As boas noticias segundo Mateo
6 ”Tede coidado con facer o que está ben* diante dos demais só para que eles vos vexan. Se facedes iso, o voso Pai que está nos ceos non vos dará ningunha recompensa. 2 Así que cando axudes a alguén que o necesita*, non o vaias anunciando por aí coma se foses tocando unha trompeta. Iso é o que fan os hipócritas nas sinagogas e nas rúas para que os demais lles dean honra. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 3 Por iso, cando axudes a alguén que o necesita, non lles vaias contando ós demais o que fas*. 4 Desa maneira, a axuda que lle deas a quen o necesita quedará en privado. Entón teu Pai, que o ve todo*, recompensarate.
5 ”Ademais, cando oredes, non o fagades coma os hipócritas, que lles gusta orar de pé nas sinagogas e nas esquinas das rúas principais para que os demais os vexan. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 6 Pero cando ti vaias orar, entra no teu cuarto, pecha a porta e óralle a teu Pai en privado. E teu Pai, que o ve todo, recompensarate. 7 Cando ores, non repitas as mesmas cousas unha e outra vez. Iso é o que fan os que non saben como hai que adorar a Deus*. Pensan que Deus os vai escoitar se fan oracións moi longas. 8 Non sexades coma eles. O voso Pai xa sabe o que necesitades incluso antes de que llo pidades.
9 ”Así é como debedes orar:
”‘Noso Pai que estás nos ceos, que o teu nome sexa santificado*. 10 Que veña o teu Reino. Que se faga a túa vontade tamén na terra coma no ceo. 11 Dános hoxe o pan que necesitamos para este día. 12 Perdoa as nosas débedas*, igual que nós tamén perdoamos os que están en débeda con nós*. 13 E non nos deixes caer* na tentación, senón líbranos* do Maligno*’.
14 ”Se perdoades os demais cando vos ofenden, o voso Pai celestial tamén vos perdoará a vós. 15 Pero se non perdoades os demais cando vos ofenden, o voso Pai tampouco vos perdoará as vosas ofensas.
16 ”Cando fagades xaxún*, deixade de ir por aí poñendo cara triste coma os hipócritas. Eles descoidan o seu aspecto* para que os demais saiban que están facendo xaxún. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 17 Pero cando ti fagas xaxún, bota aceite perfumado na cabeza e lava a cara. 18 Desa maneira, os demais non saberán que estás facendo xaxún, só teu Pai saberá o que fas en privado. E el, que o ve todo, recompensarate.
19 ”Deixade de acumular tesouros aquí na terra, porque os bichos* e o óxido poden acabar con eles, e os ladróns poden roubalos. 20 En vez diso, acumulade tesouros no ceo, porque alí os bichos e o óxido non poden acabar con eles, e os ladróns non poden roubalos. 21 Onde estea o teu tesouro, aí tamén estará o teu corazón.
22 ”Os ollos son a lámpada do corpo. Se os teus ollos están ben enfocados*, todo o teu corpo brillará*. 23 Pero se os teus ollos miran con envexa*, todo o teu corpo estará escuro. Se a luz que hai en ti realmente é escuridade, canta escuridade hai dentro de ti!
24 ”Ninguén pode ser escravo de dous amos, porque vai amar a un e vai odiar* o outro, ou vaille ser leal a un e vai desprezar o outro. Non podedes ser escravos de Deus e das Riquezas ó mesmo tempo.
25 ”Por iso vos digo: deixade de angustiarvos pola vosa vida* pensando no que ides comer ou no que ides beber, ou polo voso corpo pensando no que ides vestir. Non vale máis a vida que a comida e o corpo que a roupa? 26 Fixádevos ben nos paxaros. Nin sementan, nin segan, nin gardan comida en almacéns, pero aínda así o voso Pai celestial dálles de comer. Non valedes vós máis ca eles? 27 Quen de vós, por angustiarse, pode facer que a súa vida dure unha hora* máis? 28 Ademais, por que vos angustiades pola roupa? Aprendede das flores* que medran no campo. Nin traballan nin fan a súa roupa, 29 pero eu dígovos que nin sequera o rei Salomón en toda a súa grandeza se vestiu tan ben coma unha delas. 30 Así que, se Deus viste así as plantas do campo, que hoxe están aquí e mañá se botan ó lume*, non vos vestirá a vós con moita máis razón, xente de pouca fe? 31 Por iso, nunca vos angustiedes e digades ‘Que imos comer?’ ou ‘Que imos beber?’ ou ‘Con que nos imos vestir?’. 32 Porque os que van detrás destas cousas con moita ansia son os que non coñecen a Deus*, pero o voso Pai celestial xa sabe que necesitades todas estas cousas.
33 ”Por iso, seguide buscando primeiro o Reino e a xustiza de Deus, e recibiredes tódalas cousas que necesitades. 34 Así que nunca vos angustiedes polo día seguinte, porque o día seguinte terá as súas propias preocupacións. Xa chega cos problemas que hai cada día.