Segunda Carta ós Tesalonicenses
3 Por último, irmáns, seguide orando por nós para que a palabra de Xehová* siga estendéndose rapidamente e siga sendo glorificada entre a xente, igual que está sendo glorificada entre vós. 2 Seguide orando tamén para que se nos libre dos homes malvados e perversos, porque non todo o mundo ten fe. 3 Pero o Señor é fiel á súa palabra, e el fortaleceravos e protexeravos do Maligno*. 4 E nós, como seguidores do Señor, confiamos en que estades obedecendo as nosas instrucións e que o seguiredes facendo. 5 Que o Señor siga guiando os vosos corazóns para que amedes a Deus e mostredes o aguante que necesitades para servir o Cristo.
6 Agora, irmáns, no nome do noso Señor Xesucristo, dámosvos instrucións de que vos apartedes de calquera irmán que se comporte de maneira indisciplinada* e que non siga o que recibistes* de nós. 7 Vós sabedes o que tedes que facer para imitarnos, porque non nos comportamos de maneira indisciplinada* cando estivemos con vós 8 nin lle pedimos a ninguén que nos dese comida gratis. Todo o contrario, traballamos día e noite sen descanso e con moito esforzo para non ser unha carga económica para ningún de vós. 9 E non é porque non teñamos dereito a pedir algo*, senón porque queriamos poñervos un bo exemplo para que nos imitásedes. 10 De feito, cando estabamos con vós xa vos dabamos esta orde: “Se alguén non quere traballar, que tampouco coma”. 11 Pero escoitamos que algúns están comportándose de maneira indisciplinada* entre vós porque, en vez de traballar, métense nas cousas dos demais. 12 A esas persoas mandámoslles e suplicámoslles* polo Señor Xesucristo que traballen ocupándose dos seus propios asuntos e que coman o que ganen por elas mesmas.
13 Pero vós, irmáns, non vos cansedes de facer o que está ben. 14 E se algún non obedece o que dicimos nesta carta, mantédeo sinalado e deixade de relacionarvos con el, para que se avergonce. 15 Aínda así, non o vexades como un inimigo. En vez diso, seguídeo aconsellando como a un irmán.
16 Que o Señor da paz vos dea paz en todo momento e en todo. Que o Señor estea con todos vós.
17 Eu, Paulo, escríbovos este saúdo coa miña propia man, que é o sinal que identifica tódalas miñas cartas. Así é como escribo.
18 Que a bondade inmerecida do noso Señor Xesucristo estea con todos vós.