ARTIGO DE ESTUDO 34
CANCIÓN sjj 3 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza
Podes estar seguro de que Xehová te perdoa
“Ti perdoáche-la miña culpa” (SAL. 32:5).
OBXECTIVO
Analizar versículos da Biblia que nos aseguran que Xehová nos perdoa cando nos arrepentimos e ver por que é importante que confiemos nisto.
1, 2. Como nos sentimos despois de saber que Xehová perdoou os nosos pecados? (Ver tamén a imaxe).
O REI David sabía ben como é sentirse culpable por pecados do pasado (Sal. 40:13 [40:12, TNM]; 51:2 [51, encabezamento, TNM]; 51:5 [51:3, TNM]). El cometeu algúns errores moi graves, pero arrepentiuse de corazón e Xehová perdoouno (2 Sam. 12:13). Por iso David tamén entendeu o alivio que se sente ó recibir o perdón de Xehová (Sal. 32:1).
2 Igual ca David, nós tamén podemos sentir a felicidade de ver como Xehová nos mostra misericordia e perdoa os nosos errores. Que tranquilidade é saber que Xehová está disposto a perdoar os nosos pecados por moi graves que fosen se nos arrepentimos de verdade, confesamos o que fixemos e nos esforzamos por non repetilo! (Prov. 28:13; Feit. 26:20; 1 Xoán 1:9) E que animador é saber que o seu perdón é tan absoluto que é coma se nunca tivésemos pecado! (Ezeq. 33:16).
O rei David compuxo varios salmos que describen o perdón de Xehová (ver os parágrafos 1 e 2).
3, 4. Como se sentía unha irmá despois de bautizarse, e que veremos neste artigo?
3 Aínda así, ás veces, pode facérsenos difícil aceptar o perdón de Xehová. Así é como se sentía Jennifer. Ela criouse na verdade pero cando era adolescente empezou a levar unha dobre vida. Anos despois volveu a Xehová, fixo os cambios necesarios e bautizouse. Ela conta: “Antes, era unha persoa agresiva á que só lle importaban os cartos e a miña vida estaba chea de borracheiras e inmoralidade sexual. Na miña cabeza tiña claro que despois de suplicarlle perdón e arrepentirme, Xehová perdoara os meus pecados grazas ó sacrificio de Cristo. Pero non conseguía convencer o meu corazón disto”.
4 E a ti? Cústache convencer o teu corazón de que Xehová perdoou os teus errores do pasado? Xehová quere que esteamos tan seguros como David de que el perdoa os nosos pecados porque é moi misericordioso, e que iso nos faga felices. Neste artigo veremos por que necesitamos aceptar o perdón de Xehová e que nos pode axudar a facelo.
POR QUE NECESITAMOS ACEPTAR O PERDÓN DE XEHOVÁ
5. Que quere facernos crer Satanás? Pon un exemplo.
5 Se aceptamos o perdón de Xehová, evitaremos caer nunha das trampas de Satanás. Recorda que Satanás fará todo o que poida para intentar que deixemos de servir a Xehová e, para conseguilo, quizais intente facernos crer que os nosos pecados son imperdoables. Por exemplo, pensa no home de Corinto que foi sacado da congregación por cometer inmoralidade sexual (1 Cor. 5:1, 5, 13). Cando máis tarde se arrepentiu, Satanás quería que os da congregación non o perdoasen e non o recibisen de volta. Ó mesmo tempo, quería que o home arrepentido pensase que o que fixera era imperdoable, que se sentise “totalmente afundido por estar demasiado triste” e deixase de servir a Xehová. Satanás non cambiou o seu obxectivo nin as súas tácticas, pero nós “sabemos cales son” (2 Cor. 2:5-11).
6. Como podemos deixar de sentirnos culpables?
6 Se aceptamos o perdón de Xehová, deixaremos de sentirnos culpables. Cando pecamos é normal que nos sintamos mal polo que fixemos (Sal. 51:19 [51:17, TNM]). Isto é algo bo, porque a nosa conciencia pode motivarnos a cambiar e a facer o correcto (2 Cor. 7:10, 11). Pero se nos seguimos sentindo culpables moito despois de arrepentirnos, quizais nos desanimemos tanto que deixemos de servir a Xehová. Pero se aceptamos o seu perdón poderemos deixar os sentimentos de culpa no sitio que lles corresponde: o pasado. Así poderemos servir a Xehová como el quere, é dicir, moi felices e cunha conciencia limpa (Col. 1:10, 11; 2 Tim. 1:3). Entón, como podemos conseguir que o noso corazón acepte o perdón de Deus?
QUE PODE AXUDARCHE A ACEPTAR O PERDÓN DE XEHOVÁ?
7, 8. Como se describiu Xehová a si mesmo cando falou con Moisés, e que seguridade nos dá isto? (Éxodo 34:6, 7, TNM).
7 Medita en como se describe Xehová a si mesmo. Fíxate, por exemplo, no que lle dixo a Moisés no monte Sinaí (le Éxodo 34:6, 7, TNM).a De tódalas cualidades das que lle puido falar, escolleu definirse a si mesmo coma “un Deus misericordioso e compasivo”. Negaríase un Deus así a perdoar un servo seu que se arrepentiu de verdade? Nunca! Isto sería insensible e cruel, algo que Xehová é incapaz de ser.
8 Podemos estar seguros de que cando Xehová di que é misericordioso, é certo, porque el non pode mentir (Sal. 31:6 [31:5, TNM]). Así que podemos collerlle a palabra. Se che custa deixar atrás os sentimentos de culpa por pecados do pasado, pregúntate: “Creo que Xehová é realmente misericordioso e compasivo e que sempre perdoará a calquera pecador arrepentido? Non debería entón aceptar que tamén me perdoou a min?”.
9. Que significa que os nosos pecados fosen perdoados? (Salmo 32:5).
9 Medita no que Xehová nos ensina na Biblia sobre como nos perdoa. Vexamos por exemplo como David, un dos escritores da Biblia, describiu o perdón de Xehová (le Salmo 32:5). El dixo: “Ti perdoáche-la miña culpa”. A palabra hebrea que se traduce como perdón pode significar “levantar”, “quitar” ou “levar”. En certa maneira, cando Xehová perdoou a David, colleu e levantou os seus pecados para quitarllos de encima. Entón David puido sentir o alivio de non ter que levar máis esa carga tan pesada (Sal. 32:2-4). Nós podemos sentir o mesmo. Cando nos arrepentimos de verdade, non temos por que seguir levando a pesada carga da culpa polos pecados que Xehová xa nos quitou de encima.
10, 11. Que nos di a expresión “disposto a perdoar” sobre Xehová? (Salmo 86:5).
10 Le Salmo 86:5 (TNM). Aquí David di que Xehová está “disposto a perdoar”. Sobre esta expresión, unha obra de consulta bíblica di sobre Xehová: “É ‘perdoador’, é a súa ‘natureza’”.b Por que é Deus así? A seguinte parte do versículo explica: “O teu amor leal por tódolos que te chaman é inmenso”. Como vimos no artigo anterior, o amor leal fai que Xehová teña unha relación estreita e duradeira cos seus seguidores fieis. O seu amor leal motívao a “[perdoar] xenerosamente” a tódolos pecadores arrepentidos (Is. 55:7, TNM). Se che custa aceptar o perdón de Xehová deberías preguntarte: “Creo que Xehová está disposto a perdoar a tódolos que estean arrepentidos e lle pidan misericordia? Non debería entón aceptar que tamén me perdoou a min cando lle supliquei o mesmo?”.
11 Pode tranquilizarnos moito pensar en que Xehová sabe perfectamente como estamos feitos e que somos imperfectos (Sal. 139:1, 2). Isto vese claramente noutro salmo de David, o cal tamén nos pode axudar a aceptar o perdón de Xehová.
NON ESQUEZAS O QUE XEHOVÁ RECORDA
12, 13. Segundo o Salmo 103:14, que recorda Xehová sobre nós, e que se sente motivado a facer?
12 Le Salmo 103:14. David tamén dixo que Xehová “recorda que somos lama”. Con estas palabras, David explica unha das razóns polas que Xehová está disposto a perdoar os seus servos arrepentidos: sempre ten en conta que somos imperfectos. Para entendelo mellor, sigamos analizando as palabras de David.
13 David di que Xehová “sabe de que estamos feitos”. El fixo a Adán “do po da terra” e sabe ben que os humanos, incluso sendo perfectos, teñen certas limitacións por natureza, como a necesidade de comer, durmir e respirar (Xén. 2:7). Pero desde que Adán e Eva pecaron, estar feitos do po obtivo outro significado: como os seus descendentes, somos po porque herdamos a imperfección e a tendencia a facer cousas malas. Xehová non só é consciente disto, senón que como di David, el recórdao. A palabra hebrea que se utiliza aquí para recorda pode ter o significado de sentirse impulsado a facer algo bo. Poderiamos resumir o significado das palabras de David da seguinte maneira: Xehová entende que ás veces nos equivocaremos e, cando isto nos pasa, se nos arrepentimos de verdade el séntese motivado a respondernos con misericordia e a perdoarnos (Sal. 78:38, 39).
14. a) Que máis di David sobre como nos perdoa Xehová? (Salmo 103:12) b) Que aprendemos da maneira na que Xehová perdoou a David? (Ver o recadro “Como perdoa e esquece Xehová”).
14 Ata onde chega o perdón de Xehová? (le Salmo 103:12). David di que cando Xehová perdoa, pon os nosos pecados tan lonxe “canto dista o nacente [ou leste] do poñente [ou oeste]”. En certo sentido, o leste é o punto que está o máis lonxe posible do oeste, e estes dous puntos nunca se xuntan. Que nos di isto sobre como perdoa Xehová os nosos pecados? Unha obra de consulta explícao así: “Cando os pecados son levados tan lonxe, podemos estar seguros de que non queda olor, rastro ou o mínimo recordo deles”. Verdade que un simple olor pode facer que nos volva un recordo? Pero cando Xehová perdoa, é coma se non quedase nada que lle recordase o pecado que cometemos e que faga que nolo bote en cara (Ezeq. 18:21, 22; Feit. 3:19).
15. Que podemos facer se nos seguimos sentindo culpables por errores do pasado?
15 Como nos poden axudar as palabras de David no Salmo 103 a aceptar o perdón de Xehová? Se te segues sentido culpable por pecados que cometiches no pasado, poderías preguntarte: “Estoume esquecendo do que Xehová recorda? É dicir, estoume esquecendo de que el é consciente de que son imperfecto e de que perdoa os pecadores que se arrepinten coma min? Estou recordando o que Xehová decidiu esquecer? É dicir, recordo o que el xa perdoou e que nunca me botará en cara?”. Xehová non se centra nos nosos pecados do pasado, e nós tampouco deberiamos (Sal. 130:3). Se aceptamos o perdón de Xehová, poderemos perdoarnos a nós mesmos e seguir adiante.
16. Pon un exemplo de por que é perigoso seguir pensando nos pecados que Xehová xa perdoou. (Ver tamén a imaxe).
16 Poñamos un exemplo. Seguir cargando coa culpa de pecados do pasado é como intentar conducir un coche mentres miramos continuamente polo espello retrovisor. É bo mirar de vez en cando polo espello para poder reaccionar ante posibles perigos que teñamos detrás. Pero para circular con seguridade debemos centrarnos no que temos diante. De maneira parecida, pode ser útil pensar de vez en cando nos errores do pasado para así aprender deles e estar máis decididos a non repetilos. Pero se nos centramos continuamente neles, os sentimentos de culpa poden limitar o noso servizo a Xehová. Polo tanto, centrémonos no camiño que temos diante, o cal nos levará á vida no novo mundo que Deus nos prometeu, onde as cousas malas “non serán lembradas” (Is. 65:17; Prov. 4:25).
Igual que un condutor necesita centrarse máis no camiño que ten por diante que no espello retrovisor, nós necesitamos centrarnos máis nas bendicións do futuro que nos errores do pasado (ver o parágrafo 16).
SIGUE CONVENCENDO O TEU CORAZÓN
17. Por que temos que seguir convencendo o noso corazón de que Xehová nos quere e está disposto a perdoarnos?
17 Temos que seguir convencendo o noso corazón de que Xehová nos quere e está disposto a perdoarnos (1 Xoán 3:19). Por que? Porque Satanás seguirá intentando facernos crer que non merecemos o amor ou o perdón de Xehová. En calquera dos casos, o seu obxectivo é que deixemos de servir a Deus. É de esperar que se esforce aínda máis por conseguilo xa que sabe que lle queda pouco tempo (Apoc. 12:12). Non podemos deixar que gañe!
18. Que podes facer para convencer o teu corazón de que Xehová te quere e sempre está disposto a perdoarte?
18 Para estar máis seguro de que Xehová te quere, aplica as ideas do artigo anterior. Para convencer o teu corazón de que Xehová te perdoa, medita en como se describiu a si mesmo. Dedica tempo a pensar no que inspirou os escritores da Biblia a dicir sobre o seu perdón. Non esquezas que é consciente de que es imperfecto e será misericordioso contigo. E recorda que cando el perdoa, faino por completo. Entón coa mesma confianza que David tiña na misericordia de Xehová, poderás dicir: “Grazas, Xehová, por perdoar a miña culpa!” (Sal. 32:5).
CANCIÓN sn 1 As calidades de Xehová
a Mira o artigo “Acérquese a Dios. Jehová se describe a sí mismo” da revista La Atalaya do 1 de maio de 2009.
b The Psalms, escrito por W. O. E. Oesterley, ©1939, reimpreso en 1959, (S.P.C.K., Londres, O Reino Unido), páxina 388.