Carta ós Romanos
6 Entón, que significa isto? Debemos seguir pecando para que aumente a bondade inmerecida? 2 Claro que non! Se xa non estamos controlados polo pecado*, como podemos seguir vivindo no pecado? 3 Ou non sabedes que tódolos que fomos bautizados en Cristo Xesús fomos bautizados na súa morte? 4 Fomos enterrados con el mediante o noso bautismo na súa morte para que, igual que Cristo resucitou* de entre os mortos por medio da gloria do Pai, nós tamén vivamos unha nova vida. 5 Se estamos unidos a el nunha morte coma a súa, tamén estaremos unidos a el nunha resurrección coma a súa. 6 Porque sabemos que a nosa vella personalidade foi cravada no madeiro con el, para que o pecado perdese o seu poder no noso corpo e así deixásemos de ser escravos do pecado. 7 Porque quen morre queda liberado* do seu pecado.
8 Ademais, se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con el. 9 Porque sabemos que Cristo, agora que foi resucitado* de entre os mortos, non vai morrer nunca máis. A morte xa non ten poder sobre el. 10 El morreu para acabar co pecado, unha vez e para sempre, pero a vida que vive, vívea para Deus. 11 Da mesma maneira, vós considerádevos mortos con respecto ó pecado pero vivos para Deus mediante Cristo Xesús.
12 Así que non deixedes que o pecado siga reinando nos vosos corpos mortais e vos obrigue a obedecer os seus desexos. 13 Tampouco sigades ofrecendo os vosos corpos* ó pecado como armas para facer o mal*. En vez diso, ofrecédevos a Deus coma os que pasaron da morte á vida e ofrecede os vosos corpos* a Deus como armas para facer o ben*. 14 O pecado non debe ser o voso amo, porque vós non estades baixo a Lei senón baixo a bondade inmerecida.
15 Entón, que significa isto? Imos cometer un pecado porque non estamos baixo a Lei senón baixo a bondade inmerecida? Claro que non! 16 Seica non sabedes que se vos ofrecedes a alguén como escravos obedientes, facédesvos escravos daquel a quen obedecedes, sexa do pecado que leva á morte, ou da obediencia que leva á xustiza? 17 Pero dámoslle grazas a Deus porque, aínda que antes erades escravos do pecado, fixéstesvos obedientes de corazón ás ensinanzas que recibistes. 18 De feito, ó ser liberados do pecado, fixéstesvos escravos da xustiza. 19 Estouvos falando desde un punto de vista humano porque sodes débiles por culpa da vosa inclinación ó pecado*. Polo tanto, igual que ofrecestes os vosos corpos como escravos á impureza* e á maldade para facer o que é malo, ofrecede agora os vosos corpos como escravos á xustiza para facer o que é santo. 20 Porque cando erades escravos do pecado, non tiñades a obrigación de facer o que é xusto.
21 Entón, cal era o resultado da conduta que tiñades* naquel tempo? Cousas das que agora vos avergonzades. Porque o resultado desas cousas é a morte. 22 Pero agora que fostes liberados do pecado e sodes escravos de Deus, o resultado da vosa conduta é a santidade, e iso leva á vida eterna. 23 Porque o salario que o pecado paga é a morte, pero o regalo que Deus dá é a vida eterna por medio de Cristo Xesús, o noso Señor.