Carta ós Hebreos
6 Por iso, agora que xa aprendemos as ensinanzas básicas sobre o Cristo, avancemos cara á madurez e non sigamos estudando as cousas básicas unha e outra vez*, é dicir, o arrepentimento de cousas inútiles*, a fe en Deus, 2 as ensinanzas sobre os bautismos, a imposición das mans*, a resurrección dos mortos e o xuízo eterno. 3 Pero se Deus o permite, seguiremos avanzando cara á madurez.
4 Porque algúns recibiron a luz, probaron o regalo celestial, participaron no espírito santo 5 e probaron a marabillosa promesa de Deus* e o seu poder no sistema* que vai vir. 6 Pero apartáronse da fe, así que é imposible devolverlles a vida de novo para que se arrepintan. Porque eles mesmos están cravando outra vez o Fillo de Deus nun madeiro e estano expoñendo á vergonza pública. 7 Isto é coma a terra, que recibe unha bendición de Deus cando absorbe a chuvia que cae a miúdo, e produce colleitas que benefician ós que a traballan. 8 Pero se produce espiños e cardos, non vale para nada e non tardará en ser maldicida, e ó final vai ser queimada.
9 Aínda que falamos así, queridos irmáns, estamos seguros de que vós estades en mellor posición que os que abandonaron a fe e que estades facendo cousas para que Deus poida salvarvos. 10 Porque Deus non é inxusto e non se esquece do que fixestes nin do amor que demostrastes polo seu nome ó servir os santos* e ó continuar servíndoos. 11 Pero queremos que cada un de vós demostre ese mesmo entusiasmo para que esteades completamente seguros da esperanza ata o final. 12 Porque non queremos que sexades vagos. En vez diso, imitade os que herdan as promesas porque teñen fe e paciencia.
13 Cando Deus lle fixo a súa promesa a Abrahán, xurou por si mesmo porque non hai ninguén superior. 14 Díxolle: “De verdade que te vou bendicir e de verdade que farei que a túa descendencia sexa moi numerosa”. 15 E Abrahán, despois de demostrar paciencia, viu o cumprimento da promesa*. 16 Porque os homes xuran por alguén superior a eles, e o seu xuramento acaba con calquera discusión porque serve de garantía. 17 Da mesma maneira, cando Deus decidiu demostrarlles dunha forma máis clara ós herdeiros da promesa que o seu propósito non cambia, fixo un xuramento como garantía*. 18 Fixo isto para que, mediante esas dúas cousas* que non cambian e sobre as que é imposible que Deus minta, os que escapamos para refuxiarnos en Deus recibamos moitas forzas para agarrarnos ben á esperanza que está diante de nós. 19 Esta esperanza que temos, que é segura e firme, é coma unha áncora para as nosas vidas*, e lévanos ata o lugar que está ó outro lado da cortina*. 20 Aí foi onde entrou a favor de nós un pioneiro*, Xesús, que chegou a ser sumo sacerdote para sempre, da mesma maneira que Melquisedec*.