Segunda Carta ós Corintios
7 Así que, meus queridos amigos, xa que temos estas promesas, limpémonos de todo o que contamina o corpo* e o espírito, esforzándonos por perfeccionar a nosa santidade co temor de Deus*.
2 Facédenos sitio nos vosos corazóns. Nós non fomos inxustos con ninguén nin corrompemos a ninguén nin nos aproveitamos de ninguén. 3 Non vos digo isto para condenarvos, porque xa vos dixen antes que vos levamos nos nosos corazóns, tanto para morrer xuntos como para vivir xuntos. 4 Fálovos con moita franqueza. Estou moi orgulloso de vós. Sinto un gran consolo e estou cheo de alegría no medio de tódolos nosos sufrimentos.
5 O certo é que cando chegamos a Macedonia non estivemos tranquilos*, porque seguimos pasando por todo tipo de sufrimentos: había loitas fóra e medos dentro*. 6 Pero Deus, que consola ós que están desanimados, consolounos a nós coa visita* de Tito. 7 E non só coa súa visita, senón tamén co consolo que vós lle destes. El contounos que tedes moitas ganas de verme, que estades moi tristes e que vos preocupades moito* por min. Iso fixo que me alegrase aínda máis.
8 Por iso, se vos puxen tristes coa miña carta, non me sinto mal. Ó principio si que me sentín mal (ó ver que a carta vos puxo tristes, aínda que fose por pouco tempo). 9 Pero agora alégrome, non por poñervos tristes, senón porque esa tristeza levouvos a arrepentirvos. Puxéstesvos tristes da maneira que lle agrada a Deus, así que non vos fixemos ningún dano. 10 Porque a tristeza que lle agrada a Deus provoca un arrepentimento que leva á salvación, e ninguén se sente mal por iso, pero a tristeza do mundo provoca a morte. 11 Fixádevos no efecto tan grande que tivo en vós a tristeza que lle agrada a Deus! Fixo que limpedes o voso nome, que vos indignedes, que teñades temor, que sintades un desexo sincero, que vos esforcedes de todo corazón e que corrixades as malas accións. Neste asunto demostrastes que sodes puros* en todo sentido. 12 Aínda que vos escribín, non o fixen polo que cometeu o pecado nin polo que sufriu o mal, senón para ver se de verdade demostrabades diante de Deus que queriades escoitarnos. 13 Iso é o que nos consolou.
Pero, ademais do consolo que recibimos, alegrounos aínda máis ver a alegría de Tito, porque todos o animastes*. 14 Porque presumín de vós diante del e non me avergonzastes. Igual que todo o que vos dixemos é certo, tamén se demostrou que as cousas das que presumimos diante de Tito son certas. 15 Ademais, o profundo cariño que el vos ten medra aínda máis cando recorda a obediencia de todos vós e que o recibistes con moito respecto*. 16 Estou contento porque podo confiar completamente en* vós.