Carta de Xudas
1 De parte de Xudas, escravo de Xesucristo e irmán de Santiago, para os que son chamados e queridos por Deus, o noso Pai, e que foron protexidos para estar unidos a Xesucristo:
2 Que cada vez recibades máis misericordia, paz e amor.
3 Queridos irmáns, aínda que estaba facendo todo o posible para escribirvos sobre a salvación que temos en común, vin necesario escribirvos para suplicarvos que loitedes con tódalas vosas forzas pola fe que se lles deu ós santos* unha vez e para sempre. 4 Porque entre vós infiltráronse algúns homes que hai moito tempo foron sinalados polas Escrituras para ser condenados*. Estes homes non teñen ningún respecto por Deus*, converten a bondade inmerecida do noso Deus nunha escusa para a súa conduta descarada* e non son leais ó noso único dono* e Señor, Xesucristo.
5 Aínda que vós xa o sabedes perfectamente, quero recordarvos que Xehová* liberou da terra de Exipto a un pobo, pero despois destruíu os que non demostraron fe. 6 E ós anxos que non se mantiveron na súa posición orixinal, senón que abandonaron o sitio onde lles correspondía vivir, atounos con cadeas que non se poden romper* e estarán nunha profunda escuridade ata o xuízo do gran día. 7 Da mesma maneira, Sodoma e Gomorra e as cidades que estaban ó redor practicaron a inmoralidade sexual* grave e buscaron satisfacer desexos carnais antinaturais. Elas recibiron o castigo xudicial do lume eterno*, e por iso se puxo diante de nós o seu exemplo, para que nos sirva de advertencia.
8 Aínda así, estes homes que se infiltraron entre vós tamén se recrean nos seus soños, contaminan* os seus corpos e os dos demais, desprezan a autoridade e falan de maneira ofensiva dos gloriosos*. 9 Agora ben, cando o arcanxo* Miguel tivo un desacordo co Demo* e discutía con el acerca do corpo de Moisés, non se atreveu a condenalo* con palabras ofensivas, senón que lle dixo: “Que Xehová* te reprenda”. 10 Pero eses homes falan de maneira ofensiva de tódalas cousas que en realidade non entenden. E tódalas cousas que si que entenden por instinto, coma animais irracionais, son as cousas que están facendo e que os corrompen.
11 Pobres deles! Porque seguiron o exemplo* de Caín, apuráronse a imitar o comportamento equivocado de Balaam para conseguir unha recompensa e foron destruídos por falar con rebeldía como o fixo Coré. 12 Eses homes están con vós nos banquetes que celebrades para mostrarlles amor ós irmáns, pero en realidade son coma rocas escondidas debaixo da auga. Son pastores que se alimentan a si mesmos sen ningún medo. Son coma nubes sen auga que o vento move de aquí para alá. Son coma árbores que ó final do outono non deron froito, que están completamente* mortas e que foron arrancadas de raíz. 13 Son coma ondas dun mar picado que botan a espuma da súa propia vergonza. E son coma estrelas sen rumbo que teñen reservada para sempre a escuridade máis densa.
14 Enoc, o sétimo home na liña de descendentes de Adán, tamén profetizou sobre eles cando dixo: “Mirade! Xehová* veu cos seus moitos miles de anxos santos* 15 para xulgar a todos e para demostrar que tódolos que non tiñan ningún respecto por Deus* eran culpables de tódalas cousas malvadas que fixeron con maldade e de tódalas cousas terribles que eses pecadores malvados falaron contra el”.
16 Estes homes son uns murmuradores que se queixan de como lles vai na vida e que viven seguindo os seus propios desexos. Da súa boca saen palabras cheas de arrogancia mentres louvan excesivamente a outros para intentar sacar proveito.
17 Pero vós, queridos irmáns, recordade o que predixeron os* apóstolos do noso Señor Xesucristo. 18 Eles dicíanvos a miúdo: “Nos últimos días* haberá burlóns que actuarán seguindo os seus propios desexos malvados*”. 19 Estes son os que causan divisións. Son homes que se comportan como animais* e que non teñen espiritualidade*. 20 Pero vós, queridos irmáns, fortalecédevos por medio da vosa fe santa e orade deixándovos guiar polo espírito santo 21 para continuar tendo o* amor de Deus, mentres esperades a misericordia do noso Señor Xesucristo que leva á vida eterna. 22 Ademais, seguide mostrándolles misericordia ós que teñen dúbidas. 23 Salvádeos sacándoos do lume da destrución. E a outros seguide mostrándolles misericordia, pero con precaución*, odiando incluso a roupa que foi manchada polo pecado*.
24 A aquel que pode protexernos de caer no pecado* e que pode facer que nos manteñamos en pé, sen culpa e cheos de alegría diante da súa gloria*, 25 ó único Deus, que é o noso Salvador por medio do noso Señor Xesucristo, a el vaian a gloria, a maxestade, o poder e a autoridade por toda a eternidade: antes, agora e para sempre. Amén.