As boas noticias segundo Lucas
15 Tódolos cobradores de impostos e os pecadores xuntábanse arredor de Xesús para escoitalo. 2 E tanto os fariseos coma os escribas murmuraban: “Este home lévase ben cos pecadores e come con eles”. 3 Entón Xesús púxolles esta comparación: 4 “Se algún de vós ten 100 ovellas e perde unha, quen non deixa as 99 no campo e vai buscar a que perdeu ata que a encontra? 5 Cando a encontra, súbea nos seus ombros cheo de alegría. 6 E cando chega á casa, chama os seus amigos e veciños, e dilles: ‘Alegrádevos comigo, porque encontrei a miña ovella, a que estaba perdida!’. 7 Da mesma maneira, dígovos que haberá máis felicidade no ceo por un pecador que se arrepinte que por 99 xustos que non necesitan arrepentirse.
8 ”Ou se unha muller ten 10 moedas de dracma* e perde unha, non prende unha luz e varre a súa casa buscándoa con coidado ata que a encontra? 9 E cando a encontra, chama as súas amigas e as veciñas, e dilles: ‘Alegrádevos comigo, porque atopei a moeda de dracma* que perdera!’. 10 Da mesma maneira, dígovos que os anxos de Deus alégranse moito cando un pecador se arrepinte”.
11 Entón seguiu dicindo: “Un home tiña dous fillos. 12 O máis novo díxolle ó seu pai: ‘Meu pai, dáme a miña parte da herdanza’. Así que el repartiu o que tiña entre os dous fillos. 13 Uns días despois, o fillo máis novo recolleu tódalas súas cousas e viaxou a un país que estaba lonxe. Alí malgastou a súa herdanza levando unha vida chea de excesos. 14 Cando xa o gastara todo, houbo unha fame moi grande naquel país e empezou a pasar necesidade. 15 Incluso se puxo a traballar para un home daquel país que o mandou a coidar porcos ós seus campos. 16 Tiña tanta fame que estaba desexando comer a comida* que comían os porcos, pero ninguén lle daba nada.
17 ”Cando recapacitou, dixo: ‘Meu pai ten moitos traballadores e teñen pan de sobra, e eu estou aquí morrendo de fame! 18 Vou marchar e volver á casa de meu pai, e voulle dicir: “Meu pai, pequei contra o ceo e contra ti. 19 Xa non merezo que me chamen fillo teu. Trátame coma a un dos teus traballadores”’. 20 Así que marchou e volveu á casa do seu pai. Cando aínda estaba lonxe, o pai viuno e sentiu moita compaixón por el. Botou a correr cara a el, abrazouno* e bicouno con cariño. 21 Entón o fillo díxolle: ‘Meu pai, pequei contra o ceo e contra ti. Xa non merezo que me chamen fillo teu’. 22 Pero o pai mandoulles ós escravos: ‘Rápido! Traede a mellor túnica e poñédella. Poñédelle tamén un anel na man e sandalias nos pés. 23 Ademais, traede o becerro cebado* e matádeo, para que comamos e celebremos que volveu. 24 Porque este fillo meu estaba morto e volveu a vivir, estaba perdido e foi encontrado’. E puxéronse a celebralo.
25 ”O fillo máis vello estaba no campo. Cando viña de volta e estaba cerca da casa, escoitou a música e o baile. 26 Por iso chamou a un dos criados e preguntoulle que estaba pasando. 27 El respondeulle: ‘É que teu irmán volveu. E teu pai matou o becerro cebado porque recuperou o seu fillo san e salvo’. 28 Pero o fillo máis vello indignouse e non quixo entrar. Entón o pai saíu e empezou a suplicarlle que entrase. 29 El contestoulle: ‘Mira, traballei para ti coma un escravo todos estes anos e non desobedecín nin unha soa vez as túas ordes. E aínda así, a min nunca me deches un cabrito para que o pasase ben comendo cos meus amigos. 30 Pero en canto chegou ese fillo teu que malgastou os teus bens coas prostitutas, mataches por el o becerro cebado’. 31 Entón o pai díxolle: ‘Meu fillo, ti sempre estiveches comigo, e todo o que teño é teu. 32 Pero temos que estar contentos e celebrar que teu irmán volveu, porque estaba morto e volveu a vivir, estaba perdido e foi encontrado’”.