BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • bt cap. 7 páxs. 52-59
  • “Faloulle das boas noticias acerca de Xesús”

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • “Faloulle das boas noticias acerca de Xesús”
  • Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • “Os discípulos que se dispersaran” (Feitos 8:4-8)
  • “Dádeme este poder tamén a min” (Feitos 8:9-25)
  • “De verdade entendes o que estás lendo?” (Feitos 8:26-40)
  • Sabíalo?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Naturalidade
    O amor motívanos a facer discípulos
  • “Que se faga a vontade de Xehová”
    Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
Deamos “un testemuño completo do Reino de Deus”
bt cap. 7 páxs. 52-59

CAPÍTULO 7

“Faloulle das boas noticias acerca de Xesús”

Felipe, un evanxelizador exemplar.

Baseado en Feitos 8:4-40

1, 2. Que efecto tiveron os intentos de silenciar as boas noticias no primeiro século?

A CONGREGACIÓN está sufrindo unha onda de violenta persecución e Saulo empeza a perseguir os cristiáns “con moita crueldade” (Feit. 8:3). Como os discípulos escapan de Xerusalén, algúns poderían pensar que Saulo está conseguindo o seu obxectivo. Pero sucede algo completamente inesperado como consecuencia da dispersión dos cristiáns. Que é?

2 Os cristiáns dispersados anuncian “as boas noticias da palabra de Deus” en tódalas rexións ás que fuxiron (Feit. 8:4). É impresionante, non cres? A persecución non só non consegue deter a predicación, senón que incluso axuda a difundir a mensaxe aínda máis. Ó obrigar os discípulos a escapar, os perseguidores, sen darse conta, están facendo que a predicación chegue ata lugares moi distantes. Como veremos, na actualidade pasa algo parecido.

“Os discípulos que se dispersaran” (Feitos 8:4-8)

3. a) Quen era Felipe? b) Por que a maioría das persoas de Samaria aínda non escoitaran as boas noticias, pero que dixo Xesús que pasaría alí?

3 Un dos “discípulos que se dispersaran” foi Felipe (Feit. 8:4; mira o recadro “Felipe o evanxelizador”).a El foi a Samaria, unha cidade na que a maioría das persoas aínda non escoitara as boas noticias. En certa ocasión, Xesús dixéralles ós seus apóstolos: “Non entredes en ningunha cidade de Samaria. Máis ben, buscade unha e outra vez as ovellas perdidas da nación de Israel” (Mat. 10:5, 6). Pero Xesús sabía que, co tempo, alí tamén se ían predicar as boas noticias porque xusto antes de ascender ó ceo dixo: “Seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra” (Feit. 1:8).

4. Como responderon os samaritanos á predicación de Felipe, e por que é probable que respondesen así?

4 Felipe deuse conta de que Samaria estaba preparada “para a seitura” (Xoán 4:35). A súa mensaxe era coma aire fresco para os que vivían alí. Por que? Os xudeus non tiñan trato cos samaritanos e algúns incluso os desprezaban. Pero os samaritanos crían que a mensaxe das boas noticias tiña que chegar a tódalas persoas sen importar a súa orixe ou clase social. A diferenza dos fariseos, Felipe non tiña prexuízos e predicáballes con entusiasmo. Por iso, non nos sorprende que moitos samaritanos escoitasen con atención o que lles dicía (Feit. 8:6).

5-7. Pon algún exemplo de como a persecución contribuíu a que as boas noticias chegasen a máis lugares.

5 No noso tempo, igual que no primeiro século, a persecución non impediu que o pobo de Deus seguise predicando. Unha e outra vez, os cristiáns tiveron que mudarse a outros lugares ou foron detidos e levados ó cárcere. Pero o único que conseguiu isto foi que máis persoas chegasen a escoitar as boas noticias. Por exemplo, durante a II Guerra Mundial as testemuñas de Xehová puideron dar un testemuño impresionante dentro dos campos de concentración nazis. Un xudeu que pasou tempo con eles nun destes campos di: “O valor que demostraron os prisioneiros que eran testemuñas de Xehová convenceume de que a súa fe estaba baseada nas Escrituras e, co tempo, eu tamén me fixen Testemuña”.

6 Nalgúns casos, incluso os perseguidores recibiron un bo testemuño e aceptaron a verdade. Por exemplo, cando un irmán chamado Franz Desch foi trasladado ó campo de concentración de Gusen, en Austria, puido estudar a Biblia cun oficial das SS. Imaxina a alegría que levaron cando, anos máis tarde, os dous homes coincidiron nun congreso das testemuñas de Xehová e os dous eran publicadores das boas noticias.

7 Algo parecido pasou cando a persecución obrigou a algúns cristiáns a escapar dun país a outro. Por exemplo, na década dos setenta deuse un testemuño moi grande en Mozambique cando testemuñas de Malaui tiveron que escapar do seu país. E, aínda que máis tarde tamén houbo oposición en Mozambique, os irmáns seguiron predicando. Un irmán chamado Francisco Coana di: “É certo que algúns de nós fomos arrestados moitas veces por predicar pero, ó ver que moitas persoas estaban aceptando a mensaxe do Reino, dabámonos conta de que Deus nos estaba axudando igual que axudou ós cristiáns do primeiro século”.

8. Que impacto tiveron os cambios políticos e económicos na predicación?

8 Evidentemente, a persecución non é o único motivo polo que as boas noticias están chegando a tantos países. Nas últimas décadas, os cambios políticos e económicos permitiron que a mensaxe do Reino chegase a persoas de diferentes idiomas e nacionalidades. Moitas persoas que vivían en zonas afectadas pola guerra ou por crises económicas moi graves tiveron que fuxir a outros lugares onde escoitaron as boas noticias e empezaron a estudar a Biblia. Moitos destes refuxiados falaban outra lingua e por iso foi necesario predicarlles no seu idioma. Estaste esforzando ti por predicarlles a persoas “de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas” na túa zona? (Apoc. 7:9).

“Dádeme este poder tamén a min” (Feitos 8:9-25)

Simón, que antes fora mago, acércase a un apóstolo cunha bolsiña chea de cartos. O apóstolo estalle impoñendo as mans a un cristián. No fondo vese outro cristián que está curando unha nena coxa diante de moitas persoas.

“Ó ver que as persoas recibían espírito santo cando os apóstolos lles impoñían as mans, Simón ofreceulles cartos ós apóstolos.” (Feitos 8:18)

9. Quen era Simón, e por que o impresionaron tanto os milagres de Felipe?

9 Felipe fixo moitos milagres en Samaria. Por exemplo, curou persoas con discapacidade e incluso expulsou demos (Feit. 8:6-8). Aqueles milagres impresionaron moito a un mago chamado Simón. A xente de Samaria admiraba tanto a este mago que dicía del: “O gran poder de Deus está neste home”. Pero agora, Simón podía ver o verdadeiro poder de Deus nos milagres de Felipe. Grazas a iso, fíxose crente (Feit. 8:9-13). Pero, cal era a súa motivación para facerse cristián?

10. a) Que fixeron Pedro e Xoán en Samaria? b) Que fixo Simón cando viu que os novos discípulos recibían espírito santo por medio dos apóstolos?

10 Ó escoitar que moitas persoas se estaban facendo cristiás en Samaria, os apóstolos mandaron a Pedro e a Xoán (mira o recadro “Pedro usa ‘as chaves do Reino’”). Cando chegaron, os dous apóstolos impuxéronlles as mans ós novos discípulos e estes empezaron a recibir espírito santo.b Aquilo chamou moito a atención de Simón e díxolles ós apóstolos: “Dádeme este poder tamén a min para que calquera a quen eu lle impoña as mans reciba espírito santo”. Incluso lles ofreceu cartos para intentar comprar ese privilexio sagrado (Feit. 8:14-19).

11. Que advertencia lle deu Pedro a Simón, e como respondeu el?

11 Pedro respondeulle a Simón de maneira moi firme: “Que morran os teus cartos contigo!”. E despois engadiu: “Pensaches que podías comprar o regalo de Deus. Ti neste asunto non tes nada que dicir porque o teu corazón non é xusto ós ollos de Deus”. A continuación Pedro animou a Simón a arrepentirse e díxolle: “Suplícalle a Xehová que, se é posible, perdoe as malas intencións do teu corazón”. É probable que Simón non fose un mal home. El quería facer o que está ben pero naquel momento deixouse levar polos seus malos desexos. Por iso, pediulles ós apóstolos: “Suplicádelle a Xehová por min, para que non me pase nada do que dixestes” (Feit. 8:20-24).

12. Que é a simonía, e como afectou a cristiandade?

12 A reprimenda que lle deu Pedro a Simón sérvenos de advertencia ós cristiáns da actualidade. De feito, a palabra galega “simonía” ten a súa orixe neste incidente e refírese á compra ou venda de beneficios e cargos relixiosos. Esta foi unha práctica moi común ó longo de toda a historia da cristiandade apóstata. A novena edición da Encyclopædia Britannica (1878) di: “Un estudo da historia dos conclaves deixa o estudante convencido de que aínda non houbo ningunha elección dun papa que estivese libre de simonía. E, en moitos casos, fíxose da forma máis descarada, grave e vergonzosa”.

13. De que formas poden protexerse os cristiáns da simonía?

13 Os cristiáns teñen que estar alerta para non caer no pecado da simonía. Por exemplo, un cristián nunca debería facer regalos caros ou felicitar en exceso a aqueles irmáns que pensa que lle poden dar algún privilexio na congregación. Por outro lado, os que teñen algunha responsabilidade na congregación deben ter moito coidado de non mostrarlles favoritismo ós que teñen máis cartos. As dúas situacións están mal. En realidade, tódolos servos de Deus deberiamos comportarnos coma un dos máis pequenos, deixando que sexa o espírito de Xehová quen guíe os irmáns encargados de facer os nomeamentos (Luc. 9:48). Non hai sitio na organización de Deus para aqueles que andan a “procurar honores” (Prov. 25:27).

PEDRO USA “AS CHAVES DO REINO”

Xesús díxolle a Pedro: “Eu dareiche as chaves do Reino dos ceos” (Mat. 16:19). Que quixo dicir? Ó falar das “chaves”, Xesús deu a entender que Pedro lles abriría a diferentes grupos de persoas a posibilidade de aprender sobre as boas noticias e de gobernar con Xesús no ceo. Cando usou Pedro estas chaves?

  • Pedro usou a primeira chave no Pentecostés do ano 33, cando animou os xudeus e os prosélitos a arrepentirse e bautizarse. Como resultado, ese día unhas 3000 persoas chegaron a ter a esperanza de gobernar no Reino (Feit. 2:1-41).

  • A segunda chave usouna pouco tempo despois do asasinato de Esteban. Nesa ocasión Pedro e Xoán impuxéronlles as mans ós samaritanos que se acababan de bautizar. Foi nese momento cando aqueles novos discípulos recibiron o espírito santo (Feit. 8:14-17).

  • Pedro usou a terceira chave no ano 36, cando lles estendeu a esperanza de gobernar no ceo ós xentís incircuncisos. Isto pasou cando o apóstolo lle deu testemuño a Cornelio, o primeiro xentil incircunciso que se fixo cristián (Feit. 10:1-48).

“De verdade entendes o que estás lendo?” (Feitos 8:26-40)

14, 15. a) Quen era o eunuco etíope, e como deu con el Felipe? b) Como respondeu o etíope á mensaxe de Felipe, e por que non foi o seu bautismo un acto impulsivo? (Ver a nota).

14 Agora, un anxo de Xehová dille a Felipe que viaxe polo camiño que vai de Xerusalén a Gaza. Se Felipe se pregunta por que ten que ir alí, vaino descubrir en canto vexa un eunuco etíope que está “lendo en voz alta as palabras do profeta Isaías” (mira o recadro “En que sentido era eunuco?”). O espírito santo de Xehová impulsa a Felipe a acercarse ó carro no que viaxa este home. Mentres vai correndo ó seu lado, pregúntalle ó etíope: “De verdade entendes o que estás lendo?”. O etíope respondeulle: “E como o vou entender se ninguén me ensina?” (Feit. 8:26-31).

15 A continuación, o etíope invita a Felipe a subir no seu carro. Imaxina a interesante conversación que teñen agora. Como moitas outras persoas, o etíope non sabe quen é a “ovella” ou “Servo” do que fala a profecía de Isaías (Is. 53:1-12). Agora, mentres viaxan xuntos, Felipe explícalle que esta profecía se cumpriu en Xesucristo. Igual que os que se bautizaron no Pentecostés do ano 33, o etíope, que daquela xa era un prosélito xudeu, entende rapidamente o que ten que facer. Sen dubidalo, dille a Felipe: “Mira! Aquí hai auga. Que impide que me bautice?”. Así que Felipe bautiza o eunuco nese mesmo momento (mira o recadro “Bautizouse nun ‘sitio onde había auga’”).c Despois diso, o espírito de Xehová guía a Felipe a Asdod, onde continuaría predicando as boas noticias (Feit. 8:32-40).

EN QUE SENTIDO ERA EUNUCO?

O termo grego eunukos, que se traduce “eunuco”, pode referirse tanto a un home castrado, como a un funcionario de alto rango da corte dun rei. É probable que os funcionarios encargados de coidar das mulleres e as concubinas do rei estivesen castrados. Pero este non era un requisito para outros funcionarios, como por exemplo o copeiro do rei ou o tesoureiro. O etíope ó que bautizou Felipe era eunuco neste sentido, pois estaba a cargo do tesouro da raíña Candace.

O etíope tamén era prosélito, é dicir, un non xudeu que se fixera adorador de Xehová. De feito, no momento no que o atopou Felipe xusto viña de adorar a Xehová en Xerusalén (Feit. 8:27). Grazas a isto podemos concluír que o etíope non era eunuco en sentido literal, pois a Lei de Moisés prohibía que os homes castrados formasen parte da congregación de Israel (Deut. 23:2 [23:1, TNM]).

BAUTIZOUSE NUN “SITIO ONDE HABÍA AUGA”

Como se efectúa o bautismo cristián? Algúns pensan que chega con salpicar unha pouca auga na cabeza da persoa. Pero o certo é que o etíope foi bautizado nun “sitio onde había auga”. A Biblia di que “os dous [tanto Felipe coma o eunuco] metéronse na auga e Felipe bautizouno” (Feit. 8:36, 38). Se chegase con salpicar un pouquiño de auga non sería necesario que o eunuco parase o carro nun sitio onde había auga. Como o etíope estaba percorrendo “un camiño polo deserto”, seguro que levaba un recipiente de coiro con auga, e cunha pouca xa sería suficiente (Feit. 8:26).

De acordo co dicionario A Greek-English Lexicon, de Liddell e Scott, a palabra grega baptizo, da que deriva a galega “bautismo”, significa “somerxer, mergullar”. Outras referencias bíblicas que falan do bautismo concordan con esta definición. Xoán 3:23 di: “Estaba tamén Xoán bautizando en Ainón, preto de Salén, porque había alí moita auga”. Do mesmo xeito, o relato sobre o bautismo de Xesús di: “Mentres saía da auga, viu abrirse o ceo” (Mar. 1:9, 10). Polo tanto, os verdadeiros cristiáns bautízanse mergullándose por completo en auga.

16, 17. De que forma participan os anxos na predicación hoxe en día?

16 Os cristiáns da actualidade temos o privilexio de participar na mesma obra na que participou Felipe. Moitas veces, preséntase a oportunidade de falar da mensaxe do Reino de maneira informal, por exemplo, cando viaxamos. En moitos destes casos, atopámonos con persoas de bo corazón, o que nos fai pensar que non é por casualidade. De feito, é de esperar que sexa así pois a Biblia deixa claro que os anxos están dirixindo a obra de predicar para que a mensaxe chegue a persoas de “tódalas nacións, razas, linguas e pobos” (Apoc. 14:6). Isto está en harmonía co que profetizou Xesús. Na súa comparación sobre o trigo e a mala herba dixo que “a colleita é a parte final dun sistema e os traballadores son os anxos”. Tamén explicou que eses anxos “sacarán do Reino tódalas cousas que levan ó pecado e tamén as persoas que desobedecen a lei” (Mat. 13:37-41). Por outro lado, os anxos tamén reúnen as persoas que Xehová quere que cheguen a formar parte da súa organización: primeiro os que teñen esperanza de reinar no ceo e despois o “mundo de xente”, ou gran multitude, formado por “outras ovellas” (Apoc. 7:9; Xoán 6:44, 65; 10:16).

17 Unha proba disto é que algunhas das persoas ás que lles predicamos nos din que estiveron orándolle a Deus para pedirlle axuda. Este foi o caso de dúas publicadoras que estaban predicando cun neno pequeno. Cando querían deixar de predicar, o neno fixo algo que non era habitual nel: insistiu en predicar tamén na seguinte casa. De feito, incluso marchou el só e petou na porta. Cando unha rapaza abriu, as dúas testemuñas acercáronse a falar con ela. Para a súa sorpresa, a rapaza contoulles que xusto nese momento estaba orando para que alguén chamase á súa porta e lle axudase a entender a Biblia. Así que quedaron para empezar un curso bíblico con ela.

Unha parella predicando timbra na casa dunha muller que está orando no interior.

“Deus, se realmente existes, axúdame por favor.”

18. Por que nunca debemos deixar de valorar o honor de predicar?

18 Ó formar parte da congregación, ti tamén tes o privilexio de colaborar cos anxos na predicación, unha obra que está chegando a máis persoas que en ningún outro momento da historia. Por iso, nunca deixes de valorar este honor! Se segues predicando con entusiasmo serás moi feliz porque estarás falándolles ás persoas das “boas noticias acerca de Xesús” (Feit. 8:35).

“FELIPE O EVANXELIZADOR”

Cando os discípulos de Cristo escaparon por culpa da persecución, Felipe marchou a Samaria. Ó parecer, Felipe informaba o consello reitor do primeiro século de todo o que pasaba alí. Por iso, “cando os apóstolos que estaban en Xerusalén escoitaron que a xente de Samaria aceptara a palabra de Deus, enviáronlles a Pedro e a Xoán”. Como resultado, os samaritanos que se fixeron crentes empezaron a recibir espírito santo (Feit. 8:14-17).

Felipe sentado nun carro xunto co eunuco etíope.

Despois dos acontecementos rexistrados no capítulo 8 de Feitos, só se menciona a Felipe unha vez máis, uns vinte anos despois. Nesa ocasión, Paulo e os seus compañeiros de viaxe ían camiño de Xerusalén, ó final da súa terceira viaxe misional. Desembarcaron en Tolemaida. Lucas, que tamén ía nesa viaxe, recorda: “Saímos ó día seguinte e chegamos a Cesarea. Fomos á casa de Felipe o evanxelizador, que era un dos sete homes, e quedamos con el. Felipe tiña catro fillas solteiras que profetizaban” (Feit. 21:8, 9).

Parece ser que Felipe se instalou en Cesarea, onde fora predicar, e vivía alí coa súa familia. O feito de que Lucas lle chamase “o evanxelizador” é moi significativo. As Escrituras usan este termo para describir a aqueles que deixaron as súas casas para predicar en zonas onde a xente aínda non escoitara as boas noticias. Isto demostra que Felipe seguía sendo un predicador entusiasta. E o feito de que tivese catro fillas que profetizaban demostra que Felipe lle ensinara á súa familia a amar e servir a Xehová.

a Este non era o apóstolo Felipe, senón o Felipe do que se fala no capítulo 5 deste libro. Estaba entre os “sete homes de boa reputación” escollidos para organizar a distribución diaria de alimento entre as viúvas de fala grega e as viúvas de fala hebrea que había en Xerusalén (Feit. 6:1-6).

b É probable que naquela época os novos discípulos fosen unxidos e recibisen o espírito santo no momento do seu bautismo. Grazas a iso, podían ter a esperanza de ser reis e sacerdotes xunto con Xesús no ceo (2 Cor. 1:21, 22; Apoc. 5:9, 10; 20:6). Pero non foi así neste caso. Os discípulos de Samaria non recibiron o espírito santo e os dons que estaban asociados a el ata que Pedro e Xoán lles impuxeron as mans.

c Este non foi un acto impulsivo. O etíope xa era un prosélito xudeu e xa coñecía as Escrituras, o que incluía as profecías mesiánicas. Agora que aprendeu sobre o papel de Xesús no propósito de Deus, xa non tiña motivos para pospoñer o seu bautismo.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir