Feitos dos Apóstolos
12 Naquel tempo, o rei Herodes empezou a maltratar algunhas persoas da congregación. 2 Mandou matar coa espada a Santiago, o irmán de Xoán. 3 Como viu que ós xudeus lles gustou iso, tamén lles mandou ós seus soldados que arrestasen a Pedro. (Todo isto pasou durante a Festa dos Pans Sen Fermento.) 4 Os soldados arrestárono e metérono na prisión. Como Herodes quería xulgalo* diante do pobo despois da Pascua, puxo catro grupos de soldados que se alternaban para vixialo. En cada grupo había catro homes. 5 Así que deixaron a Pedro na prisión. Mentres tanto, a congregación oráballe a Deus intensamente por el.
6 A noite antes de que Herodes o presentase diante do pobo, Pedro estaba durmindo atado con dúas cadeas e cun soldado a cada lado, e había gardas vixiando diante da porta da prisión. 7 Pero, de repente, apareceu alí o anxo de Xehová* e unha luz iluminou a cela da prisión. Entón tocou a Pedro no lombo, despertouno e díxolle: “Rápido, levántate!”. E as cadeas caéronlle das mans. 8 Despois díxolle: “Prepárate e pon as sandalias”. E Pedro fíxolle caso. Entón, o anxo mandoulle: “Pon o teu manto e sígueme”. 9 Pedro saíu e seguiuno, pero non se daba conta de que o que estaba facendo o anxo era real. De feito, parecíalle que estaba tendo unha visión. 10 Cando pasaron ó primeiro grupo de gardas e despois ó segundo, chegaron á porta de ferro que levaba á cidade, e a porta abriuse soa. Ó saír, continuaron por unha rúa e, nese momento, o anxo deixouno. 11 Entón, Pedro entendeu o que pasara e dixo: “Agora estou seguro de que Xehová* mandou o seu anxo e de que me rescatou das mans de Herodes e de todo o que os xudeus esperaban que me pasase”.
12 Cando se deu conta disto, foi á casa de María a nai de Xoán, ó que lle chamaban Marcos. Alí estaban moitos discípulos xuntos orando. 13 Ó petar na porta da entrada, unha criada noviña que se chamaba Rode foi ver quen era. 14 Como recoñeceu a voz de Pedro, alegrouse tanto que, en vez de abrir a porta, foi correndo para dentro a dicir que Pedro estaba fóra. 15 Eles contestáronlle: “Ti estás tola!”. Pero como ela seguía insistindo en que era verdade, empezaron a dicir: “Será o seu anxo”. 16 Mentres, Pedro seguía petando na porta. Entón abriron e, ó velo, quedaron pasmados. 17 El fíxolles un xesto coa man para que calasen e explicoulles con todo detalle como Xehová* o sacara do cárcere. Entón díxolles: “Contádelles estas cousas a Santiago* e ós demais irmáns”. Despois marchou e foise a outro sitio.
18 Cando se fixo de día, armouse un barullo moi grande entre os soldados porque non sabían o que pasara con Pedro. 19 Herodes buscouno por todas partes pero, como non o encontrou, interrogou os gardas e fixo que os castigasen. Despois, Herodes baixou de Xudea a Cesarea e quedou alí un tempo.
20 El estaba moi enfadado* cos habitantes de Tiro e Sidón. A xente daqueles sitios quixo facer as paces con el porque vivían dos alimentos que recibían do país que gobernaba Herodes. Así que se xuntaron e convenceron a Blasto, o encargado dos asuntos da casa do rei, para que lles axudase. 21 Cando chegou o día escollido, Herodes vestiuse coa roupa real, sentouse no tribunal e empezou a dar un discurso. 22 Entón, a xente que estaba alí reunida púxose a berrar: “Esta é a voz dun deus, non a dun home!”. 23 Nese momento, o anxo de Xehová* fixo que enfermase, porque non lle dera a gloria a Deus. E morreu comido polos vermes*.
24 A palabra de Xehová* seguiu crecendo e estendéndose.
25 Cando Bernabé e Saulo acabaron de axudar ós irmáns* en Xerusalén, volveron para Antioquía e levaron con eles a Xoán, ó que tamén lle chamaban Marcos.