De esquerda a dereita: Marcelo, Yomara e Hiver. Cada un ten nas mans un volume en español da Traducción del Nuevo Mundo en braille.
Viron o amor que lles demostrou a congregación
YOMARA e os seus irmáns, Marcelo e Hiver, viven nunha pequena aldea de Guatemala. Yomara empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová e, co tempo, tamén o fixeron os seus irmáns. Pero había un problema: os tres eran cegos e non sabían ler braille. Así que o irmán que lles daba o curso tiña que lerlles os parágrafos e os versículos da Biblia de cada lección.
Outro reto ó que se enfrontaron foi asistir ás reunións de congregación. Non podían ir eles sós porque o Salón do Reino máis próximo estaba a 40 minutos. Que fixeron os irmáns da congregación? Organizaron todo para levalos a tódalas reunións. Ademais, cando empezaron a ter asignacións na reunión de entre semana, axudáronlles a memorizalas.
En maio de 2019, empezaron a facerse reunións na súa aldea. Daquela, unha parella de pioneiros regulares xa se mudara alí e, aínda que non sabían braille, puxéronse a meta de ensinarlles a estes tres irmáns a ler e a escribir en braille. Foron a unha biblioteca para buscar información acerca do braille e de como axudarlles a outros a aprendelo.
Marcelo comentando nunha reunión de congregación.
En poucos meses, estes tres irmáns chegaron a ler braille con facilidade, e isto permitiulles progresar máis espiritualmente.a Agora son pioneiros regulares e Marcelo é servo ministerial. Os tres están moi ocupados servindo a Xehová durante toda a semana, e o seu entusiasmo contaxia os demais.
Ademais, agradecen moito o apoio tan amoroso que lles deu a congregación. Yomara di: “Dende a primeira vez que as coñecín, as Testemuñas mostráronnos o que é o amor cristián de verdade”. E Marcelo engade: “Temos amigos marabillosos na nosa congregación, e formamos parte dunha irmandade internacional unida polo amor”. Yomara e os seus irmáns están desexando que chegue o día no que poidan ver como a Terra se converte nun paraíso (Sal. 37:10, 11; Is. 35:5).
a O folleto titulado Aprenda a leer braille (dispoñible en español) está deseñado para axudarlles ás persoas cegas ou con discapacidade visual a aprender a ler e a escribir en braille.