As boas noticias segundo Xoán
16 ”Díxenvos estas cousas para que non perdades a fe*. 2 Vanvos botar* da sinagoga. De feito, acércase a hora na que os que vos maten pensarán que lle están dando servizo sagrado a Deus. 3 Pero farán todo isto porque non chegaron a coñecernos nin ó Pai nin a min. 4 Díxenvos estas cousas para que, cando chegue o momento de que pasen, recordedes que volas dixen.
”Non volas expliquei ó principio porque estaba con vós. 5 Pero agora vou onda o que me enviou, e ningún de vós me pregunta ‘A onde vas?’. 6 En vez diso, o voso corazón encheuse de tristeza porque vos expliquei estas cousas. 7 Pero dígovos a verdade: marcho polo voso ben. Porque se non marcho, o axudante non virá onda vós, pero se marcho, mandaréivolo. 8 E cando o axudante veña, daralle ó mundo probas convincentes sobre o pecado, a xustiza e o xuízo. 9 Primeiro sobre o pecado, porque o mundo non demostra que ten fe en min. 10 Despois sobre a xustiza, porque vou onda o Pai por ser xusto e non me veredes máis. 11 E despois sobre o xuízo, porque o gobernante deste mundo foi xulgado.
12 ”Aínda teño moitas cousas que dicirvos, pero non podedes entendelas* agora. 13 Pero cando el* veña (o espírito santo que revela a verdade), guiaravos, axudándovos a entender toda a verdade. Porque non falará pola súa propia conta, senón que dirá o que escoite e anunciaravos as cousas que van pasar. 14 El darame gloria porque vos anunciará o que me escoite dicir a min. 15 Todo o que ten o Pai tamén é meu. Por iso dixen que el vos anunciará o que me escoite dicir a min. 16 Dentro de pouco xa non me ides ver máis, e tamén, dentro de pouco verédesme”.
17 Cando escoitaron iso, algúns dos seus discípulos dixéronse uns ós outros: “Que nos quere dicir con ‘Dentro de pouco xa non me ides ver, e tamén, dentro de pouco verédesme’? E que significa o de ‘Porque vou onda o Pai’?”. 18 E dicían: “Que quere dicir con ‘Dentro de pouco’? Non sabemos de que está falando”. 19 Xesús sabía que lle querían facer preguntas, e por iso lles dixo: “Seica vos andades preguntando iso uns ós outros porque dixen ‘Dentro de pouco xa non me ides ver, e tamén, dentro de pouco verédesme’? 20 De verdade vos aseguro que vós choraredes e lamentarédesvos, pero o mundo vaise alegrar. Sentiredes dor, pero a vosa dor converterase en felicidade. 21 Cando unha muller está dando a luz, sente dor porque chegou o momento de ter o neno. Pero cando xa deu a luz, a felicidade de traer un neno ó mundo fai que xa non se acorde de todo o sufrimento. 22 Vós agora tamén estades moi tristes, pero volverei a vervos e o voso corazón encherase de alegría e ninguén vos poderá quitar a vosa alegría. 23 Ese día non me faredes ningunha pregunta. De verdade vos aseguro que calquera cousa que lle pidades ó Pai no meu nome, el váivola dar. 24 Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, para que esteades cheos de alegría.
25 ”Díxenvos estas cousas usando comparacións. Pero acércase a hora na que xa non vos falarei con comparacións, senón que vos falarei do Pai claramente. 26 Ese día pedirédeslle ó Pai no meu nome. Pero con isto non quero dicir que lle vou pedir eu por vós. 27 O Pai quérevos* porque me quixestes a min e crestes que vin como representante de Deus. 28 Vin ó mundo como representante do Pai. Agora deixo o mundo e vou onda o Pai”.
29 Entón os seus discípulos dixéronlle: “Agora si que falas claro, sen usar comparacións. 30 Agora sabemos que o sabes todo e que non necesitas que ninguén che faga preguntas, porque xa sabes o que están pensando. Por iso cremos que viñeches de Deus”. 31 Xesús contestoulles: “Agora credes? 32 Mirade! Acércase a hora, de feito xa chegou, na que seredes espallados. Cada un marchará para a súa casa e deixarédesme só. Pero non estou só, porque o Pai está comigo. 33 Díxenvos estas cousas para que teñades paz por medio de min. No mundo ides sufrir*, pero sede valentes! Eu vencín o mundo”.