Como debemos orar para que Deus nos escoite?
A Biblia di que Xehová Deus é quen escoita as oracións (Salmo 65:3 [65:2, TNM]). Podemos falar con el en calquera lugar e en calquera momento, en voz alta ou en silencio. Gústalle que nos dirixamos a el como “Pai”, e realmente é o mellor Pai que podemos ter (Mateo 6:9). Xehová ensínanos con moito cariño como temos que orarlle para que nos escoite.
ÓRALLE A DEUS NO NOME DE XESÚS
“Calquera cousa que lle pidades ó Pai no meu nome, el váivola dar” (Xoán 16:23).
As palabras de Xesús deixan claro que Xehová quere que lle oremos a el, non por medio de imaxes, santos, anxos ou familiares que morreron, senón no nome de Xesucristo. Cando o facemos así, demostramos que entendemos que Xehová nos escoita grazas ó que Xesús fixo por nós. Xesús mesmo dixo: “Ninguén pode chegar ó Pai se non é por medio de min” (Xoán 14:6).
FÁLALLE DENDE O CORAZÓN
“Desafoga diante del o corazón” (Salmo 62:9 [62:8, TNM]).
Cando lle oramos a Xehová, deberiamos falarlle como o facemos cun pai cariñoso. En vez de ler dun libro ou recitar algo que aprendemos de memoria, temos que falarlle con respecto e dende o corazón.
ORA DE ACORDO COA VONTADE DE DEUS
“Estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14).
Na Biblia, Xehová Deus dinos o que fará por nós e o que espera que fagamos nós por el. Para que acepte as nosas oracións, o que dicimos ten que estar “conforme coa súa vontade”. Así que é necesario estudar a Biblia para poder coñecelo ben. Se o facemos, as nosas oracións gustaranlle.
SOBRE QUE COUSAS PODES ORAR?
Pide polo que necesitas. Podemos orarlle a Deus para que nos axude co que necesitamos cada día, como comida, roupa e un lugar onde vivir. Tamén lle podemos pedir sabedoría para tomar boas decisións e forza para aguantar os problemas. Ademais, podemos orarlle para que nos dea fe, nos perdoe e nos axude (Lucas 11:3, 4, 13; Santiago 1:5, 17).
Ora por outros. Ós pais cariñosos gústalles que os seus fillos se queiran. Así que a Xehová, que é o noso Pai, tamén lle gusta que nos preocupemos e que nos coidemos uns ós outros. É apropiado orar pola nosa parella, os nosos fillos, a nosa familia e os nosos amigos. O discípulo Santiago dixo: “Rezade uns polos outros” (Santiago 5:16).
Dá as grazas. A Biblia di do noso Creador: “[Fixo] cousas boas. Deulles chuvias do ceo, colleitas abundantes, suficiente comida e encheu os seus corazóns de alegría” (Feitos 14:17). Pensar en todo o que Deus fixo por nós impulsaranos a darlle as grazas en oración. Por suposto, tamén debemos mostrarlle o noso agradecemento obedecendo as súas normas (Colosenses 3:15).
SÉ PACIENTE E SIGUE ORANDO
Ás veces, podemos sentirnos desanimados se non recibimos unha resposta inmediata ás nosas oracións sinceras. Deberiamos chegar á conclusión de que Deus non se interesa por nós? Claro que non! Vexamos as seguintes experiencias que demostran que quizais simplemente necesitemos seguir orando.
Steve, do que xa falamos no primeiro artigo desta revista, recoñece: “Se non fose pola oración, hai anos que tería perdido toda esperanza de ser feliz outra vez”. Que cambiou? Steve empezou a estudar a Biblia e aprendeu o importante que é orar e facelo de maneira persistente. El di: “Órolle a Xehová para darlle as grazas por todo o apoio que recibín dos meus queridos amigos. Estou máis feliz ca nunca”.
E que hai de Jenny, quen sentía que non merecía que Deus a escoitase? Ela conta: “Cando estaba no meu peor momento, supliqueille a Deus que me axudase a entender por que me sentía tan pouca cousa”. Como lle axudou isto? “Falarlle a Deus fixo que vise as cousas dende a perspectiva correcta e que me dese conta de que, aínda que o meu corazón me condene, Deus non o fai. Tamén me axudou a non renderme”. Cal foi o resultado? “Grazas á oración vexo a Xehová como alguén real e cariñoso, un Deus que se preocupa por min, un Pai e un Amigo que sempre estará aí e me axudará mentres eu me esforce por facer o que el quere”.
“Cando vexo o meu fillo desfrutar da vida a pesar da súa discapacidade, doume conta de que el é a mellor resposta ás miñas oracións” (Isabel).
Vexamos tamén a experiencia de Isabel. Cando quedou embarazada, os médicos dixéronlle que o seu fillo nacería cunha discapacidade grave. Algúns incluso lle aconsellaron abortar. Estaba desconsolada. Ela conta: “Sentín que morría da angustia que tiña no corazón”. Que fixo entón? “Oreille a Deus unha e outra vez pedíndolle axuda”. Co tempo naceu o seu fillo Gerard, que efectivamente sofre unha discapacidade. Sente Isabel que Deus contestou as súas oracións? Dende logo que si. De que maneira? Ela explica: “Cando vexo o meu fillo, que agora ten 14 anos, desfrutar da vida a pesar da súa discapacidade, doume conta de que el é a mellor resposta ás miñas oracións, a bendición máis grande que Xehová Deus me deu”.
Estas conmovedoras palabras recórdannos o que dixo o salmista: “Ti escoitarás o rogo dos mansos, oh, Xehová. Farás firme o seu corazón e estarás moi pendente deles” (Salmo 10:17, TNM). Cantas razóns temos para seguir orando!
Na Biblia aparecen moitas oracións que fixo Xesús. Está claro que a máis coñecida é unha que lles ensinou ós seus discípulos. Que podemos aprender dela?