Carta ós Romanos
16 Anímovos a que lle deades a benvida* a Febe, a nosa irmá, que é unha ministra da congregación de Céncreas. 2 Recibídea con cariño, dunha maneira digna dos que forman parte do pobo santo do Señor. Axudádelle con todo o que necesite, porque ela tamén defendeu a moitos, incluído a min.
3 Saudade da miña parte a Prisca e a Áquila, os meus colaboradores na obra de Cristo Xesús. 4 Eles arriscaron a súa vida* por min, e tanto eu como tódalas congregacións das nacións dámoslles grazas. 5 Saudade tamén á congregación que se reúne na súa casa. Saudade ó meu querido Epéneto, que é un dos primeiros* de Asia que se fixo seguidor de Cristo. 6 Saudade a María, que traballou moito por vós. 7 Saudade a Andrónico e a Xunias, os meus parentes e compañeiros de prisión. A eles coñécenos ben os apóstolos e os que levan sendo seguidores de Cristo máis tempo ca min.
8 Saudade da miña parte a Ampliato, o meu querido amigo que tamén é seguidor do Señor. 9 Saudade a Urbano, o noso colaborador na obra de Cristo, e tamén ó meu querido Eustaquio. 10 Saudade a Apeles, que é un servo aprobado de Cristo. Saudade ós da casa de Aristóbulo. 11 Saudade a Herodión, o meu parente. Saudade ós da casa de Narciso, que son seguidores do Señor. 12 Saudade a Trifena e a Trifosa, que son mulleres que traballan moito para o Señor. Saudade á nosa querida Pérsida, porque ela tamén traballou moito para o Señor. 13 Saudade a Rufo, que foi escollido polo Señor, e tamén á súa nai, que é coma unha nai para min. 14 Saudade a Asíncrito, a Flegonte, a Hermes, a Patrobas, a Hermas e ós irmáns que están con eles. 15 Saudade a Filólogo e a Xulia, a Nereo e á súa irmá, a Olimpas e a tódolos irmáns* que están con eles. 16 Saudádevos uns ós outros con cariño*. Tódalas congregacións do Cristo mándanvos saúdos.
17 Irmáns, agora suplícovos que vixiedes ós que provocan divisións e poñen obstáculos que van en contra das ensinanzas que aprendestes. Apartádevos deles. 18 Esa clase de homes non son escravos do noso Señor Cristo, senón dos seus propios desexos*, e seducen os corazóns dos inxenuos con palabras melosas e aduladoras. 19 Todo o mundo sabe que sodes obedientes, e alégrome moito por vós. Pero quero que sexades sabios para o que é bo e inocentes para o que é malo. 20 Dentro de pouco, o Deus que dá paz esmagará a Satanás debaixo dos vosos pés. Que o noso Señor Xesús vos mostre a súa bondade inmerecida.
21 O meu colaborador Timoteo mándavos saúdos. Tamén vos saúdan os meus parentes Lucio, Xasón e Sosípatro.
22 Eu, Tercio, que puxen por escrito esta carta, mándovos saúdos como seguidor do Señor.
23 Gaio, que me acolleu na súa casa, na que se reúne toda a congregación, mándavos saúdos. E tamén vos mandan saúdos Erasto, que é o tesoureiro* da cidade, e o seu irmán Cuarto. 24 —*
25 Deus pode facervos firmes mediante as boas noticias que eu anuncio e a predicación sobre Xesucristo. Esta mensaxe revelouse mediante o segredo sagrado que estivo oculto durante moitísimo tempo. 26 Pero agora mostróusenos* e deuse a coñecer mediante as Escrituras proféticas. O noso Deus eterno mandou que se dese a coñecer entre tódalas nacións para promover a obediencia pola fe. 27 Que Deus, o único que é sabio, reciba a gloria mediante Xesucristo para sempre. Amén.