Feitos dos Apóstolos
19 Mentres Apolos estaba en Corinto, Paulo pasou polas rexións do interior e baixou a Éfeso. Alí encontrou algúns discípulos 2 e preguntoulles: “Recibistes espírito santo cando vos fixestes crentes?”. Eles contestáronlle: “Nunca oímos falar do espírito santo”. 3 El díxolles: “Entón, que bautismo recibistes?”. Eles respondéronlle: “O bautismo de Xoán”. 4 E Paulo díxolles: “O bautismo de Xoán era un sinal de arrepentimento, e el dicíalle á xente que crese naquel que viría despois del, é dicir, en Xesús”. 5 Ó escoitar isto, bautizáronse no nome do Señor Xesús. 6 Cando Paulo lles impuxo as mans*, recibiron espírito santo e empezaron a falar en diferentes idiomas e a profetizar. 7 En total, eran uns 12 homes.
8 Durante tres meses, Paulo estivo indo á sinagoga. Alí falaba con valor e daba discursos e razoamentos convincentes sobre o Reino de Deus. 9 Pero algúns foron cabezóns e negáronse a crer, e empezaron a falar mal do Camiño* diante da xente. Por iso, Paulo separouse deles e levou con el os discípulos. E daba discursos tódolos días no auditorio da escola de Tirano. 10 Como seguiu facendo isto por dous anos, tódolos que vivían na provincia de Asia, tanto xudeus coma gregos, escoitaron a palabra do Señor.
11 E Deus seguiu facendo milagres extraordinarios mediante Paulo. 12 Incluso collían panos e mandís que tocaran o corpo de Paulo e levábanllelos ós enfermos. Entón os enfermos quedaban curados e os demos saían deles. 13 Pero algúns xudeus que ían dun sitio para outro botando fóra os demos tamén intentaron usar o nome do Señor Xesús cos que estaban posuídos polos malos espíritos. Dicían: “No nome de Xesús, sobre quen Paulo predica, mándovos que saiades”. 14 Isto é o que facían sete fillos dun sacerdote principal xudeu que se chamaba Esceva. 15 Pero un demo respondeulles: “Coñezo a Xesús e sei quen é Paulo. Pero, vós quen sodes?”. 16 Entón, o home que estaba posuído por aquel demo botouse enriba deles e puido con todos, un detrás doutro. E eles fuxiron daquela casa espidos e feridos. 17 Tódolos que vivían en Éfeso, tanto os xudeus coma os gregos, souberon o que pasara. Así que, enchéronse de temor de Deus* e o nome do Señor Xesús seguiu recibindo honra. 18 E moitos dos que se fixeran crentes ían onda os discípulos para confesar e explicar abertamente as súas prácticas. 19 De feito, moitos dos que practicaran maxia xuntaron os seus libros e queimáronos diante de todos. Cando botaron contas, en total valían 50.000 moedas de prata. 20 Así, a palabra de Xehová* seguiuse estendendo e collendo forza.
21 Despois de todo isto, Paulo decidiu que viaxaría a Xerusalén despois de pasar por Macedonia e Acaia. Ademais dixo: “Despois de ir a Xerusalén tamén teño que ir a Roma”. 22 Entón enviou a Macedonia a dous dos seus axudantes: Timoteo e Erasto. Pero el quedou un tempo na provincia de Asia.
23 Por aqueles días, houbo uns disturbios moi grandes debido ó Camiño*. 24 Resulta que había un home que se chamaba Demetrio, un artesán que traballaba a prata e facía réplicas en miniatura do templo de Ártemis. El facía que os demais artesáns ganasen moitos cartos. 25 Entón xuntou eses artesáns e tamén a outros que traballaban en cousas parecidas, e díxolles: “Compañeiros, sabedes ben que os cartos que ganamos dependen deste negocio. 26 E agora vedes e escoitades que este Paulo convenceu a moita xente, non só aquí en Éfeso, senón en case toda a provincia de Asia. Fixo que cambiasen de opinión dicindo que os deuses que se fan á man non son deuses de verdade. 27 De feito, non só existe o perigo de que o noso negocio perda a súa boa reputación, senón tamén de que se lle quite todo o seu valor ó templo da gran deusa Ártemis. A ela adórana en toda a provincia de Asia e por toda a terra*, e vanlle quitar a súa grandeza”. 28 Ó escoitar isto, os homes puxéronse furiosos e empezaron a berrar: “Viva a grande Ártemis dos efesios!”.
29 Así que toda a cidade converteuse nun caos. Entón, entraron correndo todos xuntos no teatro levando a rastro a Gaio e a Aristarco, dous macedonios que eran compañeiros de viaxe de Paulo. 30 Paulo quería entrar para falar coa xente, pero os discípulos non lle deixaron. 31 Algúns dos homes importantes que organizaban festas e xogos públicos, e que se levaban ben con el, incluso lle enviaron unha mensaxe e lle suplicaron que non se arriscase a ir ó teatro. 32 Mentres tanto, uns berraban unha cousa e outros outra, porque a xente que se reunira naquela asemblea estaba confusa e a maioría nin sequera sabía para que se xuntaran. 33 Entón sacaron da multitude un home que se chamaba Alexandre, a quen os xudeus estaban empuxando cara adiante. El fixo xestos coa man porque quería darlle unha explicación ó pobo. 34 Pero cando se deron conta de que era xudeu, puxéronse todos a berrar ó mesmo tempo, e estiveron dúas horas dicindo: “Viva a grande Ártemis dos efesios!”.
35 Ó final, o administrador da cidade conseguiu calmar a multitude e dixo: “Efesios, credes que de verdade hai alguén que non saiba que a cidade de Éfeso é a garda do templo da grande Ártemis e da imaxe que caeu do ceo? 36 Ninguén o pode negar, así que calmádevos e non vos precipitedes. 37 Porque estes homes que trouxestes aquí non son ladróns de templos nin blasfemaron contra a nosa deusa. 38 Por iso, se Demetrio e os artesáns que están con el queren acusar a alguén, para iso están os procónsules* e para iso están os días nos que se reúnen os tribunais. Que presenten alí as acusacións que teñen uns contra outros. 39 Pero se estades buscando algo máis ca iso, este asunto ten que resolverse nunha asemblea oficial. 40 Porque non hai ningunha razón que xustifique este alboroto, e corremos o perigo de que se nos acuse de sedición polo que está pasando hoxe”. 41 Despois de dicir isto, disolveu a asemblea.