Profecías que si se cumpriron
Antes falamos de como se cre que Creso foi enganado polo oráculo de Delfos, o que provocou que fose derrotado polo rei de Persia. Por outro lado, a Biblia contén unha profecía sorprendente relacionada co rei de Persia que si se cumpriu con todo detalle.
O profeta hebreo Isaías dixo que sería un home chamado Ciro o que conquistaría a poderosa cidade de Babilonia. Tamén describiu como o faría. Isaías escribiu isto con 200 anos de antelación, moito antes de que nacese este rei.
Isaías 44:24, 27, 28: “Así fala o Señor, [...] ‘Océano, seca; vou seca-los teus ríos’. [...] ‘Ciro é o meu pastor, cumprirá tódolos meus gustos, anunciando: Xerusalén, serás reedificada; templo, serás cimentado’”.
Segundo o historiador grego Heródoto, o exército de Ciro desviou as augas do río Éufrates que atravesaban a cidade de Babilonia. Esta estratexia permitiulles ás tropas de Ciro entrar na cidade andando por onde antes pasaba o río. Despois de conquistala, Ciro liberou os xudeus que estaban en Babilonia e permitiulles volver a Xerusalén e reconstruír a cidade, que fora destruída 70 anos antes.
Isaías 45:1: “Así fala o Señor acerca do seu unxido, Ciro, a quen eu collín da man dereita: el someterá ante si ós pobos, eu descubrirei ante el o lombo dos reis. El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el”.
Os persas entraron na cidade a través das enormes portas de dúas follas da muralla que, por descoido, quedaran abertas. Se os babilonios soubesen o que planeaba Ciro, poderían cerrar tódalas portas que daban ó río. Pero como non o fixeron, a cidade estaba indefensa.
Esta incrible profecía é só unha das moitas que atopamos na Biblia que se cumpriron por completoa. A diferenza das predicións que fan os homes, que normalmente se atribúen a deuses falsos, as profecías da Biblia veñen do Deus verdadeiro, quen dixo de si mesmo: “Eu son quen manifesta desde o principio o que ha vir; desde antigo, as cousas que aínda non se fixeron” (Isaías 46:10).
Só Xehová, que é o nome do único Deus verdadeiro, pode dicir algo así. O seu nome significa “El fai que chegue a ser”, o que indica que ten a capacidade de predicir o futuro e de facer que se cumpra a súa vontade. Isto asegúranos que Deus pode cumprir todo o que promete.
PROFECÍAS QUE SE ESTÁN CUMPRINDO
Gustaríache saber o que predí a Biblia sobre os nosos días? Hai uns 2000 anos a Biblia predixo que nos “días derradeiros” ou nos últimos días, habería “intres difíciles”. Os últimos días de que? Non da Terra nin da humanidade senón dos conflitos, da opresión e do sufrimento que soportou a humanidade por miles de anos. Vexamos só algunhas profecías que identifican os últimos días.
2 Timoteo 3:1-5: “Nos días derradeiros [...] a xente volverase egoísta, avariciosa, fachendosa, presumida, maldicente, mal guiada cos seus pais, sen caridade, impía, desamorada, falsa, calumniadora, altaneira, ríspida, inimiga do bo, traicioneira, temeraria, foncha, máis amante do pracer ca de Deus; terá aparencia de piedade, pero arrenegará da verdadeira forza da mesma”.
Non che parece que cada vez hai máis xente así? Non cres que vivimos rodeados de persoas orgullosas que só pensan en si mesmas e nos cartos? Verdade que a xente cada vez é máis esixente e está menos disposta a poñerse de acordo? Seguro que tamén notaches que moitos fillos desobedecen os seus pais e que as persoas en xeral aman os praceres máis que a Deus. E cada día as cousas van a peor.
Mateo 24:6, 7: “Cando oiades falar de guerras ou de rumores de Guerra […]. Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino”.
Algúns cálculos indican que a cantidade de persoas que morreron por culpa das guerras e dos conflitos armados dende 1914 é de máis de 100 millóns, cifra que supera o número de habitantes de moitos países. Podes imaxinar as lágrimas, a dor e o sufrimento que hai detrás desta enorme cifra? Pensaron nisto as nacións para poñer fin ás guerras?
Mateo 24:7: “Haberá fame”.
O Programa Mundial de Alimentos afirmou: “No mundo prodúcese suficiente alimento para todos, pero 815 millóns de persoas (1 de cada 9) van para a cama co estómago baleiro. E son máis (1 de cada 3) as que sofren algún tipo de desnutrición”. Calcúlase que cada ano morren de fame máis de 3 millóns de nenos.
Lucas 21:11: “Haberá grandes terremotos”.
Tódolos anos hai 50.000 terremotos o suficientemente fortes como para que os sintan os seres humanos. Destes, 100 causan considerables danos a edificios e hai un gran terremoto case cada ano. Certo estudo calcula que entre o ano 1975 e o 2000 os terremotos acabaron coa vida de 471.000 persoas.
Mateo 24:14: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a tódolos pobos. Entón será a fin”.
As testemuñas de Xehová, que son máis de 8 millóns, predican as boas noticias do Reino de Deus por toda a Terra en máis de 240 países e territorios. Levan esta mensaxe ás cidades máis grandes e ás aldeas máis pequenas, ó profundo da selva e ó alto das montañas. A profecía tamén indica que cando Deus considere que se predicou suficiente “será a fin”. Que significa isto? Significa a fin dos gobernos humanos e o inicio da gobernación do Reino de Deus. Que promesas fará realidade este Reino? Segue lendo para saber a resposta.
a Mira o artigo titulado “A proba dunha profecía exacta”.