As boas noticias segundo Mateo
17 Seis días despois, Xesús levou a Pedro, a Santiago e a Xoán (o irmán de Santiago) a unha montaña alta, e estiveron alí sós. 2 E Xesús transfigurouse* diante deles. A súa cara resplandecía coma o sol e a súa roupa volveuse brillante* coma a luz. 3 De repente, aparecéronselles Moisés e Elías falando con Xesús. 4 Entón, Pedro díxolle a Xesús: “Señor, que ben que esteamos aquí! Se queres, podo montar tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. 5 Mentres aínda estaba falando, de repente, cubriunos unha nube brillante. Entón, escoitouse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu querido Fillo. El ten a miña aprobación. Escoitádeo”. 6 Cando os discípulos oíron iso, tiveron moitísimo medo, botáronse ó chan e baixaron a cabeza. 7 Entón Xesús acercouse a eles, tocounos e díxolles: “Levantádevos. Non teñades medo”. 8 Cando levantaron a cabeza, só viron a Xesús. 9 Mentres baixaban da montaña, Xesús mandoulles: “Non lle faledes desta visión a ninguén ata que o Fillo do Home sexa resucitado* de entre os mortos”.
10 Pero os discípulos preguntáronlle: “E logo, por que din os escribas que Elías ten que vir antes que o Cristo?”. 11 El respondeulles: “É certo que primeiro ten que vir Elías para restablecer tódalas cousas. 12 Pero dígovos que Elías xa veu e eles non o recoñeceron, senón que fixeron con el o que quixeron. Da mesma forma, tamén farán que o Fillo do Home sufra”. 13 Nese momento, os discípulos déronse conta de que lles estaba falando de Xoán o Bautista.
14 Cando chegaron onde estaba a multitude, un home acercouse a Xesús, púxose de xeonllos diante del e díxolle: 15 “Señor, ten compaixón* do meu fillo, porque é epiléptico e está moi maliño, e moitas veces cae no lume ou na auga. 16 Tróuxeno onda os teus discípulos, pero non puideron curalo”. 17 Xesús respondeu: “Esta xeración é moi retorcida e non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós? Ata cando terei que soportarvos? Traédemo aquí”. 18 Entón, Xesús reprendeu o demo que estaba dentro do rapaz, o demo saíu do rapaz e o rapaz quedou curado nese momento. 19 Despois, os discípulos foron onda Xesús e preguntáronlle en privado: “Por que nós non puidemos botar fóra ese demo?”. 20 El respondeulles: “Porque tedes pouca fe. Asegúrovos que, se a vosa fe é do tamaño dun gran de mostaza, dirédeslle a esta montaña ‘Móvete de aquí para alí’ e moverase. E nada será imposible para vós”. 21 —*
22 Mentres estaban xuntos en Galilea, Xesús díxolles: “O Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos. 23 Eles vano matar e ó terceiro día será resucitado*”. Cando os discípulos escoitaron iso, puxéronse moi tristes.
24 Despois de que Xesús e os seus discípulos chegaron a Capernaúm, os homes que cobraban o imposto do templo* acercáronse a Pedro e preguntáronlle: “Seica o voso mestre non paga o imposto do templo?”. 25 El contestoulles: “Si que o paga”. Pero cando Pedro entrou na casa, Xesús preguntoulle antes de que el puidese dicir nada: “Que pensas, Simón? A quen lles cobran impostos e tributos* os reis da terra? Ós seus fillos ou ás demais persoas?”. 26 Cando el lle contestou “Ás demais persoas”, Xesús díxolle: “Iso quere dicir que os seus fillos non teñen que pagar impostos. 27 Pero para que non se escandalicen*, vai ó mar e bota o anzol. Cando abras a boca do primeiro peixe que pesques, atoparás unha moeda de prata*. Cóllea e dállela a eles por min e por ti”.