TEMA DE PORTADA | MENTIRAS QUE NOS APARTAN DE DEUS
A mentira que converteu a Deus nun ser misterioso
O QUE MOITOS DIN
“A Trindade é o misterio dun único Deus en tres persoas: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo.” (Diccionario Akal crítico de Teoloxía) “Católicos, ortodoxos, anglicanos e protestantes seguen esta doutrina.” (Diccionario abreviado del cristianismo).
O QUE DI A BIBLIA
Xesús, o Fillo de Deus, nunca dixo ser igual ó Pai, ou da mesma natureza ca El. Máis ben dixo que ía onda o Pai. E engadiu: “Xa que o Pai é máis ca min” (Xoán 14:28). Tamén lle dixo a un dos seus discípulos: “Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus” (Xoán 20:17).
O espírito santo non é unha persoa. Os primeiros cristiáns “quedaron cheos do Espírito Santo”, e Xehová dixo: “espallarei o meu Espírito sobre toda carne” (Feitos 2:1-4, 17; cursiva nosa). O espírito santo non forma parte dunha Trindade, senón que é o poder de Deus en acción.
POR QUE É IMPORTANTE
Os biblistas católicos Karl Rahner e Herbert Vorgrimler din que a Trindade non se pode entender sen a axuda de Deus, e que incluso con esa axuda non se pode entender de todo. Pero, pódese amar a alguén a quen é imposible coñecer ou entender? Por iso, a doutrina da Trindade impídenos amar e coñecer a Deus.
Para Marco, mencionado no primeiro artigo, a Trindade era un impedimento para coñecer a Deus. El explica: “Pensaba que Deus non quería que eu o coñecese, e iso aínda o facía máis misterioso e inaccesible”. Con todo, a Biblia di que Deus “non está lonxe de cada un de nós” (Feitos 17:27). El non se agocha, máis ben, quere que o coñezamos. Xesús dixo: “Nós adorámo-lo que coñecemos” (Xoán 4:22).
Marco segue dicindo: “Cando aprendín que Deus non forma parte dunha trindade, por fin conseguín ter unha relación persoal con el”. Cando vemos a Xehová coma un amigo e non como un ser misterioso, resúltanos moito máis fácil amalo. A Biblia di: “O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor” (1 Xoán 4:8).