ARTIGO DE ESTUDO 13
CANCIÓN sn 22 Xehová coida de min
Non hai límites para a man de Xehová
“Acaso hai límites para a man de Xehová?” (NÚM. 11:23, TNM).
OBXECTIVO
Axudarnos a confiar aínda máis en que Xehová sempre nos dará o que necesitamos para vivir.
1. Como demostrou Moisés confianza en Xehová cando guiou os israelitas ó saír de Exipto?
A CARTA ós Hebreos fala de moitas persoas que tiveron fe en Xehová. Unha delas é Moisés, quen demostrou unha fe extraordinaria (Heb. 3:2-5; 11:23-25). Mostrou esta cualidade cando sacou os israelitas de Exipto. El non se deixou intimidar polo faraón e o seu exército. Confiando en Xehová, levou o pobo a través do Mar Vermello e máis tarde polo deserto (Heb. 11:27-29). A maioría dos israelitas empezaron a dubidar de que Xehová coidaría deles, pero Moisés seguiu confiando nel. E Xehová non o decepcionou, xa que lles deu comida e auga para que puidesen sobrevivir no deserto (Éx. 15:22-25; Sal. 78:23-25).a
2. Por que lle preguntou Deus a Moisés: “Acaso hai límites para a man de Xehová”? (Números 11:21-23, TNM).
2 Aínda que Moisés tiña unha fe forte, arredor dun ano despois de que os israelitas fosen liberados milagrosamente de Exipto, empezou a ter dúbidas sobre se Xehová sería capaz de darlle de comer ó pobo. Non conseguía imaxinarse como podería Xehová prover suficiente alimento para os millóns de persoas que estaban acampadas no deserto. Por iso, Deus díxolle: “Acaso hai límites para a man de Xehová?” (le Números 11:21-23, TNM). Aquí a expresión a man de Xehová refírese ó espírito santo de Deus, ou ó seu poder en acción. Noutras palabras, é coma se Xehová lle estivese dicindo a Moisés: “De verdade pensas que non poderei facer o que dixen que faría?”.
3. Por que é importante que pensemos no que lles pasou a Moisés e ós israelitas?
3 Preguntácheste algunha vez se Xehová coidará das túas necesidades materiais ou das da túa familia? Sexa como sexa, imos ver por que Moisés e os israelitas non confiaron en que Xehová lles daría o que necesitasen. Os principios bíblicos que analizaremos axudarannos a estar máis seguros de que non hai límites para a man de Xehová.
APRENDAMOS DE MOISÉS E DOS ISRAELITAS
4. Por que moitos israelitas empezaron a dubidar de que Xehová podía proverlles materialmente?
4 Analicemos o contexto deste relato. A nación de Israel e a “multitude de xente mesturada” non israelita estiveron no deserto durante algún tempo mentres viaxaban de Exipto á Terra Prometida (Éx. 12:38; Deut. 8:15). Os que non eran israelitas e moitos dos israelitas cansáronse de comer maná e queixáronse disto a Moisés (Núm. 11:4-6). Empezaron a botar moito de menos a comida que tiveran en Exipto. Parece ser que Moisés, sentindo a presión do pobo, pensou que tiña que encargarse el mesmo de conseguirlles comida a todos, pero non sabía como facelo (Núm. 11:13, 14).
5, 6. Que mala actitude dos que non eran israelitas se lles pegou ós israelitas, e que podemos aprender disto?
5 Polo visto, ós israelitas pegóuselles a actitude desagradecida dos que non eran israelitas. A nós tamén nos podería pasar o mesmo. Cando as persoas que están ó noso arredor non son agradecidas, nós tamén podemos chegar a estar descontentos co que Xehová nos dá. Quizais empecemos a botar de menos o que tivemos no pasado ou a sentir envexa do que teñen outros. Pero seremos máis felices se aprendemos a estar satisfeitos co que temos sen importar as nosas circunstancias.
6 Os israelitas tiñan que recordar que Deus lles asegurara que, cando chegasen á súa nova casa, desfrutarían de moitas cousas materiais. Esa promesa cumpriríase na Terra Prometida, e non mentres estaban viaxando polo deserto. De maneira parecida, en vez de pensar demasiado no que quizais non temos neste sistema, facemos ben en reflexionar no que Xehová prometeu darnos no novo mundo. Tamén podemos meditar en textos da Biblia que nos axudan a confiar máis en Xehová.
7. Por que podemos estar seguros de que Xehová sempre será capaz de axudarnos?
7 Aínda así, quizais non entendas por que Deus lle preguntou a Moisés: “Acaso hai límites para a man de Xehová?”. É posible que Xehová lle estivese axudando a Moisés a pensar non só na forza da súa poderosa man, senón tamén no seu alcance. Aínda que os israelitas estaban no medio do deserto, Xehová podía darlles comida en abundancia. Con “man forte e brazo rexo”, demostrou o seu poder (Sal. 136:11, 12). Por iso, cando pasemos por unha proba, podemos estar seguros de que a man de Xehová chegará ata cada un de nós, sen importar onde esteamos (Sal. 138:6, 7).
8. Como podemos evitar cometer o mesmo erro que moitos dos que estiveron no deserto? (Ver tamén a imaxe).
8 Xehová fixo o que prometera e ó pouco envioulles unha gran cantidade de paspallás, ou codornices. Pero os israelitas non lle deron grazas a Deus por este milagre. Máis ben, moitos empezaron a querer máis codornices das que necesitaban. Así que traballaron día e noite para recoller tódalas que puideron. Entón Xehová enfadouse moito con aqueles que demostraron ser egoístas e castigounos (Núm. 11:31-34). Do seu exemplo aprendemos que temos que ter coidado de non volvernos avariciosos. Sen importar se somos ricos ou pobres, a nosa prioridade debe ser acumular “tesouros no ceo” estreitando cada vez máis a nosa amizade con Xehová e Xesús (Mat. 6:19, 20; Luc. 16:9). Se o facemos, podemos estar seguros de que Xehová nos dará o que necesitamos.
Que actitude demostraron moitos no deserto, e que podemos aprender do que pasou? (Ver o parágrafo 8).
9. De que podemos estar totalmente seguros?
9 Na actualidade, Xehová tamén está preparado para axudarlle ó seu pobo. Claro, isto non significa que nunca suframos perdas materiais ou que nunca pasemos fame.b Pero podemos estar seguros de que Xehová xamais nos abandonará. El sempre nos dará a axuda que necesitemos cando pasemos por dificultades. Como podemos demostrar que confiamos en que Xehová fará isto? Vexamos dúas situacións: 1) cando temos problemas económicos e 2) ó planificar como cubriremos as necesidades materiais cando sexamos maiores.
CANDO TEMOS PROBLEMAS ECONÓMICOS
10. A que problemas económicos poida que nos enfrontemos?
10 A medida que se achega o final deste sistema podemos esperar que a situación económica empeore. As revoltas políticas, os conflitos armados, os desastres naturais ou novas pandemias poden provocar gastos inesperados ou a perda do noso traballo, das nosas posesións ou da nosa casa. Quizais teñamos que buscar un novo emprego ou pensar en mudarnos coa nosa familia a outro lugar para poder mantela economicamente. Que nos pode axudar a tomar decisións que demostren que confiamos na man de Xehová?
11. Que nos pode axudar a enfrontarnos ós problemas económicos? (Lucas 12:29-31).
11 O paso máis importante é dicirlle a Xehová o que nos preocupa, algo que nos será de moita axuda (Prov. 16:3). Pidámoslle que nos dea a sabedoría que necesitamos para tomar boas decisións e calma para evitar “estar demasiado preocupados” (le Lucas 12:29-31). Tamén debemos pedirlle que nos axude a estar contentos con ter o necesario para vivir (1 Tim. 6:7, 8). E investiguemos nas nosas publicacións como enfrontarnos con éxito ós problemas económicos. A moitos resultoulles útil a información que hai en jw.org sobre este tema.
12. Que preguntas poden axudarlle a un cristián a tomar a mellor decisión para a súa familia?
12 Algúns colleron un traballo que implicaba estar lonxe da súa familia, pero isto a miúdo resultou ser unha mala decisión. Antes de aceptar un novo emprego, deberiamos pensar sobre todo no prezo que imos pagar en sentido espiritual, e non só nos cartos que gañaremos (Luc. 14:28). Pregúntate: “Como lle podería afectar ó meu matrimonio que teñamos que estar separados un do outro? Se me mudo, serei capaz de asistir a tódalas reunións, participar na predicación e pasar tempo cos irmáns?”. Se tes fillos, tamén debes facerte a seguinte pregunta importante: “Como vou poder criar o meu fillo ‘na disciplina e na doutrina do Señor’ se non estou con el?” (Ef. 6:4). Cando tomes decisións sobre este asunto, guíate pola maneira de pensar de Xehová e non polo que opinan familiares e amigos que non aplican o que di a Biblia.c A Tony, quen vive en Asia Occidental, fixéronlle varias ofertas de traballo moi boas no estranxeiro. Pero despois de orarlle a Xehová sobre o asunto e falalo coa súa muller, decidiu rechazar esas ofertas e esforzarse por reducir os gastos da familia. Mirando atrás, Tony di: “Tiven o privilexio de axudarlles a varias persoas a coñecer a Xehová, e ós nosos fillos encántalles facer cousas por Deus. A nosa familia aprendeu que, mentres vivamos seguindo as palabras de Mateo 6:33, Xehová coidará de nós”.
Ó PLANIFICAR COMO CUBRIREMOS AS NECESIDADES MATERIAIS CANDO SEXAMOS MAIORES
13. Que medidas razoables podemos tomar agora para cubrir as nosas necesidades cando sexamos maiores?
13 A nosa confianza en Xehová tamén se pode poñer a proba ó facer plans para cando sexamos maiores. A Biblia anímanos a traballar duro e así ter o necesario para cubrir as nosas necesidades no futuro (Prov. 6:6-11). Dentro das nosas circunstancias, é bo que aforremos algúns cartos, xa que poden darnos certa protección (Ecl. 7:12). Pero non queremos que o diñeiro sexa o máis importante na nosa vida.
14. Por que debemos ter en conta Hebreos 13:5 cando planificamos como cubriremos as nosas necesidades materiais no futuro?
14 Xesús fixo unha comparación para demostrar que non ten sentido aforrar cartos se non somos ricos “ós ollos de Deus” (Luc. 12:16-21). Ningún de nós sabe o que pode pasar mañá (Prov. 23:4, 5; Sant. 4:13-15). Ademais Xesús dixo que quen quixese ser o seu discípulo tería que estar disposto a renunciar a todo o que tivese (Luc. 14:33). Isto foi o que lles pasou ós cristiáns de Xudea nos tempos dos apóstolos. Eles estiveron dispostos a renunciar con alegría a todo o que tiñan (Heb. 10:34). Nos nosos días, moitos irmáns tiveron que sacrificar a súa seguridade económica por negarse a apoiar o sistema político deste mundo (Apoc. 13:16, 17). Que lles axudou a facelo? Ter confianza absoluta na seguinte promesa de Xehová: “Non te deixarei nin te desampararei” (le Hebreos 13:5). Facemos todo o que podemos por planificar como cubriremos as necesidades materiais cando sexamos maiores pero, se pasa algo inesperado, confiamos na axuda de Xehová.
15. Que punto de vista equilibrado deberían ter os pais cristiáns sobre os seus fillos? (Ver tamén a imaxe).
15 Nalgunhas culturas, os pais teñen fillos principalmente para que estes os coiden economicamente cando eles se fagan maiores. En certo sentido, estes matrimonios ven os seus fillos coma un “plan de pensións”. Pero a Biblia di que son os pais os que deben coidar das necesidades dos fillos (2 Cor. 12:14). Por suposto, os pais quizais necesitan recibir axuda práctica cando se fan maiores, e moitos fillos están encantados de dárllela (1 Tim. 5:4). Pero os pais cristiáns recoñecen que a súa maior alegría non vén de criar fillos coa perspectiva de que estes os coiden economicamente, senón que vén de axudarlles a que cheguen a ser servos de Xehová (3 Xoán 4).
Un matrimonio cristián que confía en Xehová aplica os principios bíblicos cando toma decisións (ver o parágrafo 15).d
16. Como poden os pais preparar os seus fillos para cubrir as súas propias necesidades económicas? (Efesios 4:28).
16 Co teu exemplo, ensínalles ós teus fillos a confiar en Xehová ó mesmo tempo que lles axudas a prepararse para coidar de si mesmos. Dende que son noviños, demóstralles o beneficioso que é traballar duro (Prov. 29:21; le Efesios 4:28). A medida que van medrando, axúdalles a esforzarse por cumprir ben coas súas obrigacións no colexio. Podes buscar principios bíblicos e despois axudarlles ós teus fillos a tomar boas decisións sobre a educación segrar que van escoller. O teu obxectivo é que poidan ser capaces de cubrir as súas propias necesidades e tamén que teñan tempo para participar plenamente na predicación, ou incluso ser pioneiros.
17. De que podemos estar seguros?
17 Os servos leais de Xehová poden estar seguros de que el ten a habilidade e o desexo de cubrir as súas necesidades materiais. A medida que se acerca o fin deste sistema, é de esperar que se poña a proba a nosa confianza en Xehová. Pero, sen importar o que suceda, confiemos completamente en que Deus usará o seu poder para darnos o que necesitamos en sentido material. Podemos estar seguros de que a súa man forte e o seu brazo rexo sempre chegarán onda nós, sen importar onde esteamos.
CANCIÓN sjj 150 Xehová é quen te salvará
a Mira o artigo “Preguntas dos lectores” da revista A Atalaia de outubro de 2023.
b Mira o artigo “Preguntas de los lectores” da revista La Atalaya do 15 de setembro de 2014 (dispoñible en español).
c Mira o artigo “Nadie puede servir a dos amos” da revista La Atalaya do 15 de abril de 2014 (dispoñible en español).
d DESCRICIÓN DA IMAXE.: Un matrimonio cristián que confía en Xehová manténdose en contacto coa súa filla, que está servindo co seu marido nun proxecto de construción dun Salón do Reino.