mortos. 3 Así que, arrestáronos e puxéronos baixo custodia ata o día seguinte, porque xa se estaba facendo de noite. 4 Pero moitos dos que escoitaran o discurso fixéronse crentes. En total, chegaron a ser uns 5000 homes.
5 Ó día seguinte, os gobernantes, os anciáns e os escribas reuníronse en Xerusalén, 6 xunto co sacerdote principal Anás, e con Caifás, Xoán, Alexandre e tódolos que eran familiares do sacerdote principal. 7 Puxeron a Pedro e a Xoán no medio deles e empezaron a preguntarlles: “Quen vos deu poder para facer estas cousas ou no nome de quen as facedes?”. 8 Entón Pedro, cheo de espírito santo, respondeulles:
“Gobernantes do pobo e anciáns, 9 se nos estades interrogando pola boa acción que fixemos por este home coxo e queredes saber quen o curou, 10 tede claro, vós e todo o pobo de Israel, que foi curado no nome de Xesucristo o Nazareno, a quen vós executastes nun madeiro pero a quen Deus resucitou* de entre os mortos. Por medio de Xesús, este home está aquí san diante de vós. 11 Esta é ‘a pedra que vós, os construtores, tratastes coma se non tivese ningún valor e que chegou a ser a pedra angular principal*’. 12 Ademais, non hai salvación por medio de ningún outro, porque Deus non escolleu na terra ningún outro nome entre a xente para salvarnos”.
13 Cando viron a valentía* de Pedro e Xoán, e que eran homes comúns e sen estudos*, quedaron impresionados e déronse conta de que estiveran con Xesús. 14 Pero como vían que o home que fora curado estaba alí con eles, non podían dicir nada en contra. 15 Así que, mandáronos saír da sala do Sanedrín e puxéronse a falar uns cos outros. 16 Dicían: “Que imos facer con estes homes? Porque para tódolos habitantes de Xerusalén é evidente que fixeron un milagre* extraordinario, e non podemos negalo. 17 Así que, para que isto non se estenda máis entre a xente, ímolos ameazar e ímoslles dicir que non lle volvan falar a ninguén no nome deste home”.
18 Entón chamáronos e mandáronlles que non falasen nin ensinasen nada no nome de Xesús. 19 Pero Pedro e Xoán respondéronlles: “Xulgade por vós mesmos se está ben ós ollos de Deus obedecervos a vós antes que a el. 20 Pero nós non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos”. 21 Así que, despois de volver a ameazalos, deixáronos libres porque non encontraron ningún motivo para castigalos e porque lle tiñan medo á xente, pois todos lle estaban dando gloria a Deus polo que pasara. 22 Porque o home que fora curado mediante ese milagre* tiña máis de 40 anos.
23 Cando os soltaron, Pedro e Xoán foron onda os outros discípulos e contáronlles o que lles dixeran os sacerdotes principais e os anciáns. 24 Despois de escoitar iso, oraron todos xuntos a Deus e dixéronlle:
“Señor Soberano, ti es o que fixo o ceo, a terra, o mar e tódalas cousas que hai neles. 25 Ti es o que dixo por espírito santo mediante o noso antepasado David, o teu servo: ‘Por que se alteraron as nacións e por que se puxeron a maquinar* cousas inútiles os pobos? 26 Os reis da terra ocuparon a súa posición e os gobernantes xuntáronse coma un só contra Xehová* e contra o seu unxido*’. 27 E iso foi o que pasou, porque Herodes e Poncio Pilato uníronse nesta cidade con persoas das nacións e cos pobos de Israel para ir contra o teu santo servo Xesús, a quen ti unxiches. 28 Xuntáronse para facer o que ti predixeras. Estas cousas pasaron porque ti tes o poder e porque estaban de acordo coa túa vontade. 29 E agora, Xehová*, fíxate en como nos ameazan e fai que os teus escravos sigan falando da túa palabra con moito valor. 30 E sigue estendendo a túa man para facer curacións, milagres* e cousas impresionantes mediante o nome do teu santo servo Xesús”.
31 Cando acabaron de facer esta oración tan sentida, o sitio no que estaban reunidos tremeu. E todos sen excepción quedaron cheos de espírito santo e puxéronse a anunciar a palabra de Deus con valor.
32 Ademais, o gran grupo de discípulos tiña o mesmo punto de vista e os mesmos sentimentos*. Ningún deles dicía que as cousas que tiña eran súas, senón que o compartían todo. 33 Os apóstolos seguiron dando testemuño da resurrección do Señor Xesús de maneira moi hábil e Deus mostroulles moita bondade inmerecida. 34 De feito, ningún deles pasaba necesidade, porque tódolos que tiñan casas ou campos vendíanos, collían os cartos do que vendían 35 e levábanllelos ós apóstolos. Despois, eles repartíanos segundo o que cada persoa necesitase. 36 Por iso Xosé, un levita que nacera en Chipre e ó que os apóstolos tamén chamaban Bernabé (que traducido significa “fillo do consolo”), 37 vendeu un campo que tiña e levoulles os cartos ós apóstolos.