Apocalipse
17 Un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas veu e díxome: “Ven, que che vou ensinar cal é a sentenza* contra a gran prostituta que se senta sobre moitas augas. 2 Os reis da terra tiveron relacións sexuais inmorais* con ela, e os habitantes da terra emborracháronse co viño da súa inmoralidade sexual*”.
3 E o anxo, por medio do espírito santo, levoume a un deserto. Entón vin unha muller sentada sobre unha besta salvaxe que era dunha cor vermella intensa*. A besta estaba chea de nomes blasfemos e tiña 7 cabezas e 10 cornos. 4 A muller ía vestida con roupa de cor púrpura e de cor vermella intensa*, e levaba adornos de ouro, pedras preciosas e perlas. Na man tiña unha copa de ouro chea de cousas noxentas e das impurezas da súa inmoralidade sexual*. 5 Na fronte levaba escrito un nome, un misterio: “Babilonia a Grande, a nai das prostitutas e das cousas noxentas da terra”. 6 E vin que a muller estaba borracha porque bebera o sangue dos santos* e o sangue das testemuñas de Xesús.
Cando a vin, quedei moi sorprendido. 7 Así que o anxo díxome: “Por que te sorprendes? Vouche contar o misterio da muller e da besta salvaxe que a leva, a que ten 7 cabezas e 10 cornos. 8 A besta salvaxe que viches era pero xa non é, e aínda así está a punto de subir do abismo*, e vai camiño á destrución. Os habitantes da terra (os que desde o principio da humanidade* non tiveron os seus nomes escritos no rolo da vida) sorprenderanse cando vexan que a besta salvaxe era pero xa non é, e que aínda así estará presente.
9 ”Para entender isto necesítase intelixencia e sabedoría*. As 7 cabezas representan 7 montañas sobre as que se senta a muller. 10 Hai 7 reis: 5 xa caeron, un é e o outro aínda non chegou. Pero cando chegue, durará pouco tempo. 11 E a besta salvaxe que era pero xa non é, tamén é un oitavo rei. Sae dos 7 reis e será destruída.
12 ”Os 10 cornos que viches representan 10 reis que aínda non recibiron un reino, pero que recibirán autoridade para reinar coa besta salvaxe durante unha hora. 13 Eles teñen o mesmo obxectivo*, e por iso lle dan o seu poder e a súa autoridade á besta salvaxe. 14 Loitarán contra o Cordeiro, pero o Cordeiro venceraos, porque é Señor de señores e Rei de reis. Os que están con el (os que son chamados, escollidos e fieis) tamén vencerán”.
15 O anxo díxome: “As augas que viches, onde está sentada a prostituta, representan pobos, multitudes, nacións e idiomas. 16 Os 10 cornos que viches e a besta salvaxe odiarán a prostituta, sacaranlle tódalas súas posesións e deixarana espida. Comerán a súa carne e a ela queimarana totalmente no lume. 17 Porque Deus púxolles no seu corazón* a idea de levar a cabo o pensamento del, é dicir, que cumprisen o obxectivo que eles teñen en común*, dándolle a autoridade que teñen como reis á besta salvaxe ata que se cumpran as palabras de Deus. 18 E a muller que viches representa a gran cidade que reina sobre os reis da terra”.