Apocalipse
12 Entón viuse un gran sinal no ceo: había unha muller vestida co sol, tiña a lúa debaixo dos seus pés e levaba unha coroa de 12 estrelas na cabeza. 2 Estaba embarazada e a punto de dar a luz. Así que berraba polas dores e o intenso sufrimento que sentía.
3 E viuse outro sinal no ceo: apareceu un dragón grande da cor do lume que tiña 7 cabezas e 10 cornos, e nas súas cabezas había 7 coroas*. 4 A súa cola arrastraba a terceira parte das estrelas do ceo, e botounas á terra. E o dragón quedou de pé diante da muller que estaba a punto de dar a luz, para devorar ó seu fillo tan pronto como nacese.
5 Ela deu a luz un fillo, un neno, que gobernará* a tódalas nacións con vara de ferro. E enseguida o neno foi levado onda Deus, que estaba no seu trono. 6 Entón a muller fuxiu ó deserto, onde Deus lle preparara un sitio e onde sería alimentada durante 1260 días.
7 E empezou unha guerra no ceo. Miguel* e os seus anxos loitaron contra o dragón. E o dragón e os seus anxos tamén loitaron, 8 pero non puideron ganar*. E xa non se lles permitiu seguir estando no ceo. 9 Así que o gran dragón, a serpe orixinal, ó que lle chaman Demo* e Satanás*, que está enganando a toda a terra*, foi lanzado cara abaixo, á terra. E os seus anxos tamén foron lanzados cara abaixo con el. 10 E escoitei unha voz forte no ceo que dicía:
“Agora fixéronse realidade a salvación, o poder e o Reino do noso Deus, e a autoridade do seu Cristo! Porque o acusador dos nosos irmáns, que os acusa día e noite diante do noso Deus, foi lanzado cara abaixo. 11 Eles vencérono grazas ó sangue do Cordeiro e grazas á mensaxe que anunciaron*, e non tiveron medo de perder a súa vida* nin sequera cando se enfrontaron á morte. 12 Por iso, alegrádevos, ceos e os que vivides neles! Pero, ai da terra e do mar! Porque o Demo baixou onda vós cheo de furia, pois sabe que lle queda pouco tempo”.
13 Cando o dragón viu que o lanzaran á terra, perseguiu a muller que dera a luz ó neno. 14 Pero a muller recibiu dúas alas dunha aguia grande para voar ó deserto, ó sitio que se preparara para ela, onde ten que ser alimentada lonxe da presenza* da serpe durante un tempo, dous tempos e medio tempo*.
15 E a serpe lanzou pola súa boca un río de auga detrás da muller, para que afogase no río. 16 Pero a terra foi axudar á muller. A terra abriu a súa boca e tragou o río que o dragón lanzara pola boca. 17 Entón o dragón púxose furioso coa muller e foi loitar contra os que quedan da descendencia dela. Estes son os que obedecen os mandamentos de Deus e ós que se lles encargou dar testemuño acerca de Xesús.