BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Problemas que nos dan esperanza
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • Problemas que nos dan esperanza

      “Nos días derradeiros haberá intres difíciles” (2 TIMOTEO 3:1).

      PRESENCIACHES algunha vez ou escoitaches falar dalgún destes terribles sucesos?

      ● Unha enfermidade mortal acaba con decenas de vidas.

      ● Centos de persoas morren por culpa da fame.

      ● Un terremoto mata miles de persoas e deixa moitas máis sen fogar.

      Nas seguintes páxinas analizaranse algúns datos sobre sucesos coma estes. Tamén poderás ver que a Biblia predixo que estas condicións se darían durante un período de tempo ó que se lle chama os “días derradeiros”.a

      Pero o propósito destes artigos non é convencerte de que vivimos nun mundo cheo de problemas. Seguro que ti xa ves estes problemas por ti mesmo. Mais ben, o obxectivo destes artigos é darche esperanza. Demostran que o cumprimento destas seis profecías significa que os “días derradeiros” pronto han acabar. Nesta serie tamén se analizan algunhas obxeccións comúns a estas probas e proporciónanse boas razón para crer que temos algo bo por diante.

      [Nota]

      a Para saber por que Deus permite que pasen estas cousas malas consulta o artigo “¿Por qué permite Dios la maldad y el sufrimiento?”, nas páxinas 16 e 17 desta revista.

  • 1. Terremotos
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • 1. Terremotos

      “Haberá grandes terremotos” (LUCAS 21:11).

      ● Winnie, unha nena de 16 meses, é rescatada de entre os cascallos en Haití. Un equipo de televisión que cubría a noticia escoitou os seus débiles xemidos. A meniña sobreviviu ó terremoto, pero os seus pais non.

      QUE DEMOSTRAN OS FEITOS? Cando un terremoto de magnitude 7 sacudiu Haití en xaneiro de 2010 máis de 300.000 persoas perderon a vida. Ademais, 1,3 millóns de persoas quedaron de súpeto sen fogar. Inda que foi un suceso excepcional, o terremoto de Haití non foi un feito illado. Entre abril de 2009 e abril de 2010 houbo polo menos dezaoito grandes terremotos en todo o mundo.

      OBXECCIÓN. Non é que agora haxa máis terremotos, o que pasa é que grazas á tecnoloxía moderna estamos máis informados ca antes.

      É VÁLIDA ESA OBXECCIÓN? Pensa nisto: A Biblia non destacou o número de terremotos durante os días derradeiros. Máis ben di que “haberá grandes terremotos” en “diversos lugares” e que isto sería un aspecto destacable deste período transcendental da historia (Marcos 13:8; Lucas 21:11).

      TI QUE PENSAS? Estamos a ver grandes terremotos tal como profetizou a Biblia?

      Poida que pareza que os terremotos por si sós non son unha proba definitiva de que estamos a vivir nos días derradeiros. Pero si que son o cumprimento dunha profecía. Imos ver outra.

      [Frase destacada]

      “[Os xeofísicos] chamámoslles grandes terremotos, o resto da xente chámalles catástrofes” (KEN HUDNUT, SERVIZO XEOLÓXICO DOS ESTADOS UNIDOS).

      [Créditos da imaxe]

      © William Daniels/Panos Pictures

  • 2. Fame
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • 2. Fame

      “Haberá [...] fame” (MARCOS 13:8).

      ● Un home busca refuxio na aldea de Quaratadji (Níxer). Os seus primos, irmáns e irmás tamén viñeron dende o interior do país intentando escapar da fame. Pero o home está deitado só nunha alfombra no chan. Por que está só? Sidi, o xefe da aldea, explica: “Non pode darlle de comer á súa familia, e por iso non pode seguilos mirando á cara”.

      QUE DEMOSTRAN OS FEITOS? Arredor do mundo, case unha de cada sete persoas non ten suficiente comida para cada día. E os números son inda peores na África subsahariana, onde unha de cada tres padece fame crónica. Para entendelo imaxina unha familia composta por un pai, unha nai e un bebé. Se só hai suficiente comida para dous deles, quen vai pasar fame? O pai? A nai? O bebé? Esta é a decisión que teñen que tomar moitas familias cada día.

      OBXECCIÓN. A Terra produce alimento máis que dabondo para todos. Simplemente hai que repartir mellor os seus recursos.

      É VÁLIDA ESTA OBXECCIÓN? É certo que as granxas producen e transportan máis alimento que nunca antes. Nun mundo ideal os gobernos humanos serían capaces de distribuír o alimento da Terra para solucionar o problema da fame. Pero despois de intentalo durante décadas, seguen sen ser quen de facelo.

      TI QUE PENSAS? Estase a cumprir Marcos 13:8? A pesar dos avances tecnolóxicos, crees que a falta de alimento está a afectar á humanidade a escala global?

      Moitas veces os terremotos e a fame son a causa doutra das características do sinal dos días derradeiros.

      [Frase destacada]

      “Máis dunha terceira parte dos nenos que morren de pneumonía, diarrea e outras enfermidades poderían ter sobrevivido se non padecesen desnutrición” (ANN M. VENEMAN, EXDIRECTORA EXECUTIVA DE UNICEF).

      [Créditos da imaxe]

      © Paul Lowe/Panos Pictures

  • 3. Enfermidades
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • 3. Enfermidades

      “Haberá [...] pestes” (LUCAS 21:11).

      ● Bonzali, un funcionario de saúde pública dun país de África esnaquizado pola guerra civil, fai o pouco que pode para tratar os mineiros da localidade que están morrendo por culpa do virus Marburg.a As súas peticións de axuda ás autoridades sanitarias dunha cidade máis grande quedaron sen resposta. Catro meses máis tarde, cando por fin chega a axuda médica, Bonzali xa está morto. Contraeu o virus dos mineiros que intentaba salvar.

      QUE DEMOSTRAN OS FEITOS? As infeccións respiratorias de vías baixas (como a pneumonía), a diarrea, a sida, a tuberculose e a malaria son algunhas das enfermidades máis mortíferas que afectan a humanidade. Nun ano recente estes cinco tipos de enfermidades mataron arredor de 10,7 millóns de persoas. Ou dito doutro xeito, mataron aproximadamente unha persoa cada tres segundos durante todo o ano.

      OBXECCIÓN. A poboación mundial segue a medrar, por iso hai máis casos de enfermidade, porque hai máis persoas que se poden infectar.

      É VALIDA ESTA OBXECCIÓN? A poboación mundial aumentou drasticamente, pero tamén o fixo a capacidade do ser humano para diagnosticar, controlar e tratar as enfermidades. Entón, non sería lóxico que as enfermidades afectasen cada vez menos a humanidade? Pero o que pasa é xusto o contrario.

      TI QUE PENSAS? Estamos a sufrir enfermidades terribles tal e como profetizou a Biblia?

      Os terremotos, a fame e as enfermidades causan estragos entre millóns de persoas. E millóns máis sofren por culpa doutros humanos. Moitos mesmo son vítimas daqueles que os deberían protexer. Fíxate no que a Biblia predixo que pasaría.

      [Nota]

      a A febre hemorráxica de Marburg está causada por un virus relacionado co Ébola.

      [Frase destacada]

      “É horrible que te coma un león ou calquera outro animal. Pero é igual de horrible que un bicho te vaia comendo dende dentro e vexas o que che está a pasar” (MICHAEL OSTERHOLM, EPIDEMIÓLOGO).

      [Créditos da imaxe]

      © William Daniels/Panos Pictures

  • 4. Falta de amor
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • 4. Falta de amor

      “A xente volverase [...] desamorada” (2 TIMOTEO 3:1-3).

      ● Chris traballa nun grupo de axuda a vítimas de violencia doméstica do norte do País de Gales. Ela di: “Recordo unha muller á que lle deron unha malleira tan grande que nin sequera puiden recoñecela dende a última vez que a vira. Outras mulleres están tan desfeitas emocionalmente que nin son capaces de levantar a mirada do chan”.

      QUE DEMOSTRAN OS FEITOS? Nun país de África, aproximadamente unha de cada tres mulleres sufriu abusos sexuais cando era nena. Unha enquisa levada a cabo nese mesmo país revelou que máis dun terzo dos homes pensaban que non estaba mal pegarlle á súa muller. Pero as mulleres non son as únicas vítimas da violencia doméstica. Por exemplo, no Canadá case tres de cada dez homes foron golpeados ou sufriron algún outro tipo de abuso por parte das súas parellas.

      OBXECCIÓN. Sempre houbo violencia doméstica, o que pasa é que agora se lle dá máis atención ca antes.

      É VÁLIDA ESTA OBXECCIÓN? É certo que en décadas recentes se lle deu máis atención á violencia doméstica, pero, conseguiu isto reducir o número de casos? Non, a falta de amor é cada vez máis común.

      TI QUE PENSAS? Estase a cumprir o que di 2 Timoteo 3:1-3? Pensas que hai moitas persoas que non senten polos seus o amor que deberían sentir?

      A quinta profecía que se está a cumprir ten que ver co noso fogar, a Terra. Mira o que di a Biblia sobre este tema.

      [Frase destacada]

      “A violencia doméstica é un dos crimes máis comúns e menos denunciados da sociedade actual. Como media, unha muller sofre 35 agresións por parte da súa parella antes de acudir á policía” (PORTAVOZ DA LIÑA DE AXUDA CONTRA O MALTRATO DOMÉSTICO DE GALES).

  • 5. Destrución do planeta
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • 5. Destrución do planeta

      “[Deus vai] esnaquiza-los que destrúen o mundo” (APOCALIPSE 11:18).

      ● Pirri vende viño de palma en Kpor (Nixeria). Pero perdeu o seu medio de vida porque unha enorme vertedura de petróleo estragou as palmeiras do delta do río Níxer. El di: “Mata os nosos peixes, dana a nosa pel e arruína os nosos ríos”. E engade: “Non teño outra forma de gañarme a vida”.

      QUE DEMOSTRAN OS FEITOS? Segundo os expertos, cada ano 6,5 millóns de toneladas de lixo acaban nos océanos. Calcúlase que a metade deses residuos son plásticos que andarán á deriva durante centos de anos antes de se degradar. Os humanos non só están contaminando a Terra, senón que tamén están a acabar cos seus recursos naturais a unha velocidade alarmante. Os estudos demostran que a Terra necesita un ano e cinco meses para rexenerar o que os humanos consumen nun ano. O xornal australiano Sydney Morning Herald di: “Se a poboación e o consumo segue aumentando a este ritmo, para o ano 2035 necesitaremos o equivalente a dúas Terras”.

      OBXECCIÓN. Os seres humanos temos a capacidade de reverter estes problemas e salvar o planeta.

      É VÁLIDA ESTA OBXECCIÓN? Moitas persoas e grupos ecoloxistas fan grandes esforzos para concienciar a sociedade sobre os problemas medioambientais. Con todo, séguese a contaminar a Terra a grande escala.

      TI QUE PENSAS? Fai falta que Deus interveña e salve o noso planeta, tal como prometeu, para que non se destrúa?

      Ademais das cinco profecías que xa vimos, a Biblia tamén profetizou que pasarían cousas positivas durante os días derradeiros. Podes ver un exemplo na sexta profecía.

      [Frase destacada]

      “Sinto que pasei de ter un cachiño de paraíso a ter un vertedoiro de residuos tóxicos” (ERIN TAMBER, RESIDENTE DA COSTA SUR DOS ESTADOS UNIDOS SOBRE OS EFECTOS DA VERTEDURA DE PETROLEO DE 2010 NO GOLFO DE MÉXICO).

      [Recadro]

      Ten Deus a culpa?

      A Biblia profetizou as cousas malas que estamos a ver hoxe. Pero, significa iso que Deus ten a culpa? É el quen nos fai sufrir? Podes atopar respostas satisfactorias a estas preguntas no capítulo 11 do libro Que ensina realmente a Biblia?, publicado polas Testemuñas de Xehová.

      [Créditos da imaxe]

      U.S. Coast Guard photo

  • 6. Predicación mundial
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • 6. Predicación mundial

      “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes” (MATEO 24:14).

      ● Vaiatea vive nunha illa remota do Pacífico, no arquipélago Tuamotu. Inda que Tuamotu está formado por case 80 atois espallados por unha área de 802.900 quilómetros cadrados, ten unha poboación de só uns 16.000 habitantes. Pero as testemuñas de Xehová visitaron a Vaiatea e os seus veciños. Por que? Porque queren predicarlles as boas novas do Reino de Deus a tódalas persoas, sen importar onde vivan.

      QUE DEMOSTRAN OS FEITOS? A mensaxe do Reino está chegando a tódolos recunchos do planeta. Só en 2010 as testemuñas de Xehová dedicaron máis de mil seiscentos millóns de horas a proclamar estas boas noticias en 236 países. Isto significa que, como media, cada testemuña de Xehová predicou trinta minutos ó día. Na última década produciron e distribuíron máis de vinte mil millóns de publicacións baseadas na Biblia.

      OBXECCIÓN. A mensaxe da Biblia lévase predicando miles de anos.

      É VÁLIDA ESTA OBXECCIÓN? É certo que moitas persoas predicaron algo sobre a mensaxe da Biblia, pero a maioría fixérono só durante pouco tempo e a unha escala limitada. Pola contra, as Testemuñas de Xehová levan a cabo unha campaña de predicación organizada a nivel mundial que chega a centos de millóns de persoas. E seguiron predicando a pesar da dura oposición que recibiron por parte dalgunhas das organizacións máis poderosas e crueis da historia (Marcos 13:13).a E inda por riba, non cobran por predicar. Dedican o seu tempo de maneira voluntaria e ofrecen as súas publicacións de xeito gratuíto. A súa obra sufrágase só con doazóns voluntarias.

      TI QUE PENSAS? Estase a predicar a “Boa Nova do Reino” por todo o mundo? Podería significar o cumprimento desta profecía que nos agarda algo mellor?

      [Nota]

      a Para máis información podes ver os documentais “Fieles ante las pruebas”, “Los triángulos púrpuras” e “Los Testigos de Jehová se mantienen firmes ante el ataque nazi”, distribuídos polas Testemuñas de Xehová.

      [Frase destacada]

      “Mentres Xehová o permita, seguiremos a predicar as boas noticias do Reino con entusiasmo, utilizando tódolos medios que temos ó noso alcance para chegar ás persoas” (ANUARIO DAS TESTEMUÑAS DE XEHOVÁ 2010).

  • Agárdannos tempos mellores!
    A Atalaia (2011) | 1 maio
    • Agárdannos tempos mellores!

      “Un pouco aínda: xa os impíos non existen [...]; os humildes, en cambio, herdan a terra e gozan de paz perfecta” (SALMO 37:10, 11).

      GUSTARÍACHE ver como se cumpre a profecía citada enriba? Seguro que si. Pois temos boas razóns para crer que isto axiña se vai cumprir.

      Os artigos anteriores falaban só dalgunhas profecías da Biblia que indican claramente que vivimos nos “días derradeiros” (2 Timoteo 3:1-5). Deus inspirou os escritores da Biblia para que profetizasen estes sucesos e así nós poidamos ter esperanza (Romanos 15:4). O cumprimento destas profecías significa que os problemas que agora sufrimos acabarán dentro de pouco.

      E que virá despois? O Reino de Deus gobernará toda a humanidade (Mateo 6:9). Mira a descrición que fai a Biblia de como será a vida na Terra cando iso pase:

      ● Non haberá fame. “Abundará o trigo nos campos, nos montes ondularán coma no Líbano os froitos” (Salmo 72:16).

      ● Non haberá enfermidades. “Quen alí reside non dirá: ‘Estou impedido’” (Isaías 33:24).

      ● Rexenerarase a Terra. “¡Que se alegren o deserto e maila terra reseca, que brinque de ledicia a estepa e que floreza!” (Isaías 35:1).

      Estas son só algunhas das animadoras profecías que conten a Biblia e que pronto se cumprirán. Por que non lle pides a unha testemuña de Xehová que che explique por que está tan convencida de que nos agardan tempo mellores?

Publicacións en galego (1993-2025)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir