Primeira Carta de Xoán
5 Tódolos que cren que Xesús é o Cristo naceron de Deus. E tódolos que aman ó Pai tamén aman ós que naceron del. 2 Así é como sabemos que amamos ós fillos de Deus: se amamos a Deus e obedecemos os seus mandamentos. 3 Porque o amor a Deus consiste nisto: en obedecer os seus mandamentos. E os seus mandamentos non son unha carga. 4 Porque tódolos que naceron* de Deus vencen o mundo. E isto é o que nos permitiu vencer o mundo: a nosa fe.
5 Quen pode vencer o mundo? Acaso non é o que ten fe en que Xesús é o Fillo de Deus? 6 Xesucristo veu por medio de auga e sangue. Non só veu con auga, senón con auga e con sangue. E o espírito dá testemuño, porque o espírito é a verdade. 7 Porque son tres os que dan testemuño: 8 o espírito, a auga e o sangue, e os tres están de acordo.
9 Nós aceptamos o testemuño dos homes, pero o testemuño de Deus é superior. Porque este é o testemuño de Deus: o testemuño que deu sobre o seu Fillo. 10 A persoa que ten fe no Fillo de Deus demostra que ten no seu corazón o testemuño que Deus lle deu. A persoa que non ten fe en Deus faino quedar coma un mentireiro, porque non tivo fe no testemuño que Deus deu sobre o seu Fillo. 11 E este é o testemuño: Deus deunos vida eterna, e recibimos esa vida por medio do* seu Fillo. 12 Quen acepta* o Fillo ten vida eterna. E quen non acepta* o Fillo de Deus non ten vida eterna.
13 Escríbovos estas cousas para que vós, os que tedes fe no nome do Fillo de Deus, saibades que tedes vida eterna. 14 Esta é a confianza que temos nel*: que se lle pedimos calquera cousa que estea de acordo coa súa vontade, el escóitanos. 15 E como sabemos que el sempre nos escoita cando lle pedimos algo, estamos seguros de que recibiremos o que pedimos porque llo pedimos a el.
16 Se alguén ve o seu irmán cometendo un pecado que non leva á morte, que ore por el e Deus daralle vida. Isto aplica no caso dos que non cometen un pecado que leva á morte. Pero hai un pecado que si leva á morte, e non é por ese tipo de pecado polo que lle digo que ore. 17 Toda inxustiza é pecado. Pero hai un tipo de pecado que non leva á morte.
18 Sabemos que ninguén que naceu de Deus practica o pecado. E como o protexe aquel que naceu de Deus*, o Maligno* non o pode tocar*. 19 Sabemos que nós vimos de Deus, pero o mundo enteiro está baixo o control* do Maligno*. 20 Ademais, sabemos que o Fillo de Deus veu, e deunos entendemento* para que cheguemos a coñecer a aquel que é verdadeiro. E estamos unidos a aquel que é verdadeiro por medio do seu Fillo, Xesucristo. Ese é o Deus verdadeiro e a fonte da vida eterna. 21 Filliños, tede coidado cos* ídolos.