IDEA BÍBLICA
O perdón antes do rescate
O perdón dos nosos pecados só é posible grazas ó rescate que Xesús pagou co seu sangue (Ef. 1:7). Aínda así, a Biblia di que Deus “deixaba sen castigo os pecados cometidos antes”, é dicir, antes de que Xesús dese a súa vida por nós (Rom. 3:25). Como podía Xehová perdoar os pecados antes de que se pagase o rescate e, ó mesmo tempo, seguir mantendo as súas normas perfectas de xustiza?
Dende o punto de vista de Xehová, o rescate xa estaba practicamente pagado dende o momento en que decidiu que unha “descendencia” salvaría a tódolos que puxesen fe nel (Xén. 3:15; 22:18). Deus estaba totalmente seguro de que, chegado o momento, seu Fillo unixénito estaría disposto a entregar a súa vida como rescate (Gál. 4:4; Heb. 10:7-10). Mentres Xesús estivo na Terra, Xehová deulle autoridade para perdoar pecados antes de que se ofrecese o rescate. Xesús puido facer isto porque sabía que, grazas ó sacrificio que el ía facer, sería posible que se perdoasen os pecados de tódolos que tiñan fe (Mat. 9:2-6).