Primeira Carta de Xoán
4 Queridos irmáns, non creades calquera mensaxe inspirada*. Máis ben, comprobade as mensaxes inspiradas* para ver se veñen de Deus, porque apareceron moitos profetas falsos no mundo.
2 Así é como podedes saber se unha mensaxe inspirada vén de Deus: toda mensaxe inspirada que recoñece que Xesucristo veu como ser humano* vén de Deus. 3 Pero se unha mensaxe inspirada non recoñece a Xesús, non vén de Deus. Esa é a mensaxe inspirada do anticristo*, unha mensaxe que escoitastes que viría e que agora xa está no mundo.
4 Filliños, vós vindes de Deus e vencestes os falsos profetas, porque o que está unido a vós é máis grande que o que está unido ó mundo. 5 Eles veñen do mundo. Por iso o que falan vén do mundo e o mundo escóitaos. 6 Nós vimos de Deus. O que chega a coñecer a Deus escóitanos, e o que non vén de Deus non nos escoita. Así é como podemos distinguir se unha mensaxe inspirada é verdadeira ou falsa.
7 Queridos irmáns, sigamos amándonos uns ós outros, porque Deus foi o primeiro que amou*, e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. 8 Quen non ama non chegou a coñecer a Deus, porque Deus é amor. 9 Así é como se mostrou o amor de Deus no noso caso: Deus enviou o seu Fillo unixénito ó mundo para que poidamos conseguir a vida por medio del. 10 O amor consiste nisto: non en que nós amásemos a Deus, senón en que el nos amou a nós e enviou o seu Fillo como sacrificio de reconciliación* polos nosos pecados.
11 Queridos irmáns, se Deus nos amou a nós así, entón nós tamén temos a obrigación de amarnos uns ós outros. 12 Ninguén viu nunca a Deus. Pero se seguimos amándonos uns ós outros, Deus está con nós e o seu amor faise perfecto* en nós. 13 Por isto sabemos que nos mantemos unidos a el e que el se mantén unido a nós: porque el deunos o seu espírito. 14 Ademais, nós mesmos vimos que o Pai enviou o seu Fillo como salvador do mundo e damos testemuño diso. 15 Se alguén recoñece que Xesús é o Fillo de Deus, Deus mantense unido a el e el mantense unido a Deus. 16 Ademais, chegamos a coñecer o amor que Deus sente por nós e cremos nese amor.
Deus é amor, e o que permanece no amor mantense unido a Deus e Deus mantense unido a el. 17 Desta maneira, o amor fíxose perfecto en nós, para que no día de xuízo* poidamos falar con confianza*, porque neste mundo nós somos como Cristo. 18 No amor non hai medo, senón que o amor perfecto fai desaparecer* o medo, porque o medo limítanos. De feito, se alguén ten medo, o seu amor non é perfecto. 19 Nós amamos porque el nos amou primeiro.
20 Se alguén di “Eu amo a Deus” pero odia o seu irmán, é un mentireiro. Porque quen non ama o seu irmán, a quen ve, non pode amar a Deus, a quen non ve. 21 El deunos este mandamento: que o que ama a Deus tamén ame ó seu irmán.