BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bhs cap. 1 páxs. 8-18
  • Quen é Deus?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Quen é Deus?
  • Que nos ensina a Biblia?
  • Dispoñible en Ensina
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • IMPORTÁMOSLLE A DEUS?
  • COMO SE SENTE DEUS CANDO NOS VE SUFRIR?
  • DEUS QUERE QUE O COÑEZAS
  • PODES SER AMIGO DE XEHOVÁ
  • A verdade sobre Deus e Xesucristo
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2020
  • Quen é Deus?
    Deus ten boas noticias!
  • Quen é Deus?
    Desfruta da vida para sempre! Curso da Biblia interactivo
  • Cal é o nome de Deus?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (público) 2019
Ver máis
Que nos ensina a Biblia?
bhs cap. 1 páxs. 8-18

CAPÍTULO 1

Quen é Deus?

1, 2. Que preguntas adoitamos facernos?

OS NENOS fan un montón de preguntas. Cando lles explicas algo adoitan preguntar: “Por que?”. E cando intentas contestarlles a miúdo volven preguntar: “E logo por que?”.

2 Sen importar a nosa idade, todos nos facemos preguntas. Preguntámonos que imos comer, que roupa imos poñer ou que imos mercar. Quizais tamén nos fagamos preguntas importantes sobre a vida e o futuro. Pero se non atopamos respostas que nos convenzan, poida que deixemos de buscar.

3. Por que moitos pensan que non poden atopar as respostas ás preguntas importantes da vida?

3 Cres que é posible atopar as respostas ás preguntas importantes da vida? Hai quen pensa que si, pero non sabe onde buscar. Algúns cren que as respostas están na Biblia, pero parécelles que é un libro moi difícil de entender. E a outros dálles vergonza admitir que non saben as respostas.

4, 5. a) Que preguntas importantes tes ti? b) Por que deberías seguir buscando as respostas?

4 Poida que te preguntes: “Cal é o sentido da vida? Que pasa cando morremos? Existe Deus? Por que hai tanto sufrimento?”. Xesucristo, coñecido por ser un gran mestre, dixo: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos” (Mateo 7:7). Así que, non deixes de buscar ata atopares respostas nas que poidas confiar.

5 Ten por seguro que, se segues a buscar, atoparás as respostas na Biblia (Proverbios 2:1-5). Verás que non son tan difíciles de entender. O que aprendas farate máis feliz agora e darache unha fermosa esperanza para o futuro. Para comezar, imos ver a resposta a unha pregunta que se fai moita xente.

IMPORTÁMOSLLE A DEUS?

6. Por que pensan algúns que non lle importamos a Deus?

6 Moita xente cre que Deus non se preocupa por nós. Pensan que, se lle importásemos, as cousas serían ben distintas. O mundo está cheo de guerras, odio e pobreza. As persoas enferman, sofren e morren. Por iso algúns se preguntan: “Se Deus se preocupa por nós, por que non acaba con todo o sufrimento?”.

7. a) Que din moitos líderes relixiosos sobre Deus cando pasan cousas malas? b) Por que podemos estar seguros de que Deus non é o culpable de que pasen cousas malas?

7 Cando pasan cousas malas, moitos líderes relixiosos din que era a vontade de Deus, que era o que El quería. Deste xeito, bótanlle a culpa a Deus e fanlles crer ás persoas que é cruel. Pero a Biblia explica que Deus nunca fai que pasen cousas malas. Santiago 1:13 di: “Que ninguén diga ó se ver tentado: ‘Deus é quen me tenta’, porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén”. Isto significa que, inda que Deus non impide que pasen cousas malas, nunca as causa (le Xob 34:10-12). Vexamos un exemplo.

8, 9. Por que sería inxusto culpar a Deus dos nosos problemas? Pon un exemplo.

8 Imaxina un fillo que vive cos seus pais. Seu pai quérelle moito e dende pequeno ensinoulle a tomar boas decisións. Cando é maior de idade rebélase e marcha da casa. Comeza a facer cousas malas e métese en problemas. Botaríaslle a culpa ó pai por non impedir que o fillo marchase da casa? Claro que non! (Lucas 15:11-13) Do mesmo xeito, Deus tampouco impediu que as persoas decidisen rebelarse e facer cousas malas. Así que cando pasa algo malo debemos lembrar que Deus non é o causante. Sería inxusto botarlle a culpa.

9 É certo que por agora Deus non impide que pasen cousas malas, pero ten unha moi boa razón. Máis adiante, no capítulo 11, aprenderemos o que ensina a Biblia sobre este tema. Pero podes estar seguro de que Deus nos ama e que nunca ten a culpa dos nosos problemas. De feito, el é o único que pode solucionalos (Isaías 33:2).

10. Por que podemos estar seguros de que Deus reparará todo o dano que fixo a xente mala?

10 A Biblia di que Deus é santo (Isaías 6:3). Isto significa que todo o que fai é bo, limpo e puro. Así que podemos confiar nel. Os humanos non somos así, non sempre facemos as cousas ben. Nin sequera o gobernante máis honrado ten o poder para reparar todo o dano que fai a xente mala. Pero Deus si que ten o poder. El quere e pode arranxar todo ese dano. Acabará coa maldade para sempre (le Salmo 37:9-11).

COMO SE SENTE DEUS CANDO NOS VE SUFRIR?

11. Como se sente Deus ó ver os teus problemas?

11 Como se sente Deus cando ve todo o que está a pasar no mundo? Como se sente ó ver os teus problemas? A Biblia ensina que Deus “ama a xustiza” (Salmo 37:28). Por iso lle importa moito o que está ben e o que está mal. El odia que a xente sufra. No pasado, “pesoulle no corazón” ver que o mundo estaba cheo de maldade (Xénese 6:5, 6). E Deus non cambiou (Malaquías 3:6). A Biblia di que se preocupa moito por ti (le 1 Pedro 5:7).

A creación de Deus: montañas, un lago, peixes, paxaros e árbores

A Biblia ensina que Xehová é o Creador do Universo

12, 13. a) Por que amamos as persoas e nos preocupamos por elas? b) Como te sentes cando ves tanto sufrimento no mundo? c) Por que podemos estar seguros de que Deus acabará con todo o sufrimento e a inxustiza?

12 A Biblia tamén di que Deus nos creou á súa imaxe (Xénese 1:26). Isto significa que nos fixo coas mesmas calidades que El ten. Como te sentes cando ves sufrir alguén inocente? Seguro que che doe moito, non si? Pois a Deus inda lle doe máis. Como o sabemos?

13 A Biblia ensina que “Deus é amor” (1 Xoán 4:8). Todo o que fai está motivado por esta calidade. De feito, nós somos capaces de amar porque el tamén ama. Pensa nisto. Se tiveses o poder, non acabarías con toda a dor e a inxustiza que hai no mundo? Seguro que si. Pois Deus ten o poder e ademais ama as persoas, por iso podemos ter a seguridade de que vai acabar con todo o sufrimento e a inxustiza. Tódalas promesas que viches ó principio deste libro vanse cumprir. Pero para confiares nestas promesas de Deus precisas coñecelo mellor.

DEUS QUERE QUE O COÑEZAS

Unha muller dille o seu nome a outra

Cando queres ser amigo de alguén, dislle o teu nome. Deus dinos o seu nome na Biblia

14. a) Cal é o nome de Deus? b) Por que deberiamos usalo?

14 Cando queres coñecer a alguén e ser o seu amigo, que é o primeiro que adoitas dicirlle? O teu nome, non si? Se queres ser amigo de Deus tamén precisas coñecer o seu nome. Pero, ten Deus un nome? Moitas relixións din que se chama “Deus” ou “Señor”, pero estes non son nomes, só son títulos, como “rei” ou “presidente”. Na Biblia, El di: “¡Eu, Iavé, este é o meu Nome!” (Isaías 42:8). Os escritores da Biblia usaron este nome miles de veces. En galego este nome tamén se pode traducir como Xehová. Deus quere que sexas o seu amigo, por iso quere que coñezas o seu nome e o uses.

15. Que significa o nome Xehová?

15 O nome Xehová ten un significado especial. Significa que pode cumprir tódalas súas promesas e facer todo o que se propón, nada pode impedilo. Só Xehová pode ter este nome.a

16, 17. a) Que significa que Xehová sexa o “Todopoderoso”? b) Que significa que Xehová sexa o “Rei eterno”? c) Que significa que Xehová sexa o “Creador”?

16 En Xénese 35:11 Xehová di: “Eu son o Deus todopoderoso”. Isto significa que é a persoa máis poderosa do Universo. Por outro lado, Xeremías 10:10 di que é o “Rei eterno”. Isto significa que sempre existiu. Salmo 90:2 explica: “Desde sempre e por sempre es ti Deus”. Abraiante, non si?

17 Xehová é o Creador. Apocalipse 4:11 di: “Merecente es, noso Señor e Deus, de recibir gloria, honra e poder, porque ti es quen o creaches todo: pola túa vontade existe e foi creado”. El creou todo o que existe: dende os anxos e as estrelas do ceo ata as froitas das árbores e os peixes do mar.

PODES SER AMIGO DE XEHOVÁ

18. a) Por que pensan algúns que non se pode ser amigo de Deus? b) Pero, que di a Biblia?

18 Ó aprenderen das calidades de Xehová, algunhas persoas séntense intimidadas. Mesmo hai quen pensa: “É tan poderoso e importante, e está tan lonxe! Non creo que eu lle importe”. Pero Deus non quere que pensemos así. A Biblia di que “non está lonxe de cada un de nós” (Feitos 17:27). El quere que te achegues a El, e promete que se o fas el tamén se achegará a ti (Santiago 4:8).

19. a) Que tes que facer para seres amigo de Deus? b) Cal é a calidade de Xehová que máis che gusta?

19 Que tes que facer para seres amigo de Deus? Xesús explicou: “E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo” (Xoán 17:3). Se segues aprendendo de Xehová e de Xesús, chegarás a coñecelos mellor e no futuro poderás vivir para sempre. Por exemplo, xa aprendiches que “Deus é amor” (1 Xoán 4:16). Pero tamén ten outras moitas calidades. A Biblia explica que Deus é “compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade” e sempre di a verdade (Éxodo 34:6; Hebreos 6:18). É bo e está disposto a perdoar (Hebreos 8:12). Tamén é paciente e leal (2 Pedro 3:9; 1 Corintios 1:9). A medida que vaias lendo a Biblia, aprenderás moito máis sobre as súas fermosas calidades.

20, 21. Como podes achegarte a Deus?

20 Como podes achegarte a Deus se non o podes ver? (Xoán 1:18; 4:24; 1 Timoteo 1:17). Ó leres a Biblia, verás que Xehová é unha persoa real (Salmo 27:4; Romanos 1:20). Canto máis aprendas de Xehová, máis te achegarás a el e máis lle quererás.

Un pai leva o seu pequeno nos ombros mentres ollan a creación

Un pai quérelle moito ó seu pequeno, pero o noso Pai, Xehová, quérenos inda máis

21 Tamén comprenderás que Xehová é o noso Pai (Mateo 6:9). El deunos a vida e, igual ca un pai agarimoso cos seus fillos, quere o mellor para nós (Salmo 36:10 [36:9, NM]). A Biblia ensina que podes ser amigo de Xehová (Santiago 2:23). Pensa nisto. O Creador do Universo quere que sexas o seu amigo!

22. Que poderías facer se alguén quere que deixes de aprender da Biblia?

22 Algunhas persoas quizais queiran que deixes de aprender da Biblia. Poida que lles preocupe que cambies de relixión ou mesmo teñan medo de que te enganen. Pero non deixes que ninguén che impida ser amigo de Xehová. El é o mellor amigo que podes ter.

23, 24. a) Por que é bo que sigas facendo preguntas? b) Que veremos no seguinte capítulo?

23 A medida que vaias aprendendo da Biblia poida que haxa cousas que non entendas. Non teñas vergonza de facer preguntas ou pedir axuda. Xesús dixo que deberiamos ser humildes, coma os nenos (Mateo 18:2-4). E como vimos ó principio do capítulo, os nenos fan moitas preguntas. Deus quere que atopes as respostas. Por iso, estuda a Biblia a fondo e asegúrate de que o que aprendes é a verdade (le Feitos 17:11).

24 Estudar a Biblia é o mellor xeito de aprender de Xehová. No seguinte capítulo, veremos que fai da Biblia un libro único.

a Se desexas máis información sobre o significado e a pronuncia do nome de Deus, podes consultar a nota 1 ó final deste libro.

ENSINANZAS DA BIBLIA

1. QUEN É DEUS?

“Ti es quen o creaches todo” (Apocalipse 4:11)

Que ensina a Biblia acerca de Deus?

  • Xénese 35:11

    É o Todopoderoso, a persoa máis poderosa do Universo.

  • Salmo 90:2

    Sempre existiu.

  • Mateo 6:9

    Deus é o noso Pai.

    Quere que vivamos a mellor vida posible.

  • Feitos 17:27

    Deus quere estar preto de nós.

2. DEUS TEN UN NOME

“Iavé [...] será o meu nome para sempre” (Éxodo 3:15)

Por que deberiamos coñecer o nome de Deus?

  • Isaías 42:8

    Deus dinos que se chama Xehová, ou Iavé. “Deus” e “Señor” non son nomes, só son títulos, como “rei” ou “presidente”. Xehová quere que usemos o seu nome.

  • Éxodo 3:14

    O seu nome significa “El fai que chegue a ser”. Como Xehová creou todo o que existe, pode cumprir tódalas súas promesas e facer todo o que se propón.

3. XEHOVÁ ÁMATE

“Deus é amor” (1 Xoán 4:8)

Como nos demostra Deus o seu amor?

  • Éxodo 34:6; Salmo 37:28; Hebreos 6:18

    É misericordioso e compasivo. Nunca nos mente e sempre nos trata de maneira xusta.

  • Hebreos 8:12

    Está disposto a perdoar.

  • 2 Pedro 3:9

    É paciente con nós.

  • 1 Corintios 1:9

    É leal.

4. A DEUS IMPÓRTASLLE

“Botade sobre Deus tódalas vosas ansias, que El coida de vós” (1 Pedro 5:7).

Como sabemos que lle importamos a Deus?

  • Salmo 37:9-11

    Promete acabar co sufrimento e reparar todo o dano que fai a xente mala.

  • Santiago 4:8

    Xehová quere que te achegues a el.

  • Xoán 17:3

    Canto máis aprendas de Deus, máis lle quererás.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir