Carta ós Colosenses
1 De parte de Paulo, apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e de parte do noso irmán Timoteo, 2 para os santos* e irmáns fieis que están en Colosas e que son seguidores de Cristo:
Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai.
3 Sempre lle damos grazas a Deus, o Pai do noso Señor Xesucristo, cando oramos por vós, 4 porque escoitamos falar da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que lles tedes a tódolos santos. 5 Tedes esta fe e este amor debido á esperanza que está reservada para vós nos ceos. Vós xa escoitastes falar desta esperanza por medio da mensaxe da verdade, as boas noticias 6 que vos chegaron. Estas boas noticias estanse estendendo por todo o mundo con bos resultados. E tamén están tendo bos resultados entre vós desde o día que escoitastes e aprendestes con exactitude a verdade sobre a bondade inmerecida de Deus. 7 Iso é o que aprendestes de Epafras, o noso querido compañeiro de escravitude e servo* fiel do Cristo para o noso beneficio. 8 El tamén nos falou do amor que demostrastes coa axuda do espírito de Deus*.
9 Por esta razón, desde o día que escoitamos iso, non deixamos de orar por vós e de pedir que se vos encha do coñecemento exacto da vontade de Deus con toda sabedoría e entendemento por medio do espírito santo, 10 para que vos comportedes* dunha maneira que lle dea honra a Xehová* e para que lle agradedes en todo, mentres facedes* boas obras de todo tipo e aumentades o voso coñecemento exacto de Deus. 11 Tamén pedimos que Deus use o seu glorioso poder para fortalecervos e que así teñades as forzas necesarias para aguantar todo con paciencia e felicidade. 12 Seguídelle dando grazas ó Pai, que vos capacitou para que teñades parte na herdanza dos santos que están na luz*.
13 El rescatounos a nós do poder da escuridade e trasladounos ó reino do seu querido Fillo. 14 Grazas ó Fillo temos a nosa liberación por rescate, o perdón dos nosos pecados. 15 El é a imaxe* do Deus invisible, o primoxénito de toda a creación, 16 porque por medio del creouse todo o demais nos ceos e na terra, as cousas visibles e as cousas invisibles, tanto tronos como dominios, gobernos ou autoridades. Todo o demais creouse mediante el e para el. 17 Así que el xa existía antes de que existisen tódalas outras cousas, e por medio del chegou a existir todo o demais. 18 El é a cabeza do corpo, é dicir, da congregación. El é o principio, o primoxénito de entre os mortos, para que chegue a ser o primeiro en todo, 19 porque a Deus pareceulle ben que Cristo estivese completo en todo sentido*. 20 E por medio del, Deus reconciliou consigo mesmo todo o demais, as cousas na terra e as cousas nos ceos, e estableceu a paz mediante o sangue que Xesús derramou no madeiro de tortura*.
21 De feito, houbo un tempo no que estabades separados de Deus e erades os seus inimigos porque só pensabades en cousas malas. 22 Pero agora reconciliouvos con el por medio da morte que Xesús sufriu como humano* para presentarvos diante del como santos, sen defectos e libres de acusación. 23 Claro, para iso tedes que mantervos na fe, ben establecidos no fundamento e firmes, sen deixarvos apartar da esperanza desas boas noticias que escoitastes e que se predicaron en toda a creación que está baixo o ceo. Eu, Paulo, fun escollido para predicar esas* boas noticias.
24 Agora alégrome de estar sufrindo polo voso ben. Sei que teño que seguir sufrindo por Cristo, polo ben do seu corpo, que é a congregación. 25 Sirvo a esta congregación de acordo coa responsabilidade* que Deus me deu para o voso beneficio. Por iso predico a palabra de Deus de todo corazón. 26 O segredo sagrado estivo escondido da xente que viviu durante os sistemas pasados* e das xeracións anteriores. Pero agora revelóuselles ós seus santos. 27 Deus quixo dar a coñecer entre as nacións este glorioso tesouro, o seu segredo sagrado. Este segredo é que Cristo está unido a vós e que tedes a esperanza de compartir a súa gloria. 28 Estamos anunciando a mensaxe sobre el, advertindo e ensinando a todo o mundo, compartindo toda a sabedoría que recibimos para axudarlles a tódolos seguidores de Cristo a ser maduros. 29 Ese é o obxectivo polo que me estou esforzando tanto, loitando coa axuda da súa forza, que está actuando con moito poder en min.