Primeira Carta de Pedro
1 De parte de Pedro, apóstolo de Xesucristo, para os residentes temporais que están dispersados polas rexións do Ponto, de Galacia, de Capadocia, de Asia e de Bitinia, para os que fostes escollidos 2 de acordo coa presciencia* de Deus, o Pai, e que fostes santificados por medio do espírito santo para que sexades obedientes e sexades salpicados co sangue de Xesucristo:
Que cada vez recibades máis bondade inmerecida e paz.
3 Que o Deus e Pai do noso Señor Xesucristo sexa louvado, porque pola súa gran misericordia fixo que volvésemos a nacer* para que tivésemos unha esperanza viva mediante a resurrección de Xesucristo de entre os mortos, 4 para que recibísemos unha herdanza que non se corrompe*, que non está contaminada e que non se acaba botando a perder. Esta herdanza está reservada nos ceos para vós, 5 a quen Deus protexe co seu poder porque tedes fe. Deus protéxevos para que recibades a salvación que está preparada para ser revelada no tempo do fin. 6 Por iso estades moi contentos, aínda que quizais teñades que pasar por diferentes probas que vos angustien durante un pouco de tempo, 7 para que a vosa fe, despois de ser probada e de demostrar a súa calidade, faga que poidades recibir louvanza, gloria e honra na revelación de Xesucristo. Esa fe ten moito máis valor que o ouro, que se pode destruír aínda despois de ser refinado* con lume. 8 Aínda que nunca vistes a Cristo, amádelo. E aínda que agora tampouco o vedes, demostrades fe nel e alegrádesvos moitísimo. Sentides unha felicidade indescritible e extraordinaria, 9 mentres alcanzades o obxectivo da vosa fe: a vosa salvación.
10 Sobre esta salvación, os profetas que profetizaron sobre a bondade inmerecida reservada para vós fixeron unha investigación minuciosa e unha busca coidadosa. 11 Seguiron investigando en que momento e en que época se cumprirían en Cristo as cousas que profetizara o espírito santo, que estaba dentro deles. Ese espírito profetizara con antelación sobre como sufriría o Cristo e sobre a gloria que recibiría despois. 12 Ós profetas revelóuselles que non se estaban servindo a si mesmos, senón que vos servían a vós. Eles escribiron sobre as cousas que se vos anunciaron e que vós escoitastes por medio dos que vos predicaron as boas noticias coa axuda do espírito santo que foi enviado desde o ceo. Estas son as mesmas cousas que os anxos están desexando entender.
13 Polo tanto, preparádevos mentalmente para actuar, facede tódalas cousas con bo xuízo e poñede a vosa esperanza na bondade inmerecida que se vos mostrará na revelación de Xesucristo. 14 Coma fillos obedientes, non deixedes que vos sigan moldeando os desexos que tiñades antes, cando non coñeciades a Deus. 15 En vez diso, sede santos* en todo o que fagades, igual que o Santo que vos chamou, 16 porque está escrito: “Tedes que ser santos porque eu son santo”.
17 E se acudides ó Pai que xulga a cada un polas súas obras sen facer diferenzas entre as persoas*, que as vosas accións demostren que o temedes mentres sexades residentes temporais neste mundo. 18 Porque sabedes que non foi por medio de cousas que se poden destruír, como a prata ou o ouro, co que fostes liberados* da maneira de vivir inútil que vos transmitiron os vosos antepasados*. 19 Máis ben, foi por medio de sangue valioso, coma o dun cordeiro que non ten ningún defecto nin mancha, o sangue do Cristo. 20 É verdade que el foi escollido antes do principio da humanidade*, pero por vós apareceu ó final dos tempos. 21 Por medio del, vós credes en Deus, quen o resucitou* de entre os mortos e lle deu gloria para que vós puidésedes ter fe e esperanza en Deus.
22 Agora que vos purificastes por ser obedientes á verdade e como resultado sentides un cariño sincero uns polos outros, amádevos uns ós outros intensamente desde o corazón. 23 Porque non se vos deu un novo nacemento por medio dunha semente* que se corrompe, senón por medio dunha semente incorruptible, por medio da palabra do Deus que vive e permanece. 24 Porque “tódolos humanos son* coma a herba, e toda a súa gloria é coma unha flor do campo. A herba acaba botándose a perder e a flor cae, 25 pero a palabra de Xehová* permanece para sempre”. E esa “palabra” son as boas noticias que se vos anunciaron.