As boas noticias segundo Mateo
26 Cando Xesús acabou de explicar todas estas cousas, díxolles ós seus discípulos: 2 “Como sabedes, faltan dous días para a Pascua, e o Fillo do Home vai ser entregado para que o executen no madeiro”.
3 Entón os sacerdotes principais e os anciáns do pobo xuntáronse no patio da casa do sumo sacerdote, que se chamaba Caifás. 4 Puxéronse a conspirar para entrampar a Xesús, e así poder arrestalo e matalo. 5 Pero dicían: “Durante a festa non, non vaia ser que se arme un escándalo entre a xente”.
6 Mentres Xesús estaba en Betania, na casa de Simón o leproso, 7 acercóuselle unha muller cun frasco feito de alabastro* cheo dun aceite perfumado moi caro. Entón empezou a botarllo pola cabeza mentres el estaba ceando*. 8 Cando os discípulos viron isto, indignáronse e dixeron: “Por que se fai este desperdicio? 9 Podíase vender por moitos cartos e repartilos entre os pobres”. 10 Xesús deuse conta do que estaban falando e díxolles: “Por que queredes causarlle problemas a esta muller? Ela fixo algo moi bo por min. 11 Porque sempre ides ter os pobres con vós, pero a min non me ides ter sempre. 12 Ó botarme este aceite perfumado polo corpo, ela preparoume para o meu enterro. 13 Asegúrovos que en calquera lugar do mundo onde se prediquen estas boas noticias, tamén se contará o que fixo esta muller, e será recordada”.
14 Entón un dos Doce, o que se chamaba Xudas Iscariote, foi onda os sacerdotes principais 15 e preguntoulles: “Que me ides dar se vos entrego* a Xesús?”. Eles quedaron en darlle 30 moedas de prata. 16 Así que, a partir dese momento, Xudas estivo buscando unha boa oportunidade para traizoalo.
17 O primeiro día da Festa dos Pans Sen Fermento*, os discípulos de Xesús foron onda el e preguntáronlle: “Onde queres que preparemos todo para a cea da Pascua?”. 18 El contestoulles: “Ide á cidade, buscade un home que coñezo* e dicídelle: ‘O Mestre di: “Está chegando a miña hora*. Vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”’”. 19 Así que os discípulos fixeron o que Xesús lles mandou e prepararon todo para a Pascua.
20 Cando se puxo o sol, Xesús estaba sentado* á mesa cos 12 discípulos. 21 Mentres estaban comendo, dixo: “Asegúrovos que un de vós me vai traizoar”. 22 Os discípulos puxéronse moi tristes e cada un deles díxolle: “Señor, non serei eu, verdade?”. 23 El respondeulles: “O que mete a man comigo no prato é o que me vai traizoar. 24 É certo que o Fillo do Home vai marchar, tal como se escribiu sobre el. Pero pobre do que vai traizoar ó Fillo do Home! Éralle mellor non nacer”. 25 Xudas, que estaba a punto de traizoalo, preguntoulle: “Rabí, non serei eu, verdade?”. E Xesús contestoulle: “Ti xa sabes a resposta*”.
26 Mentres aínda estaban comendo, Xesús colleu un pan e fixo unha oración*. Despois partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Tomade e comede. Isto representa o meu corpo”. 27 Tamén colleu unha copa e deulle grazas a Deus. Despois déullela ós seus discípulos e díxolles: “Bebede todos dela. 28 Porque isto representa o meu sangue, ‘o sangue do pacto’, que se vai derramar para que moitas persoas se beneficien, para que os seus pecados sexan perdoados. 29 Dígovos que non volverei a beber máis deste produto da vide* ata o día no que beba viño novo con vós no Reino do meu Pai”. 30 Finalmente, despois de cantar para darlle gloria a Deus*, marcharon para o Monte das Oliveiras.
31 Entón Xesús díxolles: “Esta noite todos fallaredes* por culpa do que me vai pasar, porque está escrito: ‘Ferirei o pastor e as ovellas do rabaño serán espalladas’. 32 Pero eu, despois de resucitar*, irei a Galilea antes ca vós e esperareivos alí”. 33 Pedro respondeulle: “Aínda que tódolos demais fallen* por culpa do que che vai pasar, eu non fallarei nunca!”. 34 Xesús contestoulle: “Asegúroche que esta noite, antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. 35 Pero Pedro díxolle: “Aínda que teña que morrer contigo, eu nunca negarei que te coñezo”. E tódolos demais discípulos dixeron o mesmo.
36 Despois, Xesús foi con eles a un sitio chamado Xetsemaní e díxolles: “Quedade aquí sentados mentres eu vou alí a orar”. 37 Entón levou con el a Pedro e os dous fillos de Zebedeo, e empezou a sentirse triste e moi angustiado. 38 E díxolles: “Estou tan angustiado que sinto que morro. Quedade aquí e mantédevos despertos comigo”. 39 Despois separouse un pouco deles, botouse ó chan, baixou a cabeza e orou: “Meu Pai, se é posible, aparta de min esta copa*. Pero que non se faga o que eu quero, senón o que ti queres”.
40 Entón volveu onde estaban os discípulos, encontrounos durmidos e preguntoulle a Pedro: “E logo, non puidestes mantervos despertos comigo nin sequera unha hora? 41 Mantédevos despertos e orade constantemente para que non caiades na tentación. Claro, a intención é boa*, pero o corpo* é débil”. 42 Marchou por segunda vez e orou: “Meu Pai, se non é posible apartar de min esta copa sen que eu a beba, entón que se faga a túa vontade”. 43 Entón volveu e encontrounos durmidos outra vez, porque caían co sono*. 44 Así que marchou de novo e orou por terceira vez repetindo o mesmo que antes. 45 Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles: “Como é que estades durmindo e descansando nun momento coma este? Mirade, chegou a hora na que o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado en mans de pecadores. 46 Levantádevos, que imos marchar. O que me vai traizoar xa está cerca”. 47 Entón, mentres el aínda estaba falando, apareceu Xudas, un dos Doce. Con el viña unha gran multitude con espadas e paus, enviada polos sacerdotes principais e os anciáns do pobo.
48 O traidor déralles este sinal: “A quen eu lle dea un bico, ese é. Arrestádeo”. 49 Así que foi directamente cara a Xesús e díxolle “Moi boas, Rabí!”, e deulle un bico cariñoso. 50 Xesús preguntoulle: “A que viñeches?”. Entón, os que acompañaban a Xudas acercáronse a Xesús, agarrárono e arrestárono. 51 Pero, de repente, un dos que estaban con Xesús sacou a súa espada, atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle unha orella. 52 Entón Xesús díxolle: “Garda a túa espada, porque tódolos que usan a espada morrerán pola espada. 53 Ou pensas que non podo suplicarlle a meu Pai que mande agora mesmo máis de 12 lexións* de anxos? 54 Pero se o fixese, como se cumprirían as Escrituras que din que ten que pasar desta maneira?”. 55 Entón díxolle á multitude: “Seica son un ladrón para que veñades a arrestarme con espadas e paus? Estiven sentado a diario no templo ensinando e non me arrestastes. 56 Pero todo isto pasou para que se cumpra o que escribiron os* profetas”. Entón tódolos discípulos abandonárono e escaparon.
57 Os que arrestaron a Xesús levárono á casa de Caifás, o sumo sacerdote, que estaba alí reunido cos escribas e cos anciáns. 58 Pedro seguiunos de lonxe ata o patio da casa do sumo sacerdote e, despois de entrar, sentouse alí cos criados da casa para ver como acababa todo.
59 Os sacerdotes principais e todo o Sanedrín buscaban algunha acusación falsa contra Xesús para poder matalo. 60 Pero non encontraron ningunha que fose válida, aínda que se presentaron moitas testemuñas falsas. Ó final, chegaron dous homes 61 e declararon: “Este home dixo: ‘Eu son capaz de botar abaixo o templo de Deus e reconstruílo en tres días’”. 62 Entón o sumo sacerdote púxose de pé e preguntoulle a Xesús: “Non tes nada que dicir? Non escoitas o que están declarando contra ti?”. 63 Pero el quedou calado. Así que o sumo sacerdote díxolle: “Ordénoche que nos digas baixo xuramento diante do Deus vivo se ti es o Cristo, o Fillo de Deus!”. 64 Xesús respondeulle: “Si, son eu*. Pero dígovos: de aquí en diante veredes o Fillo do Home sentado á dereita do Poderoso* e vindo nas nubes do ceo”. 65 Entón o sumo sacerdote rachou a roupa e dixo: “Blasfemou! Para que necesitamos máis testemuñas? Acabades de oír a blasfemia! 66 Vós que pensades?”. Eles responderon: “Merece morrer!”. 67 Entón, puxéronse a cuspirlle na cara e a darlle golpes cos puños. Outros pegábanlle na cara* 68 e dicíanlle: “Cristo, se es un profeta, dinos quen che pegou”.
69 Pedro estaba sentado fóra, no patio, e unha criada acercóuselle e díxolle: “Ti tamén andabas con Xesús o galileo!”. 70 Pero el negouno diante de todos e contestoulle: “Non sei de que me falas”. 71 Cando saíu cara á entrada do patio, viuno outra rapaza e díxolles ós que estaban alí: “Este home andaba con Xesús o Nazareno”. 72 E el negouno outra vez. Xurou: “Non coñezo ese home!”. 73 Pouco despois, os que andaban por alí acercáronse a Pedro e dixéronlle: “Está claro que ti tamén es un deles, porque incluso se che nota no acento*”. 74 Pero el púxose a maldicirse a si mesmo* e xurou: “Que non coñezo ese home!”. E nese momento cantou un galo. 75 Entón Pedro acordouse do que Xesús lle dixera: “Antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. E saíu para fóra e botouse a chorar desconsoladamente.