Segunda Carta ós Tesalonicenses
1 De parte de Paulo, Silvano* e Timoteo para a congregación dos tesalonicenses que está unida a Deus, o noso Pai, e ó Señor Xesucristo:
2 Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o Pai, e do Señor Xesucristo.
3 Irmáns, sempre nos sentimos obrigados a darlle grazas a Deus por vós. E é xusto que o fagamos porque a vosa fe está medrando moitísimo, e o amor que todos e cada un de vós sentides uns polos outros está aumentando. 4 Por iso falamos de vós con orgullo ás congregacións de Deus, polo aguante e a fe que demostrades no medio de tanta persecución e das dificultades que estades pasando. 5 Isto demostra que o xuízo de Deus é xusto e fai que se vos considere dignos do Reino de Deus, que é a razón pola que en realidade estades sufrindo.
6 De feito, é xusto que Deus castigue con tribulación ós que vos están causando sufrimentos*. 7 Pero vós, que estades pasando por sufrimentos*, deixaredes de sufrir, igual ca nós. Isto pasará cando o Señor Xesús apareza* desde o ceo cos seus poderosos anxos 8 entre chamas de lume, cando se vingue dos que non coñecen a Deus e dos que non aceptan as boas noticias sobre o noso Señor Xesús. 9 O noso Señor xulgaraos e o seu castigo será a destrución eterna. Así, serán eliminados de diante del e da súa gloriosa forza. 10 Isto pasará cando el veña para ser glorificado cos seus santos* e admirado por tódolos que demostraron fe. Vós, que crestes o testemuño que vos demos, estaredes entre eles.
11 Por iso oramos sempre por vós, para que o noso Deus vos considere dignos da vida á que vos chamou, e para que complete co seu poder todo o bo que quere facer e todo o que estivestes facendo motivados pola fe*. 12 Así, o nome do noso Señor Xesús será glorificado polo que facedes e vós seredes glorificados porque estades unidos a el, de acordo coa bondade inmerecida do noso Deus e do Señor Xesucristo.