BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w22 xullo páxs. 26-30
  • Deixei que Xehová dirixise o meu camiño

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Deixei que Xehová dirixise o meu camiño
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2022
  • Subtítulos
  • DENDE BLACK COUNTRY Ó CORAZÓN CÁLIDO DE ÁFRICA
  • SERVIMOS EN MALAUI EN MOMENTOS MOI DIFÍCILES
  • UNHA NOVA ASIGNACIÓN: SERVIMOS EN MALAUI DENDE CIMBABUE
  • VOLVEMOS A MALAUI
  • XEHOVÁ FAINO MEDRAR
  • FELIZ COAS MIÑAS DECISIÓNS
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2022
w22 xullo páxs. 26-30

BIOGRAFÍA

Deixei que Xehová dirixise o meu camiño

RELATADO POR KEITH EATON

Keith Eaton cando era novo.

DE ADOLESCENTE, escollín o meu propio camiño na vida: unha carreira laboral que me gustaba moito. Pero Xehová invitoume a ir por un camiño diferente. Foi coma se me dixese: “Eu instruireite e ensinareiche o camiño que has de seguir” (Sal. 32:8). Deixar que Xehová dirixise o meu camiño levoume a unha vida chea de fermosas oportunidades e bendicións, incluídos os 52 anos que estiven servindo en África.

DENDE BLACK COUNTRY Ó CORAZÓN CÁLIDO DE ÁFRICA

Nacín en 1935 en Darlaston, en Black Country (literalmente “país negro”), unha rexión de Inglaterra chamada así porque o aire está cheo do fume negro que botan moitas fábricas. Cando tiña uns 4 anos, meus pais empezaron a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová. E cando tiña uns 14 ou 15 anos, cheguei a estar convencido de que esta era a verdade. Bauticeime ós 16, en 1952.

Por aquela época, empecei a recibir formación como aprendiz para ocupar un posto moi importante nunha fábrica grande que producía ferramentas e partes de vehículos a motor. Encantábame ese traballo.

Daquela asistía ás reunións de dúas congregacións. Entre semana, ía á congregación que estaba máis cerca do meu traballo, en Bromsgrove, a 32 km da miña casa. E a fin de semana, cando volvía á casa dos meus pais, ía á congregación en Willenhall. Pero entón tiven que tomar unha decisión importante. Un superintendente viaxante invitoume a dirixir o Estudo de Libro de Congregación na congregación á que ía na fin de semana.

Como quería apoiar a organización de Xehová, aceptei a invitación do superintendente viaxante, aínda que iso significou ter que renunciar ó traballo que tanto me gustaba. Deixar que Xehová dirixise o meu camiño nesa ocasión abriume a porta a unha vida da que nunca me arrepentín.

Na congregación de Bromsgrove coñecín a Anne, unha irmá moi guapa e espiritual. Casamos en 1957 e xuntos desfrutamos de marabillosas asignacións no servizo a Xehová, como ser pioneiros regulares e especiais, e servir na obra de viaxante e en Betel. Anne leva facéndome moi feliz toda a miña vida.

En 1966, fíxonos moi felices poder asistir á clase número 42 de Galaad. Asignáronnos a Malaui, un país coñecido como o corazón cálido de África debido á súa xente amable e acolledora. Pero non nos imaxinabamos que non iamos poder quedar alí por moito tempo.

SERVIMOS EN MALAUI EN MOMENTOS MOI DIFÍCILES

O Kaiser Jeep que usamos cando era superintendente viaxante en Malaui

Chegamos a Malaui o 1 de febreiro de 1967. Despois dun mes de curso intensivo do idioma, comezamos na obra de distrito. Conduciamos un Kaiser Jeep, un vehículo que algúns pensaban que podería ir por calquera sitio e incluso atravesar ríos. Pero non era certo. Só podiamos cruzar por onde a auga era pouco profunda. Ás veces aloxabámonos en chozas de palla e barro. Ademais, durante a época de choivas tiñamos que poñer unha lona impermeable debaixo do tellado. Vaia forma de empezar como misioneiros... pero encantábanos!

En abril, démonos conta de que pronto teriamos problemas no país. Certo día, escoitei un discurso do presidente de Malaui na radio, o doutor Hastings Banda. Nel dicía que as testemuñas de Xehová non pagaban impostos e que lle causaban problemas ó goberno. Por suposto, esas acusacións eran falsas. Todos sabiamos que o verdadeiro problema era a nosa neutralidade e, sobre todo, que nos negásemos a comprar a tarxeta de afiliación a un partido político.

En setembro, lemos no periódico que o presidente acusara os irmáns de causar problemas por todas partes. Ademais, anunciou nun congreso político que o seu goberno pronto prohibiría as testemuñas de Xehová. Esta prohibición entrou en vigor o 20 de outubro de 1967. Pouco despois, uns policías e uns oficiais de inmigración chegaron á sucursal para pechala e deportar os misioneiros a outro país.

Sendo arrestados e deportados de Malaui en 1967, xunto con Jack e Linda Johansson, outros misioneiros

Despois de pasar tres días en prisión, deportáronnos a Mauricio, un país controlado polo Reino Unido. Pero as autoridades de Mauricio non nos deixaron quedar como misioneiros. Así que nos asignaron a Rodesia (agora Cimbabue). Ó chegar alí, encontrámonos cun oficial de inmigración un pouco agresivo que se negou a deixarnos entrar. Dixo: “Prohibíronvos quedar en Malaui. Tampouco vos deixaron quedar en Mauricio. E agora estades aquí porque non tedes outro sitio onde ir”. Anne botouse a chorar. Parecía que ninguén nos quería. Nese momento, quixen marchar de alí e volver a Inglaterra. Ó final, as autoridades de inmigración deixaron que pasásemos a noite na sucursal coa condición de que fósemos ás súas instalacións ó día seguinte. Xa non podiamos máis, pero seguimos deixando as cousas nas mans de Xehová. Ó día seguinte pola tarde, recibimos un permiso que non esperabamos: podiamos quedar como visitantes en Cimbabue. Nunca esquecerei como me sentín ese día. Non tiña ningunha dúbida de que Xehová estaba dirixindo o noso camiño.

UNHA NOVA ASIGNACIÓN: SERVIMOS EN MALAUI DENDE CIMBABUE

Keith e Anne traballando xuntos nunha oficina.

Con Anne no Betel de Cimbabue en 1968

Asignáronme ó Departamento de Servizo da sucursal de Cimbabue para atender os países de Malaui e Mozambique. Os irmáns estaban afrontando moita persecución en Malaui. Parte do meu labor consistía en traducir os informes que enviaban os superintendentes de circuíto de Malaui. Un día que estaba traballando ata tarde para terminar un informe, boteime a chorar ó ler os abusos tan violentos que sufrían os irmáns.a Pero aínda así, animábame moito ver a súa lealdade, a súa fe e o seu aguante (2 Cor. 6:4, 5).

Fixemos todo o posible por facerlles chegar alimento espiritual ós irmáns que quedaran en Malaui e ós que fuxiran a Mozambique para escapar da violencia. O equipo de tradución ó chewa, o idioma máis habitual en Malaui, trasladouse a unha granxa grande que tiña un irmán en Cimbabue. Con moito cariño, este irmán construíu unhas casas e unha oficina para eles. Así puideron seguir co seu importante labor de traducir publicacións baseadas na Biblia.

Tamén fixemos plans para que os superintendentes de circuíto de Malaui puidesen asistir cada ano ó congreso de distrito en Cimbabue, e alí recibían os bosquexos do congreso. Deste xeito, cando volvían a Malaui, compartían a información cos irmáns o mellor que podían. Un ano, cando estes valentes superintendentes foron a Cimbabue, conseguimos organizar o Curso do Ministerio do Reino e así poder animalos.

Dando un discurso en chewa nun congreso de fala chewa e shona en Cimbabue

En febreiro de 1975, visitei as testemuñas de Xehová de Malaui que escaparan ós campos de refuxiados en Mozambique. Estes irmáns estaban ó día coas últimas instrucións da organización de Xehová, incluída a de ter un corpo de anciáns. Os novos anciáns encargáranse de que houbese moitas actividades espirituais, coma dar discursos públicos, analizar o texto do día e A Atalaia, e incluso celebrar congresos. Ademais, organizaran os campos de refuxiados coma se fose un congreso, con departamentos de limpeza, reparto de comida e seguridade. Estes fieis irmáns conseguiran moitas cousas coa bendición de Xehová. Non podo describir canto me animou visitalos.

A finais da década dos 70, a sucursal de Zambia empezou a atender o país de Malaui. Aínda así, moitos seguiamos acordándonos dos irmáns de Malaui e orabamos por eles. Como membro do Comité de Sucursal de Cimbabue, reuninme varias veces con representantes da sede central e con outros irmáns responsables de Malaui, Suráfrica e Zambia. Sempre que nos reuniamos, preguntabámonos: “Que máis podemos facer polos irmáns de Malaui?”.

Co paso do tempo, deixou de haber tanta persecución en Malaui. Os irmáns que escaparan do país empezaron a volver pouco a pouco. E os que non marcharan, notaron que a persecución xa non era tan intensa. Os países veciños comezaron a darlle recoñecemento legal ás testemuñas de Xehová e foron levantando as restricións. Mozambique fixo o mesmo en 1991. Pero a pregunta era cando deixarían de estar prohibidas as testemuñas de Xehová en Malaui.

VOLVEMOS A MALAUI

A situación política de Malaui cambiou co tempo e, en 1993, o goberno levantou a prohibición contra as testemuñas de Xehová. Pouco despois, un misioneiro preguntoume: “Vas volver a Malaui?”. Daquela tiña 59 anos, así que lle dixen: “Non, xa che vou vello”. Pero ese mesmo día chegounos un fax do Consello Reitor invitándonos a volver alí.

Non foi unha decisión fácil para nós porque nos gustaba moito a nosa asignación en Cimbabue. Botaramos raíces alí e fixeramos moi bos amigos. O Consello Reitor foi moi amable e tamén nos deu a opción de quedar onde estabamos. Así que tiñamos a oportunidade de escoller o noso camiño e quedar en Cimbabue. Esa sería a decisión máis fácil, pero recordo que pensamos no exemplo de Abraham e Sara. Cando xa eran maiores, deixaron a súa cómoda casa para seguir a guía de Xehová (Xén. 12:1-5).

Decidimos seguir a guía da organización de Xehová e volvemos a Malaui o 1 de febreiro de 1995, xusto 28 anos despois da primeira vez que foramos alí. Formouse o Comité de Sucursal, composto por dous irmáns e mais eu, e pronto nos puxemos mans á obra para volver a organizar as actividades das testemuñas de Xehová no país.

XEHOVÁ FAINO MEDRAR

Foi unha bendición moi grande ver como Xehová facía medrar a obra tan rápido. O número de publicadores pasou duns 30.000 en 1993 a máis de 42.000 en 1998.b O Consello Reitor aprobou que se fixese unha nova sucursal para atender as necesidades do territorio, que cada vez ían a máis. Conseguimos un terreo dunhas 12 hectáreas en Lilongwe, e asignáronme ó Comité de Construción.

En maio de 2001, o irmán Guy Pierce, do Consello Reitor, deu o discurso de dedicación das novas instalacións. Asistiron máis de 2000 testemuñas de Xehová do país, e a maioría delas levaban bautizadas máis de 40 anos. Estes fieis irmáns e irmás aguantaran moitos anos de cruel persecución mentres a obra estaba prohibida. Aínda que tiñan pouco en sentido material, eran ricos en sentido espiritual, pois a súa fe e a súa amizade con Xehová era moi forte. Ademais, tamén puideron visitar o seu novo Betel. Estaban tan contentos que se escoitaba en toda a sucursal como cantaban cancións do Reino con ritmo africano. Isto fixo que fose o evento que máis me chegou ó corazón en toda a miña vida. Demostrou de maneira clara que Xehová bendice enormemente os que lle son fieis durante as probas.

Cando rematou a construción da sucursal, pedíronme que fixese o discurso de dedicación nalgúns Salóns do Reino. As congregacións de Malaui beneficiábanse dun programa de construción rápida para Salóns do Reino en países con poucos recursos. Antes dese programa, algunhas congregacións reuníanse en casetos feitos con eucaliptos. Usaban unhas canas para facer o tellado e sentaban nuns bancos longos de barro. Pero agora, grazas a uns fornos que fixeran, podían cocer ladrillos para construír lugares de reunión moi bonitos. Aínda así, seguían preferindo ter bancos en vez de cadeiras porque, como di o refrán, “sempre hai sitio para un máis no banco”.

Tamén me emocionou moito ver como Xehová lle axudaba ó seu pobo a medrar en sentido espiritual. Sobre todo, impresionoume ver que os rapaces se ofrecían como voluntarios e como aprendían rapidamente grazas á capacitación da organización de Xehová. Como resultado, podían encargarse de máis responsabilidades en Betel e nas congregacións. Algo que tamén fortaleceu moito as congregacións foron os novos superintendentes de circuíto, moitos dos cales estaban casados. A maioría da xente esperaba que tivesen fillos e, nalgúns casos, ata as súas propias familias esperaban o mesmo. Pero estes matrimonios decidían non telos para poder facer máis por Xehová.

FELIZ COAS MIÑAS DECISIÓNS

Con Anne no Betel do Reino Unido

Despois de 52 anos en África, tiven algúns problemas de saúde. O Consello Reitor aprobou a recomendación do Comité de Sucursal de reasignarme ó Reino Unido. Deunos moita peniña deixar esa asignación que tanto nos gustaba, pero a familia Betel do Reino Unido está coidando moi ben de nós agora que imos maiores.

Estou convencido de que deixar que Xehová dirixise o meu camiño na vida foi a mellor decisión que puiden tomar. Se na miña xuventude confiase en min mesmo, agora a miña vida sería moi diferente. Xehová sabía dende o principio o que eu necesitaba no meu camiño na vida (Pr. 3:5, 6). Cando era novo, encantábame aprender como funciona unha empresa grande. Pero a organización de Xehová deume unha carreira espiritual que foi moito mellor ca iso. Para min, servir a Xehová foi e segue sendo un camiño que dá moita felicidade na vida.

a A historia das testemuñas de Xehová en Malaui publicouse no Anuario de los testigos de Jehová 1999, páxinas 148 a 223 (dispoñible en español).

b En Malaui agora hai máis de 100.000 publicadores.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir