ARTIGO DE ESTUDO 24
Podes alcanzar as túas metas espirituais
“Non cansemos de face-lo ben, que, coma esmorecer non esmorezamos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita” (GÁL. 6:9).
CANCIÓN snnw 150 Damos o mellor de nós
AVANCEa
1. Que se nos fai difícil a moitos de nós?
ALGUNHA vez se che fixo difícil alcanzar unha meta espiritual?b Se é así, non es o único. Por exemplo, Philip quería orarlle máis a Xehová e mellorar a calidade das súas oracións, pero non conseguía sacar tempo para facelo. Erika tiña a meta de chegar a tempo ás reunións para predicar, pero case sempre seguía chegando tarde. Tomáš intentou ler a Biblia enteira varias veces. El conta: “Simplemente non me gustaba ler a Biblia. Intenteino tres veces, pero só cheguei ata Levítico”.
2. Por que non deberiamos desanimarnos se temos unha meta que aínda non alcanzamos?
2 Se xa tes unha meta que aínda non alcanzaches, non te desanimes. Normalmente fai falta tempo e esforzo, incluso se é unha meta pequena. O feito de que sigas intentando alcanzala demostra que a túa relación con Xehová é moi valiosa para ti, e que queres darlle o mellor. El valora moito os teus esforzos e nunca espera que lle deas máis do que lle podes dar (Sal. 103:14; Miq. 6:8, TNM). Así que deberías ter en conta as túas circunstancias e poñerte un obxectivo razoable. Que che pode axudar a alcanzalo? Imos ver algúns consellos.
A MOTIVACIÓN É FUNDAMENTAL
Pídelle a Xehová que che dea máis motivación (ver os parágrafos 3 e 4).
3. Por que é importante estar motivado?
3 A motivación é fundamental para alcanzar metas espirituais. Se unha persoa está motivada, vaise esforzar por conseguir o seu obxectivo. Poderiamos comparalo ó vento que empuxa un veleiro cara ó seu destino. Se o vento segue soprando, é probable que o mariñeiro chegue ata onde quere ir. E se o vento sopra forte, poida que incluso chegue antes. O mesmo pasa coa motivación. Canto máis motivados esteamos, máis probable será que consigamos os nosos obxectivos. David, un irmán do Salvador, di: “Cando estás motivado, esfórzaste máis”. E engade: “Intentas que nada che impida alcanzar a túa meta”. Entón, que podes facer para estar máis motivado?
4. Que lle podemos pedir a Xehová? (Filipenses 2:13) (Ver tamén a imaxe).
4 Pídelle a Xehová que che axude a estar máis motivado. Xehová pode usar o seu espírito santo para motivarte a alcanzar a túa meta (le Filipenses 2:13). Ás veces, poñémonos unha meta porque sabemos que deberiamos facelo, e iso é algo bo. Pero poida que en realidade non teñamos moitas ganas de conseguir o que nos propoñemos. Iso foi o que lle pasou a Norina, unha irmá de Uganda. Ela púxose o obxectivo de dirixir un curso da Biblia, pero non estaba moi motivada porque pensaba que non era unha boa mestra. Que lle axudou? Ela conta: “Empecei a pedirlle a Xehová cada día que me axudase a ter máis ganas de dirixir un curso da Biblia. Ó mesmo tempo, esforceime por mellorar as miñas habilidades para ensinar. Despois duns poucos meses, notei que xa tiña máis ganas. Ese mesmo ano empecei dous cursos da Biblia”.
5. En que podemos reflexionar para aumentar a nosa motivación?
5 Párate a pensar no que Xehová fixo por ti (Sal. 143:5). O apóstolo Paulo dedicaba tempo a pensar en toda a bondade que Xehová lle demostrara sen que el o merecese, e iso motivábao a esforzarse por servilo (1 Cor. 15:9, 10; 1 Tim. 1:12-14). De maneira parecida, canto máis reflexiones no que Xehová fixo por ti, máis ganas terás de alcanzar a túa meta (Sal. 116:12). Fíxate no que lle axudou a unha irmá de Honduras a alcanzar a meta de ser pioneira regular. Ela di: “Pareime a pensar en canto me quere Xehová. El axudoume a encontrar o seu pobo, coidoume e protexeume. Reflexionar en todo iso aumentou o meu amor por el e motivoume a alcanzar a miña meta”.
6. Que máis nos pode axudar a aumentar a nosa motivación?
6 Céntrate nos beneficios de alcanzar a túa meta. Fíxate no que lle axudou a Erika, da que xa falamos antes, a ser máis puntual. Ela di: “Deime conta de todo o que me estaba perdendo por chegar tarde ás reunións para predicar. Se chegase máis cedo, podería saudar os irmáns e pasar tempo con eles. Tamén podería escoitar bos consellos para desfrutar máis de predicar e mellorar as miñas habilidades”. Erika centrouse nos beneficios de ser puntual, e conseguiu o que se propuxo. En que beneficios te poderías centrar ti? Por exemplo, se a túa meta ten que ver coas túas oracións ou con ler a Biblia, pensa en canto vai fortalecer iso a túa amizade con Xehová (Sal. 145:18, 19). Se o que intentas é cultivar algunha calidade, céntrate en canto che vai axudar iso a levarte aínda mellor cos demais (Col. 3:14). Por que non fas unha lista con tódalas razóns polas que queres conseguir ese obxectivo? Despois, repásaa con frecuencia. Tomáš, do que tamén falamos antes, di: “Cantas máis razóns teño para alcanzar unha meta, menos probable é que me dea por vencido”.
7. Que lles axudou a Julio e á súa muller a alcanzar a súa meta?
7 Pasa tempo con persoas que te animen a alcanzar a túa meta (Pr. 13:20). Fíxate no que lles axudou a Julio e á súa muller a alcanzar a súa meta de mudarse a un lugar onde se necesitaba axuda para predicar. El conta: “Escollemos amigos que nos animaban a conseguilo, e falabamos da nosa meta con eles. Moitos xa conseguiran obxectivos parecidos, así que puideron darnos bos consellos. Os nosos amigos tamén nos ían preguntando como levabamos os nosos plans, e animábannos cando o necesitabamos”.
QUE PODES FACER SE CHE FALTA MOTIVACIÓN
Esfórzate por alcanzar a túa meta (ver o parágrafo 8).
8. Que podería pasar se só nos esforzamos por alcanzar a nosa meta cando nos sentimos motivados? (Ver tamén a imaxe).
8 Sendo realistas, todos temos días nos que non nos sentimos moi motivados. Quere dicir iso que non podemos avanzar na nosa meta? Non. Ímolo explicar cun exemplo. Cando o vento é forte, pode empuxar un veleiro cara ó seu destino. Pero o vento non sempre sopra coa mesma forza. De feito, ás veces non hai vento ningún. Quere dicir iso que o barco non pode avanzar cando iso pasa? Non. Por exemplo, algúns destes barcos teñen motor, e outros levan remos. O mariñeiro pode usalos para seguir avanzando. De maneira parecida, a nosa motivación pode compararse ó vento. Por que? Porque non sempre imos estar igual de motivados. Algúns días, incluso poida que non teñamos ningunha gana de avanzar na nosa meta. Pero se só nos esforzamos cando estamos motivados, é posible que nunca consigamos o noso obxectivo. Por iso, igual que o mariñeiro, temos que buscar formas de seguir avanzando cando non nos sintamos motivados. Claro, para facer isto necesitamos autocontrol, pero os resultados merecen a pena. Agora imos analizar o que podemos facer para conseguilo. Pero primeiro imos falar dunha pregunta que quizais se fagan algúns.
9. Está mal que nos esforcemos por alcanzar unha meta cando non nos apetece? Explica a túa resposta.
9 Xehová quere que o sirvamos de boa gana e con alegría (Sal. 100:2; 2 Cor. 9:7). Entón, que podemos facer se non nos apetece esforzarnos por alcanzar unha meta? Fíxate no exemplo do apóstolo Paulo. El escribiu: “Castigo duramente o meu corpo e trátoo coma un escravo” (1 Cor. 9:25-27). Paulo obrigábase a facer o que estaba ben, incluso cando non lle apetecía. Estaba de acordo Xehová con iso? Por suposto! De feito, recompensouno polos seus esforzos (2 Tim. 4:7, 8).
10. Cales son os beneficios de esforzarnos por alcanzar unha meta cando nos falta motivación?
10 De maneira parecida, a Xehová gústalle ver que nos esforzamos por alcanzar a nosa meta, incluso cando non nos sentimos motivados. Por que? Porque aínda que non sempre nos encante esa actividade, Xehová sabe que o facemos porque o queremos a el. Podemos estar seguros de que tamén recompensará os nosos esforzos, igual que fixo co apóstolo Paulo (Sal. 126:5). E poida que ó ver como o fai, empecemos a sentir esa motivación que nos faltaba. Lucyna, unha irmá de Polonia, explica: “Ás veces, non quero ir predicar, sobre todo cando estou cansada. Pero a felicidade que sinto cada vez que vou é un regalo impresionante”. Así que agora imos ver o que podemos facer se nos falta motivación.
11. Como nos pode axudar Xehová a ter máis autocontrol?
11 Pídelle a Xehová que che dea autocontrol. O autocontrol é a capacidade dunha persoa para controlar os seus propios sentimentos e accións. Moitas veces transmite a idea de controlarse para non facer algo que está mal. Pero tamén se necesita para facer o que está ben, sobre todo se se trata dunha tarefa difícil ou se non nos apetece facela. Ademais, recorda que esta calidade forma parte do froito do espírito santo. Así que pídelle a Xehová que che dea o seu espírito para axudarche a cultivar esta calidade tan importante (Lc. 11:13; Gál. 5:22, 23, TNM). David, o irmán do que xa falamos antes, quería coller o costume de facer o seu estudo persoal de maneira máis regular. El explica como lle axudou a oración: “Pedíalle a Xehová que me axudase a ter máis autocontrol. Coa súa axuda, puiden empezar a ter un bo programa de estudo persoal e a ser constante”.
12. Que relación hai entre o principio bíblico de Eclesiastés 11:4 e as metas espirituais?
12 Non esperes a ter as circunstancias perfectas. Neste mundo, é posible que nunca teñamos as circunstancias ideais. Se esperamos a telas, poida que nunca alcancemos a nosa meta (le Eclesiastés 11:4). Un irmán chamado Dayniel di: “Non existen as circunstancias perfectas. Así que non hai que esperar a que veñan, simplemente hai que poñerse mans á obra”. Paul, un irmán de Uganda, menciona outra razón pola que non deberiamos deixalo para máis adiante: “Cando nos poñemos a traballar a pesar de que a situación non sexa a ideal, dámoslle a Xehová algo que bendicir” (Mal. 3:10).
13. Por que podería ser bo empezar con metas pequenas?
13 Empeza con metas pequenas. Poida que nos falte a motivación porque a nosa meta parece moi difícil de alcanzar. Se che pasa iso, quizais poidas dividila noutras máis pequenas. Por exemplo, se queres mellorar nalgunha calidade, por que non empezas por demostrala pouquiño a pouco? Ou se o teu obxectivo é ler toda a Biblia, por que non empezas facendo un horario con pequenos ratiños para lela? A Tomáš, do que falamos antes, facíaselle difícil alcanzar a meta de ler a Biblia nun ano. El di: “Deime conta de que escollera un ritmo demasiado rápido para min. Así que decidín volver a intentalo, pero esta vez ía ler só uns poucos versículos cada día, e meditar neles. Grazas a iso, empecei a desfrutar de facelo”. Cando Tomáš notou que lle gustaba ler a Biblia, empezou a dedicarlle máis tempo. Ó final, conseguiu lela enteira.c
NON TE DESANIMES SE HAI COMPLICACIÓNS
14. Que complicacións poderiamos ter?
14 Por desgraza, aínda que teñamos a motivación e o autocontrol necesario, ás veces hai complicacións. Por exemplo, pode que “algún suceso imprevisto” nos quite o tempo que necesitamos para dedicarlle á nosa meta (Ecl. 9:11, TNM). Ou ó mellor pasamos por algunha dificultade que nos desanima e nos deixa sen forzas (Pr. 24:10, TNM). Tamén pode ser que a nosa imperfección nos leve a cometer erros que fagan que a nosa meta sexa máis difícil de alcanzar (Rm. 7:23). Ou quizais só esteamos cansados (Mt. 26:43). Que nos pode axudar a superar as complicacións ou unha mala racha?
15. Dirías que ter unha complicación é o mesmo que fracasar? Explica a túa resposta (Salmo 145:14).
15 Recorda que unha complicación non é un fracaso. A Biblia di que é probable que pasemos por problemas unha e outra vez. Pero tamén deixa claro que podemos seguir intentando alcanzar a nosa meta, sobre todo porque temos a axuda de Xehová (le Salmo 145:14). Philip, o irmán do que falamos antes, di: “Non me centro nas veces que caín, senón nas veces que me volvín a poñer de pé”. David, de quen tamén falamos antes, comenta: “En vez de ver as complicacións ou as malas rachas como obstáculos, intento velas como oportunidades para demostrarlle a Xehová canto lle quero”. Se segues intentando alcanzar a túa meta a pesar das complicacións, demostraraslle a Xehová que queres agradarlle. Imaxina o feliz que o farás cando vexa que te segues esforzando por conseguir o teu obxectivo!
16. Que podes aprender se algo che impide alcanzar a túa meta?
16 Aproveita as complicacións para aprender. Pensa nas razóns polas que houbo esa complicación e pregúntate: “Podo facer algo para que isto non me volva a pasar?” (Pr. 27:12). Se notas que se che está facendo moi difícil alcanzar unha meta, podería ser porque o obxectivo que te marcaches non é realista. Se cres que che pasa iso, párate a pensar outra vez na meta que escolliches para ver se aínda é realista para ti.d Pero recorda que, se non podes conseguir unha meta que non estaba ó teu alcance, Xehová non vai pensar que fracasaches (2 Cor. 8:12).
17. Por que deberiamos pararnos a pensar no que xa conseguimos?
17 Párate a pensar no que xa conseguiches. A Biblia di que “Deus non é inxusto como para que lle esqueza o voso traballo” (Heb. 6:10). Así que tampouco o esquezas ti. Reflexiona no que xa conseguiches, como por exemplo, facerte amigo de Xehová, falarlles del a outros ou bautizarte. Igual que ata agora fuches progresando e alcanzando outras metas espirituais, podes seguir avanzando para conseguir o teu obxectivo actual (Flp. 3:16).
Desfruta da viaxe (ver o parágrafo 18).
18. Que deberiamos recordar mentres seguimos esforzándonos por alcanzar a nosa meta? (Ver tamén a imaxe).
18 Coa axuda de Xehová podes alcanzar a túa meta, igual que o mariñeiro que chega ó seu destino. Pero recorda que moitos mariñeiros tamén desfrutan da viaxe. De maneira parecida, mentres segues esforzándote por alcanzar a túa meta, acórdate de desfrutar ó ver como Xehová che vai axudando e te vai recompensando (2 Cor. 4:7). Se non te rendes, poderás recibir recompensas aínda máis grandes (Gál. 6:9).
CANCIÓN sn 43 Vixiade, sede fortes!
a Moitas veces, anímasenos a poñernos metas espirituais. Pero non sempre é fácil mellorar para alcanzalas. Que podemos facer para conseguilo? Neste artigo veremos varios consellos que nos axudarán a alcanzar as nosas metas.
b IDEA IMPORTANTE: Unha meta espiritual pode incluír calquera cousa que te esteas esforzando por conseguir ou por mellorar para poder servir máis a Xehová e para facelo feliz. Por exemplo, pode ser que te poñas a meta de cultivar algunha calidade que deben ter os cristiáns ou de mellorar nalgunha das cousas que fas para adorar a Deus, como ler a Biblia, o estudo persoal ou a predicación.
c Mira o libro Benefíciese de la Escuela del Ministerio Teocrático, páxina 10 parágrafo 4 (dispoñible en español).
d Para máis información, mira o artigo “Las expectativas realistas contribuyen a nuestra felicidad”, na revista La Atalaya do 15 de xullo de 2008 (dispoñible en español).