COMO FACERLLE FRONTE Á SUBIDA DOS PREZOS
Sexamos xenerosos
Se che custa facerlle fronte á subida de prezos, pode que penses que é imposible ser xeneroso cos demais. Pero, en realidade, dar con xenerosidade a outros axudarache a loitar contra as dificultades económicas. Podes aforrar e á vez ser xeneroso.
POR QUE É IMPORTANTE
Somos felices e sentímonos ben con nós mesmos cando somos xenerosos, incluso en pequenos xestos. De feito, hai estudos que indican que dar é bo para a nosa saúde física e mental. Por exemplo, pode reducir a ansiedade, o estrés, a tensión sanguínea e incluso as dores. Tamén pode axudarnos a durmir mellor.
Se axudamos a outros, xa sexa con cartos ou con algo que necesiten, seranos máis fácil aceptar a axuda dos demais cando sexamos nós os que a necesitemos. Howard, que vive en Inglaterra, conta: “Ó buscar maneiras de ser xenerosos con outros, a miña muller mais eu sentimos que non somos tanta carga cando nós precisamos axuda”. Por suposto, as persoas que son realmente xenerosas non esperan conseguir nada a cambio. Pero quizais o que si acaben conseguindo son amigos de verdade que estean dispostos a axudarlles cando o necesiten.
QUE PODES FACER
Comparte o que tes. Incluso se tes pouco sempre podes compartir algo cos demais, aínda que sexa unha comida sinxela. Duncan e a súa familia, que viven en Uganda, teñen moi poucos cartos pero encántalles ser xenerosos. El conta: “Os domingos invitamos xente a casa para comer algo sinxelo. Desfrutamos moito de pasar tempo cos demais”.
Claro, cando deas a outros debes ser razoable. Non deberías dar tanto que ó final a túa propia familia non teña as cousas que necesita (Xob 17:5).
Intenta isto: Ofrécelle a alguén unha comida sinxela ou simplemente algo de beber. Se tes cousas que xa non necesitas, por que non llelas dás a amigos ou a veciños que quizais si que as precisen e as valoren?
Dá doutras maneiras. Algúns dos mellores regalos non custan cartos. Por exemplo, podemos darlles a outros do noso tempo e demostrarlles que nos importan ó botarlles unha man co que necesiten. Incluso unhas palabras cariñosas poden ser un regalo! Así que dilles ós demais canto os valoras e os queres.
Intenta isto: Axuda a outros a facer as súas tarefas da casa, reparacións ou recados. Escríbelle unha carta ou envíalle unha mensaxe a un amigo para darlle ánimo, incluso se só é para dicirlle que pensaches nel.
Se es xeneroso, serás moito máis feliz.