PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Como me podo levar ben co meu profesor?
Pesadelo na escola
Máis tarde ou máis cedo, case tódolos estudantes teñen un profesor que parece que é inxusto, que esixe demasiado ou que sinxelamente é cruel.
Luis, de 21 anos, conta: “Tiña unha profesora que adoitaba usar palabras malsoantes e faltáballe ó respecto ós seus estudantes. Quedáballe pouco para xubilarse, así que pode que pensase que non a ían despedir”.
Melanie, de 25 anos, lembra que tiña unha profesora que a trataba peor que a outros compañeiros. “A súa escusa para tratarme mal era que eu non formaba parte dunha relixión maioritaria. Díxome que tiña que acostumarme a que me tratasen mal para cando fose adulta”.
Se tes algún profesor difícil, aínda hai algunhas cousas que podes facer para que o teu ano non sexa horrible. As seguintes ideas poden axudarche.
Técnicas de supervivencia
Sé adaptable. Cada profesor espera algo diferente dos seus estudantes. Intenta entender que espera de ti o teu profesor e esfórzate por facelo.
Principio bíblico: “O sabio escoita e acrece o seu saber” (Proverbios 1:5).
“Deime conta de que tiña que adaptarme ó estilo da miña profesora, así que fixen todo o que puiden para facer as cousas como lle gustaban. Isto axudoume a levarme ben con ela” (Christopher).
Sé respectuoso. Intenta falar con educación ós teus profesores. Nunca lles faltes ó respecto, incluso se pensas que o merecen. Recorda: eles vente coma un estudante, non coma un amigo. E non lles falta razón.
Principio bíblico: “Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cun chisquiño de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada” (Colosenses 4:6).
“Os profesores non sempre reciben o respecto que merecen dos seus estudantes, así que se te esforzas por respectar os teus profesores pode que te traten de maneira diferente” (Ciara).
Sé comprensivo. Os profesores tamén son persoas, teñen problemas e preocupacións coma todo o mundo. Así que non penses que o teu profesor é mala persoa ou que te odia.
Principio bíblico: “Porque todos cometemos errores” (Santiago 3:2, nota, TNM).
“Ser profesor é moi duro. Non podo nin imaxinar como faría eu para que tódolos estudantes se portasen ben e ademais aprendesen algo. Sempre pensei que debería axudarlles e facerlles o traballo máis doado” (Alexis).
Fala cos teus pais. Teus pais son a túa mellor axuda. Queren que che vaia ben na escola e os seus consellos poden axudarche a tratar cun profesor difícil.
Principio bíblico: “Onde non se fai xuntanza malógranse os planos” (Proverbios 15:22).
“Os pais teñen moita máis experiencia en resolver problemas que a xente nova. Así que escoita os seus consellos e irache ben” (Olivia).
Como falar co teu profesor
Ás veces, pode ser necesario que fales co teu profesor sobre os problemas que tes con el. Se tes medo de enfrontarte a el, non te preocupes. Non é unha discusión, só é unha conversa. Pode que te sorprenda o fácil e útil que pode ser.
Principio bíblico: “Procuremos, logo, aquilo que leva á paz” (Romanos 14:19).
“Se a profesora parece que che ten manía, pregúntalle se fixeches algo para molestala. A súa resposta pode axudarche a ver en que podes mellorar” (Juliana).
“Pode ser boa idea que lle contes ó profesor como te sentes. Busca un momento antes ou despois de clase para falar en privado e con calma. É probable que sexa razoable e te respecte ó ver como solucionaches o problema” (Benjamin).
UNHA EXPERIENCIA REAL
“Eu estaba sacando malas notas, e a miña profesora non me axudaba nada. Quería deixar a escola porque me facía a vida imposible.
”Pedinlle consello a outro profesor. El díxome: ‘Ela non te coñece, e ti non a coñeces. Necesitas falar con ela dese problema. Se o fas, pode ser que axudes a outros estudantes que tamén teñen medo de falar con ela’.
”Iso era o último que quería facer! Pero pensei no que me dixo, e tiña razón. Se quería que as cousas cambiasen, tiña que dar o primeiro paso.
”Así que ó día seguinte falei coa miña profesora e, con moito respecto, díxenlle que valoraba moito as súas clases e quería aproveitalas ó máximo. Pero estábame custando moito traballo e non sabía que facer. Ela deume varios consellos e ata se ofreceu a axudarme despois das clases ou por correo electrónico.
”Non o podía crer! Grazas a aquela conversación a relación entre nós mellorou e a miña vida na escola foi moito máis fácil” (Maria).
Consello: Se tes problemas cun profesor, podes velo como unha oportunidade para aprender algo que che pode axudar cando sexas adulto. Katie, de 22 anos, di: “Cando remates a escola, vas atopar persoas con máis autoridade que non sempre van ser amables. Se agora aprendes a reaccionar ben cun profesor difícil, estarás mellor preparado cando no futuro teñas que tratar con xente así”.