Carta ós Efesios
6 Fillos, obedecede os vosos pais da maneira que lle agrada ó Señor, porque isto é xusto. 2 “Honra a teu pai e a túa nai”. Ese é o primeiro mandamento que vai acompañado dunha promesa: 3 “Para que che vaia ben* e vivas moito tempo na terra”. 4 Pais*, non irritedes os vosos fillos. En vez diso, seguídeos criando de acordo coa disciplina e os consellos de* Xehová*.
5 Escravos, obedecede os vosos amos* con moito respecto* e cun corazón sincero, igual que se obedecésedes ó Cristo. 6 Non o fagades só cando vos estean mirando*, para agradar a outros, senón como escravos de Cristo que fan a vontade de Deus de toda alma*. 7 Sede escravos cunha boa actitude, coma se servísedes a Xehová* e non ós homes, 8 porque sabedes que Xehová* recompensará a cada un por calquera cousa boa que faga, tanto se é escravo coma se é un home libre. 9 E vós, os que sodes amos, seguídeos tratando a eles da mesma maneira, sen ameazas, porque sabedes que tanto eles coma vós tedes o mesmo Amo nos ceos e que el non fai diferenzas entre as persoas*.
10 Por último, seguide recibindo poder do Señor porque a súa forza é grande. 11 Poñédevos a armadura completa que dá Deus para que poidades mantervos firmes contra as trampas* astutas do Demo*. 12 Porque temos unha loita*, pero non contra alguén de carne e óso* senón contra os demos que están nos ceos e que gobernan e teñen autoridade sobre o mundo que está en escuridade. 13 Por iso, poñédevos a armadura completa que dá Deus para que poidades resistir cando chegue o día malo e para que poidades mantervos firmes despois de facer todo o necesario.
14 Así que mantédevos firmes levando posto o cinto da verdade, vestidos coa coiraza da xustiza, 15 e cos pés calzados e preparados para anunciar as boas noticias da paz. 16 Ademais de todo isto, collede o escudo grande da fe porque con el poderedes apagar tódalas frechas incendiarias* do Maligno*. 17 Levade tamén o casco da salvación e a espada do espírito, é dicir, a palabra de Deus. 18 Ó mesmo tempo, seguide orando en todo momento de acordo co espírito, facendo todo tipo de oracións e súplicas. Para conseguir isto, mantédevos despertos e suplicade constantemente por tódolos santos*. 19 Orade tamén por min, para que se me dean as palabras adecuadas cando fale e así poida dar a coñecer con valor o segredo sagrado das boas noticias. 20 Eu son un embaixador desas boas noticias que está encadeado. Orade por min para que poida falar delas con valor, como debo falar.
21 Tíquico, un querido irmán e un fiel servo* do Señor, informaravos de todo para que saibades de min e de como me vai. 22 Por iso volo mando, para que poidades saber como estamos e para que vos anime*.
23 Que os irmáns teñan paz e amor con fe de parte de Deus, o Pai, e do Señor Xesucristo. 24 Que a bondade inmerecida de Deus estea con tódolos que aman o noso Señor Xesucristo cun amor que non se pode corromper.