BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bhs cap. 18 páxs. 185-196
  • Debería dedicar a miña vida a Deus e bautizarme?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Debería dedicar a miña vida a Deus e bautizarme?
  • Que nos ensina a Biblia?
  • Dispoñible en Ensina
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • PRECISAS COÑECEMENTO E FE
  • FÁLALLES A OUTROS DAS VERDADES DA BIBLIA
  • PRECISAS ARREPENTIRTE E DAR A VOLTA
  • PRECISAS DEDICARTE A DEUS
  • NON TEÑAS MEDO DE FALLAR
  • DECLARACIÓN PÚBLICA PARA SALVACIÓN
  • QUE REPRESENTA O BAUTISMO
  • Estás listo para te bautizar?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2020
  • Por que deberías bautizarte?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
  • Debería bautizarme? | Parte 1: O que significa o bautismo
    Preguntas da xuventude
  • Por que dedicarte e bautizarte?
    Desfruta da vida para sempre! Curso da Biblia interactivo
Ver máis
Que nos ensina a Biblia?
bhs cap. 18 páxs. 185-196

CAPÍTULO 18

Debería dedicar a miña vida a Deus e bautizarme?

1. Que pregunta poida que te fagas despois de estudar este libro?

NESTE libro xa levas aprendido moitas verdades da Biblia, entre elas a promesa de Deus de darnos vida eterna, o que pasa cando morremos e a esperanza da resurrección (Eclesiastés 9:5; Xoán 5:28, 29; Apocalipse 21:3, 4). É probable que xa esteas asistindo ás reunións das testemuñas de Xehová e que creas que son a relixión verdadeira (Xoán 13:35). Poida que xa teñas unha amizade estreita con Xehová e que decidises servilo. Quizais agora te preguntes: “Que máis teño que facer para servir a Deus?”.

Felipe e o funcionario da corte etíope

2. Por que quixo bautizarse un home etíope?

2 Iso mesmo se preguntou un home de Etiopía que viviu no século primeiro. Algún tempo despois de Xesús resucitar, un dos seus discípulos chamado Felipe predicoulle a aquel home e demostroulle que Xesús era o Mesías. Quedou tan impresionado co que aprendeu, que dixo: “Aquí hai auga, ¿por que non me podo bautizar eu?” (Feitos 8:26-36).

3. a) Que lles mandou facer Xesús ós seus seguidores? b) Como se debe bautizar unha persoa?

3 A Biblia deixa claro que, se queres servir a Xehová, debes bautizarte. Xesús díxolles ós seus seguidores: “Facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos” (Mateo 28:19). Xesús púxonos o exemplo e tamén se bautizou. Cando o fixo, non lle botaron unha pouca auga sobre a cabeza, senón que foi mergullado por completo na auga (Mateo 3:16). No noso tempo, cando un cristián se bautiza, tamén debe ser mergullado por completo.

4. Que lles demostras a outros cando te bautizas?

4 Cando te bautizas, demóstraslles a outros que de verdade queres ser amigo de Deus e servilo (Salmo 40:8, 9 [40:7, 8, NM]). Así que poida que te preguntes: “Que teño que facer para bautizarme?”.

PRECISAS COÑECEMENTO E FE

5. a) Que precisas facer antes de bautizarte? b) Por que son importantes as reunións?

5 Antes de te bautizar, precisas coñecer a Xehová e a Xesús. Ó estudares a Biblia xa empezaches a aprender moitas cousas sobre eles (le Xoán 17:3). Pero non abonda con iso. A Biblia di que tes que encherte “do coñecemento da súa vontade” (Colosenses 1:9). As reunións das testemuñas de Xehová axudaranche a ter unha amizade máis estreita con Xehová. Esta é unha razón importante para ires a tódalas reunións (Hebreos 10:24, 25).

Dúas testemuñas de Xehová estudando a Biblia cun home

Antes de bautizarte, precisas estudar a Biblia

6. Canto tes que saber da Biblia antes de te bautizar?

6 Por suposto, Xehová non espera que coñezas cada detalle da Biblia antes de te bautizar. O etíope tampouco o sabía todo cando se bautizou (Feitos 8:30, 31). De feito, imos seguir aprendendo de Deus para sempre (Eclesiastés 3:11). Pero para bautizarte, precisas coñecer polo menos as ensinanzas básicas da Biblia (Hebreos 5:12).

7. Como te axudou o teu estudo da Biblia?

7 A Biblia di: “Sen fe é imposible que un lle agrade a Deus” (Hebreos 11:6). Así que precisas ter fe antes de bautizarte. Despois de escoitar o que ensinaban os seguidores de Xesús, algunhas persoas da antiga cidade de Corinto “abrazaron a fe e bautizáronse” (Feitos 18:8). Do mesmo xeito, o teu estudo da Biblia axudouche a ter fe nas promesas de Deus e en que o sacrificio de Xesús pode liberarnos do pecado e da morte (Xosué 23:14; Feitos 4:12; 2 Timoteo 3:16, 17).

FÁLALLES A OUTROS DAS VERDADES DA BIBLIA

8. Que te vai motivar a falarlles a outros do que levas aprendido?

8 A medida que aprendas máis da Biblia e vexas como te axuda na túa vida, a túa fe farase máis forte. Ademais, quererás falarlles a outros do que estás aprendendo (Xeremías 20:9; 2 Corintios 4:13). Con quen poderías falar?

Un estudante da Biblia predicando co irmán que lle dá o curso bíblico

A túa fe debe motivarte a falarlles a outros das túas crenzas

9, 10. a) Con quen poderías empezar a falar do que levas aprendido? b) Que debes facer se queres comezar a predicar coa congregación?

9 Seguro que queres contarlles o que estás aprendendo á túa familia, ós teus amigos, ós teus veciños ou ós compañeiros da escola ou do traballo. Iso está moi ben, pero lembra que tes que facelo sempre con amabilidade e respecto. Co tempo, poderás comezar a predicar coa congregación. Cando sintas que estás listo, podes falar coa testemuña de Xehová que che dá o curso da Biblia e dicirlle que che gustaría predicar coa congregación. Se vives conforme ás normas bíblicas e quen che dá o curso pensa que estás preparado, dous anciáns da congregación reuniranse con vós.

10 Para que é esa reunión? Os anciáns falarán contigo para ver se entendes e cres as verdades básicas da Biblia, se vives conforme o que a Biblia di e se de verdade queres ser testemuña de Xehová. Lembra que os anciáns están aí para coidar de tódolos que forman parte da congregación, o que te inclúe tamén a ti. Así que non teñas medo de falar con eles (Feitos 20:28; 1 Pedro 5:2, 3). Despois desa reunión, os anciáns diranche se podes comezar a predicar coa congregación.

11. Por que é tan importante que fagas cambios antes de predicar coa congregación?

11 Poida que os anciáns che digan que tes que facer algúns cambios máis antes de comezares a predicar coa congregación. Por que é tan importante que os fagas? Porque cando lles falamos a outros sobre Deus, representamos a Xehová. Por iso debemos vivir dun xeito que lle dea honra (1 Corintios 6:9, 10; Gálatas 5:19-21).

PRECISAS ARREPENTIRTE E DAR A VOLTA

12. Por que todos precisamos arrepentirnos?

12 Antes de bautizarte precisas facer algo máis. O apóstolo Pedro dixo: “Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados” (Feitos 3:19). Que significa arrepentirse? Ter un sentimento de fonda tristura polas cousas malas que fixemos no pasado. Por exemplo, se levaches unha vida inmoral, debes arrepentirte. Mesmo se sempre te esforzaches por facer as cousas ben, tamén precisas arrepentirte. Por que? Porque todos pecamos e necesitamos que Deus nos perdoe (Romanos 3:23; 5:12).

13. Que significa converterse?

13 Pero, fai falta algo máis que sentirnos tristes polas cousas malas que fixemos. Pedro tamén dixo: “Convertédevos”. Isto significa que debes rexeitar calquera mala conduta do pasado e empezar a facer o que está ben. A expresión que usou Pedro significa literalmente “dar a volta”. Para entendelo pensa no seguinte exemplo. Imaxina que vas de viaxe e, ó cabo dun tempo, decátaste de que vas por onde non é. Que farías? Pararías, darías a volta e irías na dirección correcta, non si? Do mesmo xeito, ó estudares a Biblia, quizais vexas que tes que cambiar algúns hábitos na túa vida. Nese caso, farías ben en “dar a volta”, é dicir, facer os cambios necesarios e comezar a facer o correcto.

PRECISAS DEDICARTE A DEUS

Un estudante da Biblia faille unha oración a Deus para dedicarse a el

Dedicaches a túa vida a Xehová?

14. Que tes que facer para dedicarte a Deus?

14 Outro paso importante que precisas dar antes de te bautizar é dedicarte a Xehová. Iso significa facerlle unha oración na que lle prometes que o adorarás só a el e que servilo vai ser o máis importante na túa vida (Mateo 4:10).

15, 16. Que motiva a alguén a dedicarse a Deus?

15 Dedicarte a Xehová é como prometerlle á persoa que amas que pasarás o resto da túa vida con ela. Imaxina unha parella de noivos. Canto máis se coñecen, máis se queren. E co tempo deciden casar. Inda que é unha responsabilidade moi grande, están dispostos a aceptala porque se queren moito.

16 Do mesmo xeito, canto mellor coñezas a Xehová, máis medrará o teu amor por el e quererás facer todo o posible por servilo. Isto motivarate a dedicarlle a túa vida a Deus. Xesús dixo: “Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo” (Marcos 8:34). Que significa iso? Significa que facer a vontade de Xehová será máis importante que os teus desexos e obxectivos. Obedecer a Xehová estará en primeiro lugar na túa vida (le 1 Pedro 4:2).

NON TEÑAS MEDO DE FALLAR

17. Por que algunhas persoas non se dedican a Xehová?

17 Algunhas persoas non lle dedican a súa vida a Xehová porque teñen medo de decepcionalo ou de non poder cumprir coa súa promesa de servilo. Outras pensan que, se non se dedican a el, Xehová non lles pedirá contas polo que fan.

18. Que che axudará a superar o medo a decepcionar a Xehová?

18 O teu amor por Xehová axudarache a superar o medo a decepcionalo. Tamén che axudará a esforzarte ó máximo por cumprir a túa promesa (Eclesiastés 5:3 [5:4, NM]; 1 Tesalonicenses 4:1). Non pensarás que é demasiado difícil facer a súa vontade. O apóstolo Xoán escribiu: “O amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1 Xoán 5:3).

19. Por que non deberías ter medo de dedicarte a Xehová?

19 Non precisas ser perfecto para dedicarte a Xehová. El nunca che vai pedir nada que non poidas facer (Salmo 103:14). De feito, axudarache a facer o correcto (Isaías 41:10). Se confías en Xehová con todo o teu corazón, “El achanzará os teus vieiros” (Proverbios 3:5, 6).

DECLARACIÓN PÚBLICA PARA SALVACIÓN

20. Cal é o seguinte paso despois de dedicarte a Deus?

20 Pensas que estás preparado para dedicarte a Xehová? Entón, despois de facelo, poderás dar o seguinte paso: bautizarte.

21, 22. Como podes facer “declaración pública” da túa fe?

21 Fala co coordinador dos anciáns da túa congregación para dicirlle que te dedicaches a Xehová e queres bautizarte. El encargarase de que algúns anciáns repasen contigo as ensinanzas básicas da Biblia. Se ven que estás preparado, poderaste bautizar no seguinte congreso das Testemuñas de Xehová. No congreso presentarase unha conferencia que explicará o significado do bautismo. O orador faralles dúas preguntas ós que se van bautizar. Ó contestares estas preguntas, farás “declaración pública” da túa fe (Romanos 10:10, NM).

22 Despois, serás bautizado. Serás mergullado por completo na auga para demostrarlle a todo o mundo que te dedicaches a Deus e que, dende ese momento, es testemuña de Xehová.

QUE REPRESENTA O BAUTISMO

23. Que significa ser bautizado “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”?

23 Xesús dixo que os seus discípulos serían bautizados “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo” (le Mateo 28:19). Que significa iso? Que recoñecemos a autoridade de Xehová, o papel de Xesús no propósito de Deus e o xeito no que Xehová usa o seu espírito santo para cumprir coa súa vontade (Salmo 83:19 [83:18, NM]; Mateo 28:18; Gálatas 5:22, 23; 2 Pedro 1:21).

Un estudante da Biblia bautízase para demostrar publicamente que se dedicou a Deus

Ó te bautizar, demostras que queres facer a vontade de Deus

24. Que representa o bautismo?

24 O bautismo representa algo moi importante. Cando es mergullado na auga é como se “morreses”, ou deixases atrás o teu estilo de vida anterior. E cando saes, comezas unha nova vida para faceres a vontade de Deus. Deste xeito demostras que a partir dese momento servirás a Xehová. Lembra que non te dedicaches a unha causa, a unha organización ou a outro humano. Dedicácheslle a túa vida a Xehová.

25. De que falaremos no seguinte capítulo?

25 A túa dedicación axudarache a fortalecer a túa amizade con Deus (Santiago 4:8). Pero isto non significa que teñas garantida a salvación só por estares bautizado. O apóstolo Paulo dixo: “Traballade con temor e tremor pola vosa salvación” (Filipenses 2:12). O bautismo é só o comezo. Como podes continuar a carón de Xehová? No último capítulo deste libro imos contestar esta pregunta.

ENSINANZAS DA BIBLIA

1. DEBERÍA BAUTIZARME?

“Aquí hai auga, ¿por que non me podo bautizar eu?” (Feitos 8:36)

Como e por que debes bautizarte?

Ó bautizarte, demostras que deixaches atrás o teu estilo de vida anterior e que agora comezas unha nova vida para facer a vontade de Deus.

  • Mateo 28:19, 20

    Para servires a Xehová precisas bautizarte.

  • Salmo 40:9 (40:8, NM)

    Ó bautizarte, demóstraslle a todo o mundo que queres servir a Deus.

  • Mateo 3:16

    Igual que Xesús, para bautizarte tes que ser mergullado por completo na auga.

2. XEHOVÁ NON CHE PIDE MÁIS DO QUE PODES FACER

“O amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados” (1 Xoán 5:3)

Por que non debes ter medo de dedicarte a Xehová?

  • Salmo 103:14; Isaías 41:10

    Non tes que ser perfecto para dedicarte a Xehová. Sempre contarás coa súa axuda para facer o correcto.

  • 1 Tesalonicenses 4:1

    O teu amor por Xehová axudarache a superar o medo a decepcionalo.

3. PASOS CARA Ó BAUTISMO

“Face-la túa vontade, meu Deus, é o que eu quero; a túa lei está no fondo de min mesmo” (Salmo 40:9 [40:8, NM])

Que precisas facer para dedicarte a Xehová?

  • Xoán 17:3

    ESTUDAR A PALABRA DE DEUS

    Debes coñecer a Xehová e a Xesucristo. Canto mellor os coñezas, máis os quererás.

  • Hebreos 11:6

    TER FE

    Debes confiar plenamente nas promesas de Deus e en que o sacrificio de Xesús pode liberarnos do pecado e da morte.

  • Feitos 3:19

    ARREPENTIRTE

    Debes sentir unha fonda tristura polo que fixeches mal no pasado.

    DAR A VOLTA

    Debes deixar atrás o que Deus non aproba e facer o correcto.

  • 1 Pedro 4:2

    DEDICAR A TÚA VIDA A DEUS

    Para dedicares a túa vida a Xehová, debes facerlle unha oración na que lle prometes que o adorarás só a el e que servilo vai ser o máis importante na túa vida.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir