Feitos dos Apóstolos
17 Entón pasaron por Anfípolis e Apolonia, e chegaron a Tesalónica. Alí había unha sinagoga dos xudeus. 2 Paulo entrou na sinagoga, como tiña por costume, e durante tres sábados razoou con eles usando as Escrituras. 3 Explicáballes e demostráballes co que estaba escrito que o Cristo tiña que sufrir e resucitar* de entre os mortos. Dicíalles: “O Cristo é este Xesús do que vos estou falando”. 4 Debido a isto, algúns deles fixéronse crentes e uníronse a Paulo e a Silas. E un gran grupo de gregos que adoraban a Deus e moitas mulleres importantes tamén fixeron o mesmo.
5 Pero os xudeus, cheos de envexa, xuntaron algúns homes malvados que andaban perdendo o tempo pola praza do mercado e formaron un grupo que revolucionou a cidade. Entón entraron pola forza na casa de Xasón buscando a Paulo e a Silas para entregarllos a esa xente. 6 Como non os encontraron, colleron a Xasón e a algúns irmáns e leváronos a rastro onda os gobernantes da cidade, e berraban: “Eses homes que causaron problemas por toda a terra* tamén están aquí, 7 e Xasón tenos aloxados na súa casa. Todos eles van en contra das leis do César porque din que hai outro rei: Xesús”. 8 Cando a xente e os gobernantes da cidade escoitaron iso, asustáronse. 9 Pero deixaron que Xasón e os demais marchasen despois de facerlles pagar unha fianza.
10 Tan pronto como se fixo de noite, os irmáns enviaron a Paulo e a Silas a Berea. Cando chegaron alí, foron á sinagoga dos xudeus. 11 Os xudeus de Berea estaban máis dispostos a aprender* que os de Tesalónica, porque aceptaron a palabra de Deus con moitísimas ganas e analizaban* con coidado as Escrituras tódolos días para ver se estas cousas eran tal como lles dicían. 12 Por iso, moitos deles fixéronse crentes. Ademais, moitas mulleres gregas respectables e algúns homes tamén fixeron o mesmo. 13 Pero cando os xudeus de Tesalónica souberon que Paulo tamén estaba anunciando a palabra de Deus en Berea, foron alá para provocar e revolucionar as multitudes. 14 Así que os irmáns mandaron inmediatamente a Paulo cara á costa, pero Silas e Timoteo quedaron alí. 15 Os que acompañaban a Paulo levárono ata Atenas. Entón el díxolles que volvesen e que lles pedisen a Silas e a Timoteo que se reunisen con el canto antes.
16 Mentres Paulo os esperaba en Atenas, indignouse moito ó ver que a cidade estaba chea de ídolos. 17 Así que foi á sinagoga e púxose a razoar cos xudeus e con outras persoas que adoraban a Deus. E facía o mesmo tódolos días na praza do mercado cos que andaban por alí. 18 Pero algúns filósofos dos epicúreos* e dos estoicos* empezaron a discutir con el. Uns preguntaban: “Que quererá dicir este charlatán?”. Outros dicían: “Parece que é un predicador de deuses estranxeiros”. Dicíano porque Paulo predicaba as boas noticias de Xesús e da resurrección. 19 Entón agarrárono, levárono ó Areópago* e preguntáronlle: “Pódesnos explicar cal é esa nova ensinanza da que falas? 20 Porque estás falando de cousas que nunca escoitamos e queremos saber o que significan”. 21 De feito, no seu tempo libre, tódolos atenienses e os estranxeiros que había* alí non facían nada máis que contar ou escoitar cousas novas. 22 Paulo púxose de pé no medio do Areópago e dixo:
“Homes de Atenas, vexo que en tódalas cousas parece que lles tedes máis devoción ós deuses* que outras persoas. 23 Por exemplo, mentres ía camiñando e observaba con atención os obxectos que adorades, incluso encontrei un altar que tiña a seguinte inscrición: ‘A un Deus Descoñecido’. Pois eu estouvos falando dese Deus ó que adorades sen coñecelo. 24 O Deus que fixo o mundo e tódalas cousas que hai nel é Señor do ceo e da terra, e non vive en templos feitos por homes. 25 El non necesita que as mans das persoas o sirvan, porque el non ten falta de nada. De feito, é el quen lles dá a todos vida, alento e tódalas cousas. 26 Creou tódalas nacións a partir dun só home para que vivisen por toda a superficie da terra. Estableceu os tempos fixados e marcou os límites dentro dos que vivirían as persoas. 27 Fíxoo para que a xente o buscase e o encontrase, aínda que fose ás apalpadas*. De feito, el non está moi lonxe de cada un de nós. 28 Por el temos vida, movémonos e existimos. Como dixeron algúns dos vosos poetas: ‘Nós tamén somos fillos seus’.
29 ”Así que, xa que somos fillos de Deus, non debemos pensar que Deus* é coma o ouro, a prata ou a pedra, nin coma as esculturas que as persoas fan grazas á súa imaxinación e arte. 30 É certo que Deus non tivo en conta eses tempos nos que a xente non o coñecía, pero agora estalles dicindo a tódalas persoas en todas partes que se arrepintan. 31 Porque marcou un día no que se propón xulgar a terra* con xustiza mediante un home ó que nomeou. E el deulles a todos unha garantía ó resucitar a este home de entre os mortos”.
32 Cando oíron falar da resurrección dos mortos, algúns empezaron a burlarse, pero outros dixeron: “Vólvenos a falar deste tema noutro momento”. 33 Así que Paulo marchou. 34 Pero algúns uníronse a el e fixéronse crentes. Entre eles estaban Dionisio, que era xuíz do tribunal do Areópago, e unha muller que se chamaba Dámaris, ademais doutros.