Carta ós Romanos
5 Polo tanto, agora que fomos declarados xustos como resultado da fe, desfrutemos de paz* con Deus mediante o noso Señor Xesucristo. 2 Por medio da nosa fe nel puidemos ter acceso a esta bondade inmerecida da que agora desfrutamos. Alegrémonos* pola esperanza de recibir a gloria de Deus. 3 Non só iso, alegrémonos* cando pasemos por dificultades, porque sabemos que as dificultades producen aguante. 4 O aguante fai que teñamos a aprobación de Deus, a aprobación de Deus fai que teñamos esperanza, 5 e a esperanza non decepciona, porque o amor de Deus encheu os nosos corazóns por medio do espírito santo que recibimos.
6 De feito, cando aínda eramos débiles, Cristo morreu por persoas pecadoras* no tempo fixado. 7 É difícil que alguén morra por un home xusto, pero poida que alguén estea disposto a morrer por un home bo. 8 Pero Deus demostrounos o seu amor desta maneira: cando aínda eramos pecadores, Cristo morreu por nós. 9 E agora que fomos declarados xustos polo seu sangue, con moita máis razón imos ser salvados da ira de Deus por medio del. 10 Porque se fomos reconciliados con Deus por medio da morte do seu Fillo cando eramos inimigos de Deus, con moita máis razón imos ser salvados por medio da súa vida agora que estamos reconciliados. 11 E non só iso, tamén nos alegramos polo que Deus fixo mediante o noso Señor Xesucristo, por medio de quen agora recibimos a reconciliación.
12 Por medio dun só home o pecado entrou no mundo, e por medio do pecado entrou a morte, e así foi como a morte se estendeu a tódolos homes, porque todos pecaran... 13 Porque o pecado xa existía no mundo antes de que existise a Lei, pero non se pode acusar a ninguén dun pecado cando non hai lei. 14 Aínda así, a morte reinou desde Adán ata Moisés, incluso sobre os que non pecaran da mesma maneira que pecou* Adán, quen ten certo parecido co que ía vir.
15 Pero o regalo non é coma a ofensa. Porque, se moitos morreron pola ofensa dun só home, moitos beneficiáronse aínda máis da bondade inmerecida de Deus e do seu regalo por medio da bondade inmerecida dun só home, Xesucristo. 16 Ademais, non pasa o mesmo co regalo de Deus que o que pasou co pecado dun só home. Porque a sentenza despois dunha soa ofensa foi unha condena, pero o regalo despois de moitas ofensas foi declarar xustas as persoas. 17 Porque se pola ofensa dun só home a morte reinou por medio del, con moita máis razón os que reciben en abundancia a bondade inmerecida e o regalo da xustiza vivirán para reinar por medio dunha soa persoa, Xesucristo!
18 Polo tanto, igual que o resultado dunha soa ofensa foi que persoas de toda clase fosen condenadas, o resultado dun só acto xusto* é que persoas de toda clase sexan declaradas xustas e reciban vida. 19 Porque así como pola desobediencia dun só home moitos chegaron a ser pecadores, pola obediencia dunha soa persoa moitos chegarán a ser xustos. 20 A Lei entrou en escena para mostrar o pecadoras que eran as persoas*. Pero onde houbo moito pecado houbo aínda máis bondade inmerecida. 21 Con que obxectivo? Para que, igual que o pecado reinou coa morte, da mesma maneira a bondade inmerecida reine por medio da xustiza que leva á vida eterna mediante Xesucristo, o noso Señor.