Terceira Carta de Xoán
1 De parte do ancián* para Gaio, a quen quero de verdade.
2 Querido amigo, oro para que teñas boa saúde e para que todo che siga indo ben, como ata agora. 3 Alegreime moito cando viñeron algúns irmáns e me contaron* que te mantés fiel na verdade, que segues andando no camiño da verdade. 4 Nada me alegra máis* que escoitar que os meus fillos seguen andando no camiño da verdade.
5 Querido amigo, estás demostrando que es fiel nas cousas que fas polos irmáns, aínda que non os coñezas. 6 Eles faláronlle á congregación do teu amor. Por favor, bótalles unha man no que necesiten para a súa viaxe, e faino dunha maneira que lle agrade a Deus. 7 Porque marcharon para falarlles ás persoas do nome de Deus, sen esperar nada da xente das nacións. 8 Por iso temos a obrigación de mostrarlles hospitalidade a irmáns coma estes, para colaborar con eles a favor da verdade.
9 Escribinlle á vosa congregación, pero Diótrefes, a quen lle gusta ser o primeiro entre vós, non respecta nada do que dicimos. 10 Por iso, se vou aí, denunciarei o que está facendo, porque anda contando cousas cheas de malicia sobre nós. Aínda por riba, négase a recibir os irmáns con respecto, e ós que si que queren recibilos, intenta impedírllelo e botalos da congregación.
11 Querido amigo, non imites os que fan o que está mal, senón os que fan o que está ben. Quen fai o que está ben vén de Deus. Pero quen fai o que está mal non chegou a coñecer* a Deus. 12 Tódolos irmáns falan ben de Demetrio, e o que din é certo porque vive de acordo coa verdade. De feito, nós tamén falamos moi ben del, e sabes que o que dicimos é certo.
13 Aínda teño moitas cousas que dicirche, pero non o quero seguir facendo por escrito. 14 Máis ben, espero verte pronto e falar contigo en persoa*.
Que teñas paz.
Os amigos* de aquí mándanche saúdos. Saúda da miña parte a cada un dos amigos* de aí.